2 de mai de 2011

Dez pasos para revitalizarmos o galego

Velaquí a miña colaboración desta semana no diario Galicia Hoxe:

Dez pasos

A plataforma Queremos Galego, despois do exitoso acto nacional deste sábado na sala Capitol de Santiago de Compostela, prepara xa as concentracións expansivas que se van desenvolver o día 17 de maio por toda Galiza. Nesa xornada poranse os focos sobre todo nos ataques contra o noso idioma que está a realizar o actual Goberno da Xunta, aínda que tamén no protagonismo que deberían ter os concellos á hora de revitalizar o noso idioma.

Cómpre que todas as persoas con sensibilidade lingüística nos movamos para que todas estas concentracións sexan un incontestábel éxito. Debemos ser conscientes de que nos encontramos nun momento de encrucillada para o noso idioma e que de nós dependerá que tome o camiño da vida e non o da súa residualización.

A denuncia ou advertencia sobre a responsabilidade dos poderes públicos non debe facernos esquecer que todas e todos temos tamén unha responsabilidade individual co noso idioma; que todas e todos podemos facer moito para que a lingua de Galiza se incorpore a todos os ámbitos da sociedade e goce dunha moito mellor saúde.

Con ese obxectivo de retomar e afianzar o papel individual no proceso de normalización chegará dentro de poucas semanas ás librarías o volume Como defenderes os teus dereitos lingüísticos,unha obra pensada como un manual práctico, mesmo como un manual de autoxuda para as persoas que, lexitimamente, queremos vivir en galego en Galiza.

Seguindo a mesma liña que percorro nese volume de próxima aparición, quero hoxe presentar unha serie de breves consellos ou pautas baixo o nome de "Dez pasos para revitalizarmos o galego". Este decálogo ten como base unha proposta realizada por Tilbert D. Stegmann, á cal xa fixen referencia noutro artigo desta sección e que tamén está incluída no meu libro En castellano no hay problema (Edicións Xerais, 2010). Porén, modifiqueino con algunhas ideas que recollín do “Hexàleg per sobreviure” escrito por Lluis Gon Saga para o caso catalán e adapteino libremente para a situación actual en que nos encontramos en Galiza no ano 2011. Velaquí os dez puntos, útiles para que os divulguemos e para que os practiquemos:

Dez pasos para revitalizarmos o galego

1. Fala en galego con todo o mundo: coa familia, coas amizades, coa xente que encontres pola rúa... Fai o propósito de te comunicares en galego sempre, mesmo con aquelas persoas coas que até o de agora falaches en castelán.

2. Respecta aquelas persoas que che falen noutra lingua, mais exixe que tamén as outras persoas respecten a túa. Non lle digas á xente que lingua debe falar. Abonda con que deixes que os feitos falen por ti.

3. Mantente fiel ao idioma galego. Continúa a utilizalo, aínda que che respondan noutra lingua. Se de verdade a persoa coa que estás a falar non te comprende e tes que mudar a outro idioma, faracho saber.

4. Se alguén se esforza en falar o noso idioma, a mellor forma de lle demostrares que valoras o seu comportamento é continuando a falar en galego con normalidade. Un eloxio exaxerado ou festexar diante doutra xente que esa persoa comezou a falar en galego pode causar vergoña e facer que axiña se abandone o galego. A normalidade é o maior afago.

5. Toma a decisión de escribires todos os apuntamentos, notas, correos electrónicos, cartas, etc. en galego. Escolle a opción de galego no teu caixeiro automático, no telemóbel, nas redes sociais de internet, etc.

6. Se for o caso, galeguiza o teu nome e restaura o teu apelido. Pídelle a todo o mundo que te chame así e escríbelle a institucións e empresas para que se dirixan a ti coa nova forma oficial do teu nome e apelidos.

7. Faite subscritor/a de publicacións escritas total ou en boa parte en galego. Le libros, asiste a espectáculos teatrais, musicais, cinematográficos, visita páxinas web etc, na nosa lingua. Apoia os produtos e servizos que usan o galego na publicidade, etiquetaxe, atención ao público, etc. Forma parte plena da comunidade lingüística galega!

8. Exixe de todas as administracións e empresas de que sexas clienta ou cliente que che escriban en galego. Faino amabelmente. Nunca esquezas no teu día a día solicitar que a documentación vinculada coa túa vida estea en galego, mais non perdas o tempo e os nervios en pelexas cos inimigos declarados da lingua do país. A eses déixaos de lado, ignóraos.

9. Se tes como lingua habitual o castelán e aínda non te ves capaz de falar en galego de forma frecuente, interésate pola lingua de Galiza. Loita contra as inxustizas que padece quen quere vivir en galego en Galiza, pois a represión dunha lingua é un acto de barbarie. Comeza escollendo o galego como idioma no teu caixeiro, nas túas redes sociais, no teu telemóbel, etc. E, o máis importante, tenta falalo e escribilo, porque a mellor defensa de calquera lingua é o seu uso. Non te cortes! Verás que, se te soltas, es capaz de falar en galego moito mellor do que imaxinas!

10. Se sentes un bloqueo psicolóxico, como adoita ocorrer para pasares a usar o galego con persoas e en ambientes en que sempre falaches castelán, podes comezar falándoo con descoñecidos, a practicalo en situacións novas, para o ires introducindo despois na túa esfera habitual. Non te avergoñes dos defectos de pronuncia ou escrita; respectar o galego mais a distancia, "sen rompelo nin lixalo", iso si que deteriora o idioma. Lembra que para falar un idioma ben, primeiro hai que falalo mal e que a lingua que non se fala é a lingua que morre.

Nenhum comentário:

Postar um comentário