5 de jan. de 2008

Pels pels

Aproveitando estes tres días que me collín de kit-kat por Barcelona, Paulo e eu fomos onte ver a obra Pels pels, teatro interactivo e desenfadado que segue o típico esquema cluedo: un crime, varios sospeitosos... adiviña quen foi!

Eu estaba derreado de tanto camiñar de libraría en libraría ao longo da tarde e non prestei toda a atención debida á primeira escena, que é xusto cando se desenvolve a acción central, que nos ofrece as pistas para descubrir quen cometeu o asasinato.

Os mossos d'esquadra encargados de resolver o crime van precisar da axuda do público, que debe contradicir os personaxes no caso de que mintan na reconstrución do que aconteceu aquela tarde, que debe colaborar nos interrogatorios e, finalmente, acusar formalmente a un dos sospeitosos a través de votación a man alzada.

A obra é moi divertida e, segundo o decida o público, cada noite pode ir por un camiño ou por outro. Eu saín dándolle voltas á cabeza sobre como se desenvolvería o final da obra se a asasina fose outra personaxe diferente á que acusamos a maioría, a que parecía ter a mellor coartada...

Nenhum comentário:

Postar um comentário