22 de out. de 2012

Hoxe aínda facemos máis falta

Non veñen tempos doados. Temos unha Galiza cada vez máis desgaleguizada, a mordaza mediática é cada vez maior, o empobrecemento aumenta... No día de hoxe non se poden dar boas novas, é certo, mais tamén temos que saber afrontar estes tempos difíciles, pensar construtivamente sobre onde están os erros e como corrixilos, erguer a cabeza e actuar.

Gañar ou perder unhas eleccións non fai que as mentiras se convertan en verdades, que as actuacións ilexítimas se tornen lexítimas, nin transforma as causas xustas e necesarias en causas perdidas. Hoxe, coma onte, creo que Galiza é unha nación e que precisa autogobernarse, creo na plenitude de dereitos lingüísticos para o galego, creo na sanidade e no ensino públicos, creo na liberdade de expresión e na pluralidade informativa... Creo en todo iso, mais sei que hoxe é máis necesario do que o era onte que todas as persoas que acreditamos niso continuemos adiante. Eu estarei aí e quero estar contigo, porque virá o albor dun novo día.


5 comentários:

  1. O de onte, as eleccións ao Parlamento de Galicia, foi unha derrota sen paliativos para a esquerda deste país, ou quizais para o país completo...

    Non me corresponde a min, nin o pretendo, facer unha análise pormenorizada dos motivos que levaron a esta derrota.

    Pero quixera puntualizar unhas cantas cousiñas que nacen desa rabia que teño no corpo e porque se calo van acabar por dar unhas punzadas inaturábeis no meu estómago.

    Velaí van:

    1.- A dereita española foi quen de montar co paso dos anos un partido xigante capaz de acabar con todo aquilo que non lle interesa para os seus obxectivos económicos, porque a economía, que non a cultura (non lles interesa nin o máis mínimo) é a base de toda a súa visión do mundo.

    2.- Ese partido omnipotente e tamén omnipresente traballa día a día, hora a hora, para ver de levar a cabo eses obxectivos, e estou a falar, por poñer só un exemplo, de militantes que nunca deixan de captar afiliados e facer campaña alá onde van, colexios, asociacións e comunidades veciñais, postos de traballo variados, bares, tabernas... onde sentan cátedra acotío. Velaí a súa verdadeira maquinaria electoral perfectamente engraxada.

    3.- Dentro desa maquinaria electoral está, non podía ser doutro xeito, unha rede que semella imbatíbel de medios de comunicación que corean a cada momento as consignas ditadas dende os seus laboratorios de ideas, onde un gran grupo de asalariados escriben decote os guións para espallar a súa visión do mundo.

    4.- A maquinaria semella (é) tan eficiente que para calquera votante de dereitas deste país (dende o estremo até iso que chaman "centro") non hai dúbida ningunha no intre de acudir ao seu colexio electoral e escoller unha opción que votar (iso se a tal maquinaria non o leva ao lugar coa papeleta xa pechada no sobre e o carné de identidade na man).

    5.- E logo está a esquerda (dende iso que chaman "centro" até os estremos), que en realidade é (somos) maioría neste país.

    6.- Esa esquerda non foi quen de construír en todos estes anos de democracia nin a máis mínima maquinaria electoral que puidese combater os excesos da dereita, que son (e serán) moitos, o qie leva á descorazonada poboación aq pensar que David nunca vai poder vencer a Goliat, o cal non é certo.

    7.- O votante de esquerda adoita ter toda unha colección de papeletas que poder introducir na urna do colexio electoral. E aquí comeza o problema, porque non importa o número de votos. Segundo a lei electoral vixente o que interesa é obter unhas porcentaxes determinadas para acadar un número determinado de deputados.

    8.- E aínda por riba todos os partidos son tan puristas e tan protectores do recuncho ideolóxico no que se moven que semella non haber puntos de encontro posíbeis. En troques de defender o galiñeiro os galos pelean entre eles! Así nunca chegaremos a ningures!

    9.- Propoño unha reflexión colectiva que leve a reflexionar (valga a a redundancia) aos dirixentes da(s) esquerda(s) da necesidade verdadeira e urxente de procurar puntos de encontro que non nos fagan dubidar no intre de concorrermos aos colexios electorais, para que poidamos facer coma esa gran dereita fagocitadora de todo canto a rodea... unir forzas para unir votos, así de sinxelo.

    10.- Non é momento de laios: cómpre unha sesión de autocrítica por parte dos dirixentes da esquerda e cómpre que nos poñamos todos a tarballar XA! Ou iso ou depedirmos de todo canto levamos tantos anos a soñar!

    ResponderExcluir
    Respostas
    1. Iván del Río Paderne22 de out. de 2012, 19:08:00

      Brillante Xesús. Suscribo todas e cada unha das túas palabras. Sempre adiante.

      Excluir
    2. Moi bo analise, si, pero..Aqui, humildemente, esta uns dos erros de fondo que levanos ate o pozo onde estamos, explicome, falas de esquerda, de esquerda cando o que vai a menos, somos nos, os que temos no horizonte a galicia como nación soberana, que pares que é pouco, caseque nada.
      Saude

      Excluir
  2. Dá gusto ver xente con ánimo positivo, contaxiáchesme un pouquiño, Carlos, cómpre seguir dándolle duro, aínda que roer o que nos queda vai ser duro abondo.

    ResponderExcluir
  3. É cuestión de (máis) tempo. As cousas van ir ben!

    ResponderExcluir