27 de jan de 2008

Romana, de Rosalía de Castro


Rosalía de Castro é, indiscutidamente, a figura considerada central e máis representativa -digamos canonizada- da literatura galega. Porén, continúa a ser unha autora moi pouco lida no conxunto da súa obra e da cal se segue a reproducir, de xeito maioritario, unha visión distorsionada.

Ricardo Carvalho Calero afirmaba, dun xeito moi pedagóxico, que de Rosalía se penduraban os mesmos prexuízos e tópicos que se lle penduran á Galiza. Desde o sistema educativo pódese e débese axudar a corrixir o descoñecemento da nosa forte tradición cultural e da nosa historia, pódense e débense ofrecer ferramentas para combater tanto prexuízo aínda vixente.

Moitos profesores e profesoras, así como organizacións diversas, tentan percorrer ese camiño, mais sen contaren co impulso e amparo necesario por parte de institucións fundamentais como a Universidade e a Administración educativa.

Así, na inmensa maioría dos libros de texto de secundaria insístese rotineiramente nos mesmos tópicos infundados sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro e continúanse a ignorar cuestións que os investigadores e as investigadoras puxeron claramente á luz desde hai lustros. Isto acontece nos materiais de lingua e literatura galega, mais dun xeito moitísimo máis grave nos libros de texto de lingua e literatura española, que causan auténtica vergoña allea por indocumentados.

Nesta postaxe só quero comentar un pequeno detalle pouco coñecido de Rosalía e que ten a súa importancia. Apetéceme falar diso porque penso que é máis que unha simple curiosidade e saíu hoxe á mañá nunha conversa cos amigos Fran e Gonzalo.

O caso é que chegou até os nosos días o fragmento autógrafo dunha obra de teatro escrita por Rosalía, cuxo título é o nome da protagonista feminina: Romana. No pouquísimo que se conserva da peza vemos liñas temáticas xa coñecidas da narrativa rosaliana, sobre todo presentes nesa xoia que é El Caballero de las Botas Azules.

Aínda que Romana non chegou a se publicar en libro nin a representar, si sabemos, grazas á correspondencia privada da autora, que circulou como manuscrito entre axentes políticos e culturais como Alejandro Chao e Ramón Rodríguez Correa.

Descoñecemos, polo tanto, o texto completo de Romana, mais sabemos sen dúbida ningunha que se trata dunha peza de Rosalía, quen tentou introducirse como autora teatral, con todo o que iso significaría de difusión social para alén das minorías alfabetizadas e, cun algo de sorte, de posibilidades de recoñecemento e ingresos económicos, dos cales sempre estivo bastante necesitada.

O fragmento que se conserva de Romana pódese consultar na Biblioteca Virtual Galega. Vaia tamén desde aquí un saudiño para Cilha Lourenço, Carlos Caetano Biscainho, María Cana e Laura Tato, con quen compartín os primeiros meses de andamento do proxecto da Biblioteca Virtual no ano 2002.

2 comentários:

  1. ¿Cál é a orixe da fotografía do artigo?
    ¿Sábese quén é o fotógrafo?

    ResponderExcluir
  2. Ola, Alfredo. Tes unha información xeral dos retratos que conservamos de Rosalía nesta páxina: http://rosaliadecastro.org/rosalia/imaxes/

    Sobre a que ilustra esta entrada, din: "Rosalía por Cardarelly. Santiago de Compostela na década dos 60 do século XIX. Colección da RAG."

    Unha aperta!

    ResponderExcluir