12 de jul. de 2009

Veña a esperanza!

Esta é a gravación da primeira vez que o Silvio Rodríguez cantou en público a preciosa canción "Venga la esperanza", no histórico concerto que ofreceu en Chile tras a ditadura:

9 de jul. de 2009

A Mesa impón

Bieito Lobeira, outro demonizado por defender a nosa lingua sen pelos na ídem publicou esta semana un artigo contra os ataques que está a padecer A Mesa. Velaí as súas verdades como puños:

A Mesa impón

Non, non me estou a referir ao tan gastado como falso argumento da “imposición do galego” que, seica, practica A Mesa pola Normalización Lingüística, segundo a versión dos que –estes si- impoñen o español e exclúen o galego sen ningún tipo de escrúpulos. Trátase doutro sentido, doutra acepción. A Mesa, efectivamente, impón, infunde respecto coa súa mera existencia, funcionalidade e traballo diario en defensa do idioma galego. Por iso lles doe tanto aos inimigos do galego.

Hai que lle botar valor para, desde un medio de comunicación tan absolutamente hostil contra a lingua e cultura galegas como é La Voz de Galicia, lanzar sen remorsos, sen o menor reparo, ataques contra A Mesa –nada menos que por finanzamento ilícito!!–, utilizando ademais a figura de Carlos Negreira, concelleiro coruñés e deputado do PP, pintoresco individuo distinguido precisamente polo seu odio contra a lingua galega e a súa disposición plena a infrinxir e quebrantar as leis en materia lingüística. Iso si, simultaneamente censúrase a voz da entidade social criminalizada. Aquí non hai código deontolóxico nin nada que se lle pareza. Contra A Mesa, contra os defensores do galego, vale todo.

Ben sei que a candidez, no mundo xornalístico, non existe. A imparcialidade, a neutralidade, o respecto ao pluralismo e a obxectividade son principios, agás honrosas excepcións, botados ao caldeiro do lixo de moitas redaccións. Tamén nos medios de comunicación de titularidade pública, caso da Televisión de Galiza, bochornoso exemplo de manipulación. Contodo, asusta comprobar como, precisamente o xornal que se caracteriza pola súa agresión ao país e á lingua, inculcando boas doses de autoodio á sociedade galega, é xustamente o máis subvencionado polas administracións polo... fomento da lingua galega!

Si, señoras e señores. Imaxínense o titular escandaloso: “O xornal La Voz de Galicia recibe máis cartos do erario público para a promoción da lingua galega que A Mesa pola Normalización Lingüística”. Vergoñento, non si? Mais rigorosamente certo. E coidadosamente ocultado. Cartos dos impostos de galegas e galegos para un xornal que emprega o galego nada menos que o 4,8% (95,2% en español). Vaia imposición do galego! E ademais en tempos de crise. Decididamente, para estes señores non hai austeridade.

É así. A Mesa non lles pon. A Mesa imponlles. Por iso a atacan. Porque saben que A Mesa é un valiosísimo instrumento do pobo galego en defensa do que é seu. Do que é noso. Da lingua galega.

6 de jul. de 2009

A sociedade móvese na defensa da lingua propia de Galiza

Velaquí o artigo que publiquei esta semana en Galicia Hoxe:

Queremos galego
A sociedade móvese na defensa da lingua propia de Galiza


A pesar do que digan desde as campañas difamatorias que agora están de novo en marcha, A Mesa non ten moitos recursos humanos nin económicos, aínda sendo a maior asociación cultural de Galiza en número de socias e socios. Por exemplo, A Mesa non ten diñeiro para circular por toda Galiza cun autobús coas súas propostas nin para pór en andamento grandes accións nos medios de comunicación.

Mais, en troca, esta agrupación cidadá ten un grande activo: a forza de moitas persoas que dedican boa parte do seu tempo libre a esta causa, ben delas cun ímpeto adicional desde que o PP comezou desde a Xunta a súa feroz cruzada contra o galego, travestida de “bilingüismo cordial”. É con este traballo voluntario e de boca a boca, con escasos medios, como se conseguiron a inmensa maioría das case 26.000 sinaturas reais que deron xa o seu respaldo ao Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego, que tamén se pode subscribir a través de internet no espazo web da Mesa pola Normalización Lingüística.

Na rúa

Na medida das miñas posibilidades, se a axenda me dá licenza, tento participar nas mesas de recollida de sinaturas e de distribución de material que o colectivo pon na rúa.

A primeira impresión que teño do tratamento directo coa xente nesta actividade é que nos últimos meses aumentou a agresividade dun sector da poboación contra o galego. É minoritario, mais moi preocupante para a convivencia. Penso por exemplo no caso de persoas que collen o folleto que lles entregas, o rachan diante de ti e che devolven os pedazos. Tamén houbo algunha situación onde a resposta por entregarlle un folleto era un insulto, mesmo nunha ocasión en Ourense un señor se puxo a berrar diante do noso posto, enfurecido: “¡El gallego debería desaparecer! ¡El gallego debería desaparecer!”.

O máis xeral, porén, é a idea de que houbo unha “imposición del gallego”, que funciona como lenda urbana da cal ninguén pode dar mostras, mais que se repite unha e outra vez. Fronte iso, hai un esforzo pedagóxico moi grande dalgúns compañeiros e dalgunhas compañeiras para debater coas persoas sensíbeis pola cultura, que se interesan polo tema, mais que só tiveron informacións nese sentido manipulador. Claro que tamén hai quen usa iso da “imposición” como un novo mantra co cal argumentar o seu odio irracional contra a lingua de Galiza, e aí xa non hai posibilidades para o debate.

Malia o antedito, para min tamén está a haber sorpresas moi agradábeis nestes actos de rúa. Vexo un fenómeno que cada vez me parece que está a coller máis forza e que dá esperanzas para o futuro, aínda coas súas contradicións e limitacións. Refírome á xente que fala en español no seu día a día, mais que ten unha actitude favorábel e, nalgúns casos importantes tamén cuantitativamente, está a se mover na defensa do galego. Non son mulleres e homes que poidan valorar a preservación da cultura galega como algo politicamente correcto mais alleo, senón que mesmo participan en concentracións e mobilizacións. Na histórica manifestación do pasado 17 de maio puidemos constatalo.

Gallego sí

Nun destes postos na rúa, achegueime a unha señora que pasaba: “Estamos a recoller apoios para un manifesto en defensa do galego”. A muller olloume con severidade escrutadora: “¿En defensa del gallego?” “Si, fronte aos ataques que está a recibir polo novo goberno da Xunta, para que se poida estudar en galego e usalo na administración”. O seu xesto facíame presaxiar unha resposta airada, mais deixoume chocado: “¿Seguro que es en defensa del gallego? Porque hay muchos que te dicen que es en defensa del bilingüismo y después lo que están recogiendo son firmas contra el gallego. Y eso no. Yo no lo hablo, pero lo defiendo”. Nesa mesma liña vai a repetida resposta doutra xente que tamén se achegou a asinar o manifesto: “Yo no hablo gallego, pero quiero que mis hijos sepan hablarlo y escribirlo.”

Claro que esta situación ten contradicións que están á vista de todos, mais tamén amosa unha importante esperanza para o futuro, cun aspecto que non entraba nas contas de Alberto Núñez Feijóo. Hai unha ostensíbel caída de falantes e unha situación de discriminación do galego, mais iso non é óbice para que haxa capas importantes da sociedade, especialmente nas cidades, que están dispostas a moverse en defensa da lingua propia do país, aínda non usándoa no seu día a día. De existiren os espazos de uso sociais necesarios, a igualdade de condicións reais co castelán, estas mulleres e estes homes poderían dar o paso da recuperación da lingua propia como idioma espontáneo e habitual.

Así, este ataque pode ser un golpe letal se non se dá a resposta acaída, mais tamén dá a oportunidade para pasarmos da “ritualización da lingua á libidinización da lingua”, como me valoraba non hai moito o psicanalista Manuel Fernández Blanco. Isto é, pasar de entender o galego como un complemento burocrático e amortecido a situalo como desexo e vida. Por usar outra metáfora, aínda que imperfecta, pasarmos da obriga do baño ao pracer da ducha.

Resposta social

Pensaba o PP que a súa política de ataques contra o galego ía ser un “paseíllo”, mais estase a encontrar cunha importantísima resposta social, por parte de persoas de principios e crenzas diversas e grupos tamén de natureza plural, mesmo algúns que por vez primeira na historia están a se mover na defensa do galego. A ninguén se lle oculta que veñen tempos duros, mais tamén é verdade que hai moitos indicios para nos mantermos firmes e esperanzados.

Agora mesmo, hai varias iniciativas abrollando para aglutinar forzas e traballar desde diferentes ámbitos para valermos o idioma que nos une como galegas e como galegos. Unha delas vaise concretar a vindeira terza feira, 7 de xullo, ás 17 horas na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela. A Mesa convocou para ese día, hora e lugar para constituír unha plataforma social aberta e plural, cuxa proposta de denominación é Queremos galego, seguindo coa mesma mensaxe que ateigou as rúas compostelás o pasado Día das Letras.

Tamén se propón que o eixo desta plataforma sexa a recollida de apoios para unha iniciativa lexislativa popular na cal A Mesa leva traballando varias semanas. (Anímate e participa!)

Destruír A Mesa

Non é casualidade que dous días antes desa reunión saíse nalgúns medios de comunicación unha nova campaña difamatoria contra A Mesa. O PP, igual que ataca o galego, tamén quere laminar esta asociación cidadá, como ferramenta que é da súa defensa, que alza a voz contra a discriminación lingüística e polo dereito a vivir en galego.

Os argumentos para a demonización da Mesa nesta fase son que recibiu diñeiro público para pór en andamento proxectos como o Voluntariado de Activación Lingüística (no cal participaron máis de 1.000 persoas) ou darlle un novo pulo ao Correlingua (no cal participan máis de 40.000 rapazas e rapaces cada ano). Din tamén, coas súas contas demagóxicas, que A Mesa recibiu sete veces máis diñeiro co bipartito que co PP, mais esquecen falar de como este colectivo estaba/está nas listas negras dos gobernos populares, por razóns ideolóxicas, a pesar de ser a maior asociación cultural de Galiza en número de socias e socios.

Cómpre lembrar que mesmo o TSXG chegou a emitir unha sentenza obrigando á Xunta, daquela presidida por Manuel Fraga Iribarne, a entregar axudas públicas á Mesa. Malia as súas dimensións e o seu nivel de actividade, esta asociación foi en máis dunha ocasión a única discriminada, de entre todas as solicitantes, en convocatorias públicas de axudas.

Mais aínda que queiran destruír A Mesa pola Normalización Lingüística, negándolle sectariamente o diñeiro público ou seguindo a máxima de “difama, que algo queda”, esta entidade ten ben claro que manterá as súas reivindicacións tan altas e tan claras coma sempre. Que ladren os inimigos do galego, que nós seguiremos cabalgando por esta causa xusta.

5 de jul. de 2009

A Mesa lamenta a campaña de demonización contra a asociación seguindo o principio de 'difama, que algo queda'

A Mesa presentará unha denuncia contra a manipulación informativa da TVG no Telexornal mediodía de hoxe e exixindo o dereito de réplica

A Mesa xa estivo nas “listas negras do PP” e o TSXG chegou a emitir unha sentenza obrigando a Xunta a financiar a asociación

A Mesa lembra que é a maior asociación cultural de Galiza e que ten dereito a presentar proxectos para que sexan financiados polas administracións, “igual que todo o mundo”


Perante as informacións publicadas hoxe por La Voz de Galicia e a TVG, A Mesa pola Normalización Lingüística quere sinalar:

1) Todos os convenios asinados pola Mesa pola Normalización Lingüística son públicos, de acordo co estipulado pola Lei de transparencia, e atéñense plenamente á legalidade, cumprindo con todos os trámites e principios éticos. A actual conselleira de Economía e Facenda, Marta Fernández Currás, que como é sabido foi interventora xeral da Xunta durante un ano na pasada lexislatura, pode dar testemuño do mesmo.

2) A Mesa non recibiu financiamento do Goberno galego para infraestrutura (como si recibiron e reciben outras asociacións con moita menos afiliación e actividade) nin para a súa liña de traballo reivindicativa, senón para proxectos concretos, presentados perante os medios de comunicación: o Correlingua en que participan máis de 40.000 rapaces cada ano, o Voluntariado de Activación Lingüística no que participaron máis de 1.000 persoas (e polo cal a Xunta recibiu unha axuda europea superior ás cantidades conveniadas coa Mesa nestes anos), campañas de sensibilización nos diferentes ámbitos, edición da revista mensual Longalingua etc.
En ningún caso A Mesa recibiu diñeiro público para comprar traxes de luxo nin desviar diñeiro ás Illas Caimán nin tivo axudas para certificar fraudulentamente obras inexistentes, aspectos todos eles realmente de gravidade.

3) A Mesa é a maior asociación cultural de Galiza cos seus máis de 3.500 socios e socias. Era unha irregularidade manifesta que esta asociación ficase excluída das axudas públicas e de desenvolver proxectos para as administracións a pesar das súas dimensións e da súa capacidade de actividade, demostrada nos seus 23 anos ininterrompidos de accións de reivindicación, sensibilización e promoción do galego en ámbitos nos que está discriminado ou excluído, amén do seu creto como entidade pertencente á Axencia Europea de Linguas Menos Estendidas, con rango de entidade consultiva na ONU.

4) A Mesa lamenta as listas negras en que estivo inscrita durante os anteriores mandatos do PP e que agora parece que se van repetir aínda con maior crueza. Nese sentido, cómpre lembrar que o TSXG chegou a emitir unha sentenza obrigando á Xunta gobernada polo PP a financiar a asociación, que era a única excluída, de entre todas as solicitantes, en moitas convocatorias de axudas públicas. O PP quere, de forma sectaria, que A Mesa deixe de recibir diñeiro público, acusando esta asociación de falsas ilegalidades e demonizándoa. É a súa unha visión totalitaria, de quen quere eliminar os seus inimigos, a pesar de que o labor que estean realizando sexa de interese público. Na súa galegofobia, moléstalles A Mesa como ferramenta contra as discriminacións lingüísticas e de defensa firme do dereito a vivir en galego.

5) A Mesa lamenta a forma tendenciosa de ofrecer esta información para dar a entender que existiu un trato de favor por parte do bipartito ou das consellarías xestionadas polo nacionalismo, o cal falta á verdade. Nese sentido, cómpre salientar:

a.
Non se citan ningún dos proxectos financiados, excepto a publicidade na revista Longalingua, que ademais é a publicación mensual en galego con maior tiraxe e difusión. Se recibir insercións publicitarias por parte das administracións fose delito, todos os medios de comunicación sen excepción estarían incorrendo nel, por certo moito máis que nesta revista cultural.

b.
Nunha redacción enrevesada e salientando os datos dun único ano (mesmo como subtítulo), dáse a entender que A Mesa recibiu máis diñeiro nesta pasada lexislatura por parte do Goberno galego que a Real Academia Galega, algo que non é verdade, como ben se pode comprobar a través dos mecanismos estabelecidos pola Lei de transparencia, mesmo a través de internet. En calquera caso, A Mesa sempre defendeu o financiamento público xusto da RAG de acordo con criterios lóxicos de legalidade, representatividade e actividade, e sen contraprestacións partidarias, como agora quere facer Alberto Núñez Feijóo.

c. Vaise tamén contra principios básicos de ética xornalística cando se dá e salienta unha información falaz, nunca contrastada por inexistente, a pesar de que foi desmentida ducias de veces pola asociación. Referímonos á repetición de que A Mesa enviou “600 cartas ameazantes a comerciantes”, que en ningún caso existiron. O mesmo se pode dicir sobre os supostos delitos que se lle apuxeron á Mesa nos medios de comunicación e que non foron respaldados por ningún tribunal, pola súa evidente falsidade, o cal non é impedimento para que algúns medios continúen xogando con esas insinuacións difamantes.

6) A Mesa presentará unha denuncia xudicial contra a TVG polo tratamento manipulador dado á noticia no Telexornal mediodía de hoxe e exixindo o dereito de réplica. Nun medio público como este, é máis de lamentar a manipulación, a tendenciosidade e que se dea voz unicamente a unha parte, curiosamente o concelleiro e deputado do PP Carlos Negreira, mentres nin se poñen en contacto cos portavoces da Mesa para contrastar a información.

7) A Mesa segue unha transparencia escrupulosa nas súas contas, someténdoas ao debate anual entre as súas socias e socios en asemblea xeral e cos convenios públicos informados a través de internet. É rechamante que, pola contra, se pase por alto o financiamento opaco de entidades creadas para atacar o galego. Así, a pesar de non contar case con afiliación, algún destes grupos declarou que ten medio millón de euros para actividades para este ano 2009 e demostra unha capacidade económica para realizar campañas mediáticas con anuncios a cor nos diarios de maior tiraxe e cuñas radiofónicas, aluguer de autobuses para percorrer toda Galiza etc que nunca A Mesa tivo, a pesar de ser a maior asociación cultural de Galiza.

2 de jul. de 2009

Reunión aberta para creación dunha plataforma social en defensa do galego - Queremos galego

A Mesa pola Normalización Lingüística convoca a todas as entidades que teñan interese en conformar unha plataforma social en defensa do galego a unha reunión aberta o vindeiro 7 de xullo ás 17 horas na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela, onde se acordará a estrutura e o programa de actividades desta nova plataforma, tan necesaria perante as fortísimas agresións contra a nosa lingua desde o actual Goberno galego.

A Mesa achegou xa nesta semana o convite a participar nesa reunión a todas as entidades que apoiaron a manifestación do pasado 17 de maio, aínda que está aberta a todos os colectivos da sociedade galega, de calquera ámbito, xa que a lingua a todas e todos nos afecta, a todas e a todos nos implica.

Entre outras posibilidades a debater, A Mesa proporá impulsar unha iniciativa lexislativa popular pola garantía do dereito a poder vivir en galego, na cal estiveron a traballar varios xuristas pertencentes ao Observatorio de Dereitos Lingüísticos.

A marcha da dignidade

Como unha das cousas boas da rede é que se poden reproducir aquí cousas que os medios tradicionais ou maioritarios censuran. Por exemplo, este artigo que o Faro de Vigo non quixo publicar, a pesar de ser asinado por un concelleiro gobernante da corporación olívica, Francisco Xabier Alonso Pérez:

A marcha da dignidade

Onte martes chegaron a Santiago máis de 2000 traballadores do metal da provincia de Pontevedra para reivindicar un convenio xusto.

Coincidindo con esta marcha, pedíronme da revista de pensamento político Terra e Tempo unhas notas sobre a situación do nacionalismo político na década dos 70, acerca da miña participación no inicio do sindicalismo nacionalista SOG (Sindicato Obreiro Galego), xermolo da actual CIG e da miña presenza como negociador do Convenio do Metal nos anos 76 e 77.

Teño que dicir que recordo como unha experiencia moi importante o meu paso como traballador do sector, e sempre vin como moi positivos valores que aportan á sociedade, por iso non dubidei en sumarme de maneira simbólica nun tramo da marcha.

Os traballadores do sector do metal coas súas reivindicacións aportan á sociedade, fóra de anécdotas puntuais de minorías, valores que moitos pensaron que morreran co século XX: solidariedade, ética, compañeirismo, demanda de xustiza. Na sociedade actual onde non cotiza á alza o colectivo, están dando leccións de democracia participativa, debaten sobre as propostas a negociar e toman as decisións coa participación aberta. Para a dereita son un exemplo perigoso, non dubidarían en quitarlles o dereito a mobilizarse por uns salarios xustos mentras miran para outro lado cando en Gondomar concelleiros do PP e do PSOE se alían no “partido do Cemento” para facerse coa Alcaldía con prácticas espúreas.

Grazas ao esforzo de empresarios e traballadores, Vigo é o motor industrial de Galiza, o sector do metal ten un grande impacto económico, por iso é normal e bo que os empresarios obteñan beneficios, pero non poden ser os traballadores o que paguen unha crise internacional que non crearon, non pode ser que os beneficios que as empresas deben obter sexa a costa do seu principal capital que é a man de obra.

Porque se algo non son os traballadores do metal é ser os causantes da crise, nen os que dispoñen contas en paraísos fiscais, nen os que acuden a illas con prostitutas de luxo.

Os traballadores do sector do metal son os que coas súas máns de mecánicos, soldadores, caldereiros, electricistas, chapistas, etc... constrúen e reparan os barcos cos que os mariñeiros pescan o peixe que comemos, coas súas mans construen os coches onde viaxamos, coas súas mans instalan a calefacción que nos dá calor no inverno, etc e aínda adican o mellor do seu tempo libre para organizarse, discutir as súas reivindicacións e mobilizarse para esixir o que en xustiza lles pertence. Ou son eles e as súas familias os culpábeis da crise?

É necesario a solución deste conflito xa. A Xunta de Galiza ten que exercer dunha vez as súas competencias, mediando activamente e facilitando o acordo.

A Marcha, co paso firme e a cabeza erguida, dos traballadores do metal, polas estradas de Galiza por un convenio xusto, merece ser escoitada polo Goberno de Galiza.

Campañas que seguen procurando apoios

Cando escribo estas liñas, 1.073 persoas están xa adheridas á ciberacción creada en Tuenti en defensa dos centros Quérote e do programa Entendo, de que falei aquí grazas á advertencia que a todas e todos se nos a través dunha carta ao director en Xornal de Galicia sobre o que estaba a acontecer. É unha cifra moi importante en só 48 horas. Se estades nesa rede social e aínda non o apoiastes, a que agardades? ;)

Por outra banda, o Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego segue aínda colleitando apoios con moitos folgos. Aínda que sen autobuses, azafatas, campañas nos medios de comunicación nin sinaturas fantasma, vai xa polos 25.462 respaldos individuais e 680 colectivos. Podedes adherirvos aquí.