21 de mar de 2010

Recoñecemento de Harold Godwinson


Recoñecemento de Harold Godwinson

Unha noite de cinza caíu sobor da terra,
as lanternas andaban soas por entre os mortos
e nas feridas do máis ferido de todos
Edith Swanehals poñía a luz violeta dos seus ollos
por si aquel era Harold fillo de Godwin
que ela amara tanto.
E aquel mesmo era
a boca pola que saía un fío de sangue
pousada na boca terrea dunha toupeira.

Viña de lonxe o canto do mar. Edith sentouse
a carón do morto
e cun fío branco que tirou dos seus soñares
comezou a tecer un pequeno pano
pra tapar os ollos do Rei.

Escoitábase o mar, e mailas follas secas do bosque
arremuiñando nos camiños entre os outeiros.
A derradeira caricia de Edith foi aquel calado tecer
perto do morto, e cando saía a lúa
mesturou fíos azúes da luz da viaxeira cos seus
- as agullas ían e viñan en silencio
as mans movéndose coma quen anaina un neno
asegurándose de que aquel morto era Harold
o mirar violeta de Edith adentrábase máis e máis
nas escuras feridas,
recoñecendo o sangue do amante, e maila morte.
Así foi que Edith xa estaba cega
cando lle preguntaron quén
entre aquelas sesenta ducias de mortos
era Harold
- este, dixo sinalando, a tentas,
que facía cantar os reiseñores nas noites de verán
cando me bicaba e me decía
- Swanehals, Colo de Cisne, envelleceremos xuntos
pro ti máis lentamente.

(Álvaro Cunqueiro, Herba aquí ou acolá)

[Procurando información sobre a linda historia en que se basea este poema, encontreime cunha interesante curiosidade: unha modelo que quedou tan impresionada na súa adolescencia por estes versos de Cunqueiro que mesmo utilizou durante un tempo como sobrenome o da amada que recoñece entre a multitude ao rei desfigurado e morto. Así o conta ela mesma.

Por certo, disque Heine atribuíu o recoñecemento de Haroldo por parte de Edith a uns chupóns que esta lle fixera. Irreverente e non menos apaixonada versión.]

Um comentário:

  1. Moi fermoso este poema, sí... E ben curiosa a historia da modelo. Está ben que, nun blogue como o dela (en castelán e dunha temática moi diferente á cultura galega) cite esta obra da literatura galega que, segundo parece (defende o nome até as últimas consecuencias, como ben explica na ligazón que ti colaches)a marcou dende o instituto.

    Moi boa achega, sí señor.

    Apertas dende Barcelona

    ResponderExcluir