28 de mai. de 2009

Físicos e enxeñeiros do CERN contra os prexuízos lingüísticos

Reproduzo aquí un recomendábel manifesto que me chegou por correo-e, que vexo que xa comeza a difundirse en diferentes páxinas e que paga a pena divulgarmos.

Grazas á xente que impulsou esta iniciativa! Temos que responder sen tregua, con argumentos e con exemplos claros estas ofensivas contra a lingua que nos une como galegas e como galegos.

Unha achega ao debate sobre o galego desde o CERN

Somos un conxunto de físicos e enxeñeiros galegos vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra, a día de hoxe uns dos laboratorios científicos máis importantes do mundo. Desde a distancia, levamos meses asistindo ao debate que se está a xerar sobre a posición que debe ocupar a lingua galega no noso sistema educativo. Esta cuestión está a provocar unha confrontación continua de posturas e opinións que se estende a distintos ámbitos da nosa sociedade. Se ben consideramos este debate lexítimo tamén coidamos que as posturas deben ser mantidas e defendidas desde a máis absoluta rigorosidade, a mesma pola que nós estamos rexidos nas nosas actividades científicas. E vémonos na obriga de intervir cando determinados argumentos que non seguen esta máxima aparecen por parte de persoas cunha opinión que non se restrinxe ao ámbito privado.

En declaracións ao Faro de Vigo, o voceiro da “Confederación das Asociacións de Pais de Alumnos de Colexios Concertados” (Congapa), José Ramón Hermida, dicía: “Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder”. Ben, for desde a ignorancia, for intencionadamente, declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbeis. E dicimos isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi diversos en galego. Nun entorno no que temos a sorte de traballar con algúns dos mellores físicos e enxeñeiros do mundo, o galego está, modestamente a través de nós, presente como vehículo de comunicación científica. E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala, pero é necesario que se saiba que tampouco o é o castelán. A lingua franca da ciencia desde hai moitos anos é o inglés, e desde logo se algunha lle discutiu no pasado tal condición esa non foi o castelán.

O noso obxectivo con esta carta é simplemente evitar que se empreguen argumentos falsos (ou falseados) na discusión dun tema tan delicado e importante coma este. E tamén reivindicar o galego como lingua que nos identifica sen excluírnos estando como estamos lonxe da casa.

No CERN en Xenebra a 26 de Maio de 2009.

Xabier Cid Vidal, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Patricia Conde Muíño, Doutora en Física de Partículas, Investigadora do LIP (Laboratório de Física e Instrumentação de Física de Partículas) - Lisboa (Portugal), experimento Atlas.
Daniel Esperante Pereira, Enxeñeiro de Telecomunicacións e estudante de Doutoramento na USC, experimento LHCb.
Teresa Fonseca Martín, Doutora en Física de Partículas, investigadora asociada da Royal Holloway University - Londres (Reino Unido), experimento Atlas.
Abraham Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, investigador Ramón y Cajal na USC, experimento LHCb.
Manuel Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, antigo staff do CERN no departamento de Física Experimental.
Marcos Mariño Beiras, Doutor en Física de Partículas, Catedratico de Física Matemática na Universidade de Xenebra (Suíza).
Diego Martínez Santos, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Cibrán Santamarina Ríos, Doutor en Física de Partículas, investigador asociado na McGill University - Montreal (Canadá), experimento Atlas.

5 comentários:

  1. Certamente estás convencido de que é máis importante este manifesto ca loita continua dos galegos anónimos a prol da lingua da súa nazón?.
    Persoalmente considero o manifesto moi positivo e exemplar para bípedes que habitan na Xunta pero nunca chegaría a magnificarlo como se está a facer.
    Non creo nos heroes. A maioría das guerras que teñen moitos heroes soen perderse, as revolucións silenciosas das xentes anónimas soen triunfar.
    Adiante co galego, a única lingua posíbel para un sitio do mundo chamado Galiza.

    ResponderExcluir
  2. representa o punto de vista que defende a normalización...nom é nada novo escoitar o que dín, e é sem dúbida o papel que termos que escolher para o galego: ser un vehículo de transmisión de conhecemento, e para iso, ten que ser empregado maioritariamente na escola. A normalización representa a posta en marcha de mecanismos para devolvera o galego o seu rol, aínda que sexa de xeito inxusto. Nom ao apartheid de Galiza Bilingüe!

    ResponderExcluir
  3. Só unha reflexión: Se o galego é útil para uns científicos do CERN, por que o noso Presidente quere eliminalo?

    ResponderExcluir
  4. Oiches Toño, e qué diferencia hai entre este manifesto e "a loita continua dos galegos anónimos a prol da lingua da súa nazón".

    Eu, ata onde chego considérome un galego anónimo e asino como científico unha contestación a unha afirmación estupida sobre o galego no meu ámbito de traballo.

    Cal é o arquetipo de galego anónimo? un que leva boina e calza zocas? un gaiteiro?

    E pola cantidade de e-mails que estamos recibindo a carta non só serve para que os da Xunta levan un recado, serve tamén para que moitos outros que están sufrindo este rexime de apartheid que se está instaurando sintan que non están sós e que noutros ámbitos outros pensamos e sentimos coma eles.

    Unha aperta a todos e todas.

    Cibrán Santamarina Ríos

    ResponderExcluir
  5. Como estudante de enxeñería en Vigo provocoume unha ledicia inmensa ler tal manifesto, xa estamos pensando en reenvialo masivamente pola universidade de Vigo para dar exemplo aos acomplexados (son moitos os que falan galego e o abandoan ao chegar a universidade) e calar aos ignorantes.
    Eses científicos heroes? Estase magnificando? Simplemente son galegos que no seu día a día, e estes días fixeron un manifesto (do sentido común)que causou sensación cada un fai o que pode. Cadaquén ten que buscar o que ten que facer

    ResponderExcluir