9 de fev. de 2010

Solidariedade urxente cos Tres do Eixo

o3doeixo468x60

Fágome eco dunha acción urxente que cómpre divulgar e apoiar:

Hoxe máis que nunca é urxente a vosa solidariedade cos 3 do Eixo.

Neste momento teñen que facer fronte ao desembolso de 35.000 € en concepto de xuros de mora, que se suman ás importantes cantidadades que xa tiveron que pagar. Esta situación é absolutamente insostible para a súa economía e están abocados a un inminente embargo das súas vivendas e salarios se non satisfacen este pagamento en dez días. É, pois, moi urxente a solidariedade de todos nós para que isto non aconteza.

Pedimos a vosa colaboración para difundir a campaña “35.000 para os 3 do Eixo”, así como as achegadas individuais e colectivas na conta de Caixa Galiza 2091 0348 12 3040012185

Nesta páxina podedes atopar os banners para difundir esta camapaña nas vosas webs e blogs persoais. É imprescindíbel tamén a difusión desta mensaxe entre as vosas amizades vía: SMS, correo-e, teléfono, twitter, facebook…

Para calquera aclaración, dúbida ou suxestión podedes contactarnos no enderezo ostresdoeixo@gmail.com

Agradecemos por anticipado a vosa solidariedade.

PLATAFORMA POLO INDULTO DOS 3 DO EIXO

8 de fev. de 2010

Rosalía nos ollos de Curros

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:


Rosalía nos ollos de Curros
No 125 aniversario da morte de Rosalía de Castro

No emerxente sistema literario galego do século XIX cobra un especial relevo o recoñecemento inter pares dos escritores, ante a carencia ou inmensa fraxilidade doutras posibilidades de institucionalización. Así, na obra de Manuel Curros Enríquez aparece reiteradamente a exortación a ler escritores galegos, co argumento de evitar a alienación.

Entre estes autores ten unha relevancia especial unha muller, Rosalía de Castro, casada (co que iso ten de proxección pública) cun dos nomes máis importantes do movemento protonacionalista: Manuel Murguía. Ademais de convidar a ler os textos da escritora, a aparición rosaliana na obra de Curros prodúcese basicamente introducindo a propia autora como elemento temático, dándolle a consideración de símbolo da patria e vítima dos grupos que están contra o recoñecemento de Galiza. A creadora dos Cantares gallegos aparece nos versos de Curros sobre todo despois da súa morte, aínda que o escritor non deixará de recoñecela xa en vida (por exemplo, denominando a lingua como “harpa inmortal da doce Rosalía”, nos Aires da miña terra).

Curros posiciónase firme para reivindicar a pervivencia da autora na memoria do país en momentos históricos especialmente adversos. Por exemplo, en 1891, cando se data o poema “A Rosalía”, existía unha fortísima polémica sobre o traslado dos seus restos desde o cemiterio da Adina até San Domingos de Bonaval, onde hoxe repousan. Ese traslado foi boicotado pola Igrexa e as forzas da Restauración, mais abre unha etapa de utilización de Rosalía como símbolo da patria (así denominada) por parte dos rexionalistas.

Por outra banda, en 1904, cando se data o excepcional poema “Na tumba de Rosalía”, esta caera nun período de escasa difusión popular e aínda carecía de recoñecemento académico, que comezaría a producirse en 1909, coa edición madrileña en tres tomos das súas obras completas. Mais en 1904, cando Curros realiza a ofrenda floral e poética, nunha pequena visita a Galiza despois de dez anos en Cuba por perseguición política, o mausoleo compostelán onde se trasladaran os restos da escritora encontrábase nunha situación de abandono. Así, este poema é tamén un alegato contra o esquecemento dunha figura que loitou polos dereitos de Galiza e das que consideraba as súas representantes máis xenuínas: as clases traballadoras.

“Na tumba de Rosalía” constitúe, así mesmo, unha contundente crítica ao imperialismo a nivel internacional unida a unha vivisección da alienación de Galiza, onde “cecais que gabar grorias estrañas/ nos console das propias que perdemos”. Hai unha preocupación concreta polo desprazamento da cultura galega pola española, que se produce tamén reprimindo con métodos violentos nas escolas o uso do noso idioma ou o mantemento dos nosos costumes:
O valor, o carácter, as ideas,
fala, costumes... son “lendas douradas”.
¿De que coor serán ¡ai! as alleas
que nos fan ler a couces e pancadas?


N’O divino sainete contestara Curros as primeiras manipulacións de sentido da obra rosaliana, identificando Emilia Pardo Bazán –a principal representante do subsistema literario español na Galiza– como figura antitética. Mesmo na homenaxe póstuma a Rosalía que organizou o Círculo de Artesáns da Coruña a condesa criticou o “renacimiento” literario e considerou as composicións de Follas novas como “poemitas”. Por iso estes diálogo no canto III d’O divino sainete:

Eu sosteño, e traio probas,
que Galicia esperta; dígao
a autora das
Follas novas.

-¡Valente choromiqueira!
Poetas dese feitío
cómpranse a centos na feira.

Fai anos que unha mala peza
quixo coroala en vida
i eu tireillo da cabeza.

-Agora comprendo o gusto
con que lle rezou pola alma...
-Honrar aos mortos é xusto.

-Ese deber todos temos;
pero inda máis xusto acho
que os vivos non deshonremos.
Tamén nesta liña, nun fragmento do poema “O convento” (que é o número 31 da edicición testamentaria dos Aires da miña terra) faise un panorama da vida artística (sobre todo literaria) galega, onde uns loitaban por identificarse co país que emerxía, con toda a hostilidade social a que iso correspondía, e outros manifestábanse en contra da existencia dun campo cultural galego. Curros non anda con medias tintas:
Á cencia, á industria, ó arte
podes tamén, si queres, dedicarte:
Vivir do merodeo
do pensamento alleo
no cadro, na novela, na poesía;
faguerlle en vida ás nosas grorias guerra,
e sólo cando está baixo da terra
acordarte da probe Rosalía...
Os poemas “A Rosalía” e “Na tumba de Rosalía” padeceron modificacións significativas na súa transmisión textual, que mudaban aspectos importantes do seu sentido xenuíno, como a defensa explícita da lingua galega e a denuncia da agresividade contra Rosalía de Castro. Foi a crítica literaria desde o campo nacionalista –co nome chave de Francisco Rodríguez– quen alertará destas manipulacións, aínda hoxe rotineiramente repetidas, mesmo nalgúns manuais escolares.

En ambos os textos, hai unhas estratexias textuais que rompen de vez coa imaxe máis tópica e deturpada da escritora. Quen os lea, verá que se describe Rosalía como unha profeta (alguén que chega cunha mensaxe de redención), presentada como símbolo da patria galega e referente dunha loita de todos os pobos. Mais, polo contrario, no proceso de mitificación distorsionadora a respecto do que representou e significou en vida, no futuro poríase o acento na “Pobre da Tola”, esquecendo a “Musa dos Pobos”; triunfou a idea da “santiña”, igual que a da “choromiqueira” e a da “intuitiva xenial” fronte á noción da muller combativa e consciente, vítima da hostilidade social.

Este ano 2010 conmemoramos o 125 aniversario da morte de Rosalía de Castro. A efeméride podería ser unha boa escusa para divulgarmos mellor na sociedade, lonxe das deturpacións repetidas e tópicas, tanto a obra como o sentido das loitas revolucionarias da autora inaugural da literatura galega contemporánea. Ademais da indispensábel lectura completa e directa dos seus textos, os ollos poéticos de Curros sobre ela pódennos ser de grande axuda.

7 de fev. de 2010

Porque se amas serás o abandonado

Un precioso poema de Pilar Pallarés, do Livro das Devoracións, reeditado o ano pasado e que vos recomendo que compredes e leades quen aínda non o fixésedes:

Arte do gato

Ollar pausadamente o mundo desde lonxe
porque chegache ao alvo,
atrapache a sua eséncia
e era de desposesión.

Pero às veces o mundo ten a forma
deste sol de mañá que aquece os músculos,
deste ceu maternal que te amolece:
dar-se por hoxe ao éxtase,
render-se ante este asédio,
fazer como que a vida decidiu a xogada
e ten o rosto de deus.

Indolente e soberbo,
epicúreo
e escéptico,
contemplar o vazio na multiplicidade
e non desexar nada
e non amar
porque o amor é ficción, o anseio un canto
que as sereas erraron,
porque se amas serás o abandonado.

Deixar que as águas pasen
e os exércitos,
e un dia máis se incline baixo o peso de Hércules.

Só unha lene araxe arrepia o teu flanco,
distende a tua pupila.


5 de fev. de 2010

Desmontando a galegofobia


O libro 55 mentiras sobre a lingua galega ten hoxe unha presentación de Guinnes, con 69 lugares do mundo dando a coñecer este libro de forma simultánea. Aquí e aquí podedes consultar cal é o acto que vos queda máis próximo. Eu irei escoitar e aplaudir ás 20.30 h na libraría Couceiro de Santiago aos compañeiros Xosé Luís Regueira, Antón Dobao e Mª do Carme Ríos Panisse.

Quen non vos poidades achegar a ningunha das numerosas presentacións, sabede que tamén podedes ver en directo, desde aquí, a presentación en Vigo, con Agustín Fernández Paz, Manuel Bragado e Xosé Henrique Costas. Este último, sempre dinámico, activo e pedagóxico na defensa do noso idioma, foi o coordinador deste volume para ler e agasallar.

A profesora Pilar Ponte preparou esta presentación coas respostas a 20 das falsidades que se verten contra o noso idioma:

4 de fev. de 2010

Nine: un filme malogrado

Encántanme os filmes musicais. Desde The Sound of Music até Dancer in the Dark, pasando por Cabaret, Chicago, Moulin Rouge, Hedwig and the Angry Inch, Mamma Mia! e tantísimos outros. Atráenme ademais as películas con protagonismo coral feminino, como 8 femmes e Volver.

Pensaba que en Nine había algo disto, mais todo o que encontrei foi unha trama superflua e previsíbel, cunhas cancións orixinais malísimas e ridículas, nas que o hortera mesmo se presenta como algo tan sublime e profundo que só produce vergoña allea.

Aínda que algunhas actuacións poñan todo o seu esforzo en salvar as planísimas personaxes do filme e a fotografía estea moi coidada, desaconséllovos pagar entrada por ver iso.

3 de fev. de 2010

Saudoso

Aínda que non me gustan moito os vídeos que consisten nunha sucesión de fotografías, aquí vos deixo o que encontrei en youtube coa canción "¿A dónde van?", do Silvio Rodríguez, por ser o que tiña o mellor audio nestes momentos. Por certo, agardemos que o Silvio non demore moito en sacar o seu novo disco, Segunda cita, que xa nos anunciara para 2009 e que agora parece que chegará para mediados deste ano.

2 de fev. de 2010

As dúas principais institucións culturais do país critican a fondo o decretazo

Falaron as dúas principais institucións culturais do país sobre o decretazo e fixérono con absoluta claridade. Agora é responsabilidade do Goberno escoitalas a elas e a todas as entidades sociais que, nun clamor unánime, reivindican unha política de promoción do noso idioma no sistema educativo, de acordo co Estatuto, a Lei de normalización lingüística, o Plan xeral de normalización da lingua galega e a Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias; isto é, os consensos que nos representan a todas e a todos.

Cómpre lembrar, ademais, e isto é moi importante, que a análise da Academia Galega se aprobou por unanimidade e o ditame do Consello da Cultura Galega sen ningún voto en contra, a pesar de que no plenario desta última institución está representado o propio Goberno galego.

Velaquí os documentos oficiais, para ler e divulgar: