7 de mai de 2009

Mellor é sabelo


Mañá e pasado, sexta feira 8 e sábado 9, realízanse na sede da Fundación Paideia Galiza en María Pita unhas xornadas do Instituto do Campo Freudiano da Coruña sobre "Psicanálise, Ciencia e Falsa Ciencia", ás cales non vou poder asistir, a pesar de que o programa me parece interesantísimo.

O final do folleto de presentación deste evento fíxome graza porque me pareceu xusto o contrario do que se podería encontrar na lapela de calquera libro de autoaxuda. Tradúzovolo aquí:

A Psicanálise pode debater coa ciencia e amosar no caso por caso a súa eficacia, non promete a felicidade porque esta non é posíbel, mais sabe que tendo en conta o desexo e o gozo de cada suxeito, e facéndose responsábel del unha vez feito consciente, pode mudar algo e vivirse mellor.

Unha das persoas implicadas nestas xornadas e que intervirá ambos os días é o prestixioso psicanalista e psicólogo clínico Manuel Fernández Blanco. Encontreime con el na Coruña e solteille a chanza de que ese folleto de presentación parecía o anti márqueting, porque afirmaban que a felicidade non era posíbel. Cordial, porén serio e contundente, replicoume: "Mellor é sabelo".

Nenhum comentário:

Postar um comentário