3 de jan. de 2008

Formalidades e bibliotecas sen libros nin lingua

Leo sobre a polémica da inauguración da biblioteca sen libros en Santiago, unha biblioteca que por certo incumpre a lexislación lingüística en materia de sinalización de obras, xa que exclúe totalmente o uso do galego, aínda que parece que ningunha das administracións implicadas se percatou deste "detalle" que salta á vista de quen por alí se achegue.

Concordo con quen critica as formas dun ministro que, ademais, e iso é o que explica as ansias de foto, é cabeza de cartel do seu partido pola circunscrición da Coruña ás próximas eleccións de marzo. Ecoan as informalidades do verán, mais a memoria é fráxil e a actualidade é de caducidade inmediata, polo que pouco se lembra un acto tamén protagonizado por César Antonio Molina e Emilio Pérez Touriño onde se facía unha vergoñenta confusión entre partido e institucións, concretamente entre PSOE e Instituto Cervantes.

En 2005, pouco antes das eleccións, o Instituto Cervantes anunciaba que se ía celebrar en Galiza unha reunión de directores. Para presentar as xornadas, estaban César Antonio Molina (con toda lóxica, pois era o director da institución nese momento) e... o candidato á presidencia da Xunta de Galiza, Emilio Pérez Touriño. Así o podedes ler neste PDF do propio Instituto Cervantes.

Agora seguen os mesmos guións que daquela, só que con máis replicantes perante as súas incorreccións formais e os seus usos inapropiados dos aparatos institucionais para proveito partidario.

Nenhum comentário:

Postar um comentário