10 de mai de 2009

E, agora, contra o Correlingua

Hoxe, Roberto Blanco Valdés arremete contra o Correlingua con demagoxia histriónica, emulando a Carlos Luis Rodríguez, que fixo tamén o propio hai uns días. Tanto lles molesta unha actividade lúdica e pedagóxica que serve para educar en actitudes favorábeis cara á lingua galega? Que ten de negativo un obxectivo coma ese, recollido en numeroso corpus legal, a comezar polo propio Estatuto de Autonomía?

Blanco Valdés amósase especialmente indignado polo feito de que no acto final de Compostela interviñesen "una concejala compostelana del BNG", "Anxo Louzao en nombre de la CIG (el sindicato nacionalista)" e "Fran Rei, de la Mesa pola Normalización Lingüística". Ben, nese acto estiveron na realidade dúas concelleiras con responsabilidade de goberno no Concello de Compostela: Mercedes Rosón, do PSOE, e Socorro García Conde, do BNG. García Conde, que máis que "una concejala compostelana del BNG" é a tenente de alcalde, ademais nese día era a alcaldesa accidental por estar Xosé Sánchez Bugallo de viaxe. Ou é que a democracia non vale cando o BNG ten responsabilidades de goberno?

O secretario xeral da CIG e o vicepresidente da Mesa alí estiveron, con toda a lexitimidade, como representantes de entidades que coorganizan esta actividade desde hai anos, xunto coa AS-PG.

Falamos, por certo, do mesmiño Correlingua que se desenvolvía tamén cando Corina Porro era alcaldesa de Vigo e alí acudía ela aos actos finais de entrega de premios. Por que daquela non escribiron Roberto Blanco Valdés e Carlos Luis Rodríguez artigos falando do tema? Até que grao chegará a falta de ética dalgúns?

7 comentários:

  1. Carlinhos, há que entrar de cheo no conflito. Os parvos de GB acabam de fazer uma cousa que nem imaginávamos, que o conflito linguistico seja visível por todos.

    A defesa da língua tem de mudar a estratégia. Sim a dous modelos de ensino público com perfís linguísticos. Sim a escolas cooperativas em galego.

    Nom se resolve tudo com uma manife.

    Há que dar alternativas para o dia a dia da gente.

    ResponderExcluir
  2. Non se resolve todo cunha manife, iso é así e todos o sabemos, compañeiro ou compañeira anónima. Hai que dar alternativas, tamén é certo. Mais tamén é verdade que non abonda con sentarse con moita concentración diante dun teclado a soñalas (que non digo que sexa o teu caso).

    Por outra banda, xa á parte das dificultades materiais para levalo a cabo, eu non vexo por que teñen que existir dous modelos de ensino público, en que poden beneficiar á convivencia (iso é básico), á cohesión social e mesmo en que poden beneficiar á lingua e cultura galegas. Nunha situación de autoodio e de exclusión e discriminación do galego como aínda se dá en tansísimos ámbitos, cantas nenas e cantos nenos, mesmo de familias espontaneamente falantes de galego, escollerían a liña en galego? E se non se garantir un mínimo de alumnado, irían entón automaticamente para a liña en castelán, xa que van existir eses dous modelos? Ou ficarían como un reduto estilo Molokay?

    Tanto niso como no referido ás escolas cooperativas, tampouco entendo que se dea por feito que se vai producir un retroceso histórico xa de certo. Estamos a mobilizarnos xustamente para impedilo. Xogar a perder non me parece nin a mellor táctica nin a mellor estratexia.

    Vémonos o 17, non é? ;)

    ResponderExcluir
  3. Ferrín escribiu este artigo hoxe sobre o Correlingua, so o título "Cinco mil nenos chían": http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2009051100_5_325622__Opinion-Cinco-nenos-chian

    ResponderExcluir
  4. Ti tamén queres que Ferrín che merque un carro?

    ;D

    ResponderExcluir
  5. Olá carlos:

    Vou facer unha proposta para o Día das letras en Compostela. Claro está que este ano vai ser histórico. Eu confeso que será a segunda vez que acuda (e recoñezo que a primeira foi un pouco por casualidade), e comigo irán, cando menos, oito persoas confirmadas, que tampouco foran nunca antes.

    PROPOÑO: que se recollan sinaturas para o manifesto o mesmo día da manifestación na propia manifestación (antes de comezar na alameda e ao final dela na Quintana). Deberíase anunciar, ao final da mesma que "están a recoller sinaturas 15 ou 20 persoas nomeadas pola Mesa, e que están situadas en cada curruncho da praza, diante da fonte en Praterías, etc... Achegádevos até eses lugares e asinade, por favor". Poderíamos aumentar, e moito o número de asinaturas...

    Un saúdo

    ResponderExcluir
  6. Sobre o do carro e o do Ferrín, é unha chanza que hai no facebook, cun grupo que di "Ferrín, cómprame un coche".

    Sobre o anterior comentario: Temos previsto facer un dispositivo de reparto de material diverso e tamén de recollida de sinaturas. Mais imos precisar brazos. Quen puider colaborar, por favor que envíe un correo-e a amesa@amesanl.org. Precisamos saber con que xente contar a ciencia certa para ese reparto ou recollida de sinaturas.

    Unha apertiña!

    ResponderExcluir
  7. Pois o artigo de onte dun tal Javier Sanchez-Agostino é aínda máis penoso. Nel que penso que fala como avogado, di que o chaman pais preocupado, non sei se para tomar accións legais.

    Nestes casos supoño que hai que dicirlles que ou tomen accións legais ou que calen a boca e non intoxiquen máis.

    ResponderExcluir