30 de out de 2007

Até o fim

Unha canción de dous grandes da música brasileira, o Ney Matogrosso e o Chico Buarque. Ao Ney coñecino grazas ao Márcio; ao Chico, moitos anos antes, grazas a Ana Gloria, a miña fantástica profesora de lingua e literatura española en primeiro e segundo de bacharelato, que me pasaba casetes coas músicas de Chico, Caetano, Paco Ibáñez, Vinícius de Moraes e algúns outros. Obrigado!

Xa que estou, aproveito para lle dar un saúdo á señorita Moneypenny e dedicarlle tamén a ela esta canción. Hai que seguir até o fin, a pesar dos "anxos safados"! ;)

29 de out de 2007

Máis representados, menos representantes

Crece o censo electoral en Galiza, porén baixa o número de deputados que os galegos podemos elixir nas próximas Xerais.

É fácil de entender: todos os "residentes ausentes" teñen dereito ao voto, mais non se teñen en conta á hora de decidir o número de deputados por cada circunscrición.

Non é iso perverso?

28 de out de 2007

Antropoloxía

Seica o profesor de prehistoria Carlos Alonso del Real tiña esta portada do Progreso no seu gabinete e dicía dela: "Señores, desde aquela sei que a antropoloxía serve para algo".

Fonte: Unión de correctores.

27 de out de 2007

Homofobia: lei e sociedade


A imaxe corresponde a unha campaña iniciada hai uns días na Toscana para sensibilizar a poboación contra a homofobia. Non vou entrar na discusión (coido que bizantina a efectos prácticos) sobre se a "orientación" sexual é algo que se trae desde o berce ou non. Mais chócame ver esta campaña aló, cando aquí, na Galiza ou no conxunto do Estado español, hai ben anos que non hai unha acción comunicativa ambiciosa nesa liña. Vaia, a última campaña así que eu recordo data de 1993...

Ninguén pode dubidar do salto adiante tremendo que se produciu coa legalización do matrimonio entre mulleres ou entre homes: un recoñecemento e unha visibilidade inimaxinábeis hai só catro anos. Porén, faltan algunhas medidas para consolidar estes adiantos. Por exemplo, que o Goberno español tome cartas no asunto dos xuíces e xuízas que, arbitrariamente, dificultan o casamento ou adopción ás parellas gais ou lésbicas. E, para min o máis importante, accións e medidas contra a homofobia no conxunto da sociedade.

Sen dúbida, hai liñas de traballo do Goberno galego que axudan, e moito, mais aínda non puidemos ver ningunha grande campaña que contribuíse a desmontar prexuízos e lendas negras sobre os maricóns e as marimachos.

Oxalá non tarde, porque algúns xa estamos máis que aborrecidos dos pescozos que se torcen e dos cuchicheos cando imos co noso mozo collidos da man, cando non os (pouco habituais, mais existentes) insultos provenientes da moto ou do coche que pasa.

Oxalá non tarde, porque hai adolescentes que o seguen a pasar moi moi moi mal cando recoñecen en si o estigma da homosexualidade.

26 de out de 2007

Ódiote

O amor e o odio, dous xeitos de dependencia, en ocasións tan xuntos, tan difíceis de discernir... Velaí un poema de Rosalía de Castro onde se volve achar o mesmo dilema:

Ódiote, campo fresco,
cos teus verdes valados,
cos teus altos loureiros
i os teus camiños brancos
sembrados de violetas,
cubertos de emparrados.

Ódiovos, montes soaves
que o sol poniente aluma,
que en noites máis sereas
vin ó fulgor da lúa,
i onde en mellores días
vaguei polas alturas.

E ti tamén, pequeno
río, cal n'outro hermoso,
tamén aborrecido
es antre os meus recordos...
Porque vos amei tanto,
é porque así vos odio!


24 de out de 2007

Odeio você

No concerto defendeuno como unha declaración de amor máis profunda. Para min, que aínda non ouvira o novo disco do Caetano Veloso, foi unha das grandes descobertas. A ver que é que vos parece:



A LETRA DE "ODEIO", DO DISCO :

veio um golfinho do meio do mar roxo
veio sorrindo pra mim
hoje o sol veio vermelho como um rosto
vênus, diamante, jasmim
veio enfim o e-mail de alguém

veio a maior cornucópia de mulheres
todas mucosas pra mim
o mar se abriu pelo meio dos prazeres
dunas de ouro e marfim
foi assim, é assim, mas assim é demais também

odeio você, odeio você, odeio você
odeio

veio um garoto do arraial do cabo
belo como um serafim
forte e feliz feito um deus, feito um diabo
veio dizendo que sim
só eu, velho, sou feio e ninguém


veio e não veio quem eu desejaria
se dependesse de mim
são paulo em cheio nas luzes da bahia
tudo de bom e ruim
era o fim, é o fim, mas o fim é demais também

odeio você, odeio você, odeio você
odeio

23 de out de 2007

Troco Silvio x Caetano

Silvio comeza mañá e pasado en Barcelona a súa xira peninsular, que desta volta non vai chegar á Galiza. Novamente, a pesar de ter pousada aló, non vou poder asistir ao concerto dun dos meus favoritos.

Porén, algo cósmico se moveu para compensalo, porque unha amiga da alma me convidou a asistir ao concerto de Caetano Veloso hoxe na Coruña.

Para festexalo, póñovos un vídeo de Caetano a dúo con Roberto Carlos, "Como dois e dois". Un saúdo desde o ciberespazo ao Márcio, con quen descubrín esta canción a través da voz de Gal Costa:

17 de out de 2007

Cabo Verde na Galiza

Hoxe comezan as xornadas Galeguia, organizadas pola Fundación Via Galego, que cada ano se centrarán nun territorio do sistema lingüístico galego-portugués. O arquipélago de Cabo Verde é o protagonista en 2007 e nos encontros estarán algunhas das principais figuras da cultura e da economía caboverdiana.

A idea é seguir a última frase do personaxe de Ricky no filme Casablanca: irmos construíndo o comezo de grandes amizades.

15 de out de 2007

Os telemóbeis non nos entenden

O compañeiro Paul Bilbao, que dirixe a fundación Observatorio de Dereitos Lingüísticos do Euskara (Behatokia) e o Euskararen Telefonoa, deume a coñecer este vídeo que toma con humor a vulneración sistemática do dereito a usar os nosos idiomas en algo tan diario como a telefonía móbil.

Por moito que queiran minarnos, non nos daremos por vencidos!

14 de out de 2007

Mika


Dentro dos meus gostos eclécticos (digámolo así), debo recoñecer que son un fan de Mika desde comezos do verán. Primeiro foi "Grace Kelly", coido que lle seguiu "Love Today", despois "Happy ending" e, ao final, todas... Cada unha co seu encanto, claro.

Non vou poder ir ao concerto que dá en Barcelona o próximo día 18. Ademais do traballo habitual, esta semana celébranse, con actos en Santiago, A Coruña e Vigo, os encontros Galeguia, este ano centrados en Cabo Verde. Os actos completos están na axenda do blog (que está abaixo de todo) e son de entrada libre.

Fícame o consolo de saber que puiden velo, na mellor compaña posíbel, este verán pasado en Eivissa. Que concertazo! Poño aquí o vídeo que fixo o Channel 4 británico desa noite. Quen me encontre entre o público leva premio ;)

Parte 1


Parte 2


Parte 3

13 de out de 2007

Uah! Uah!

Coñecina a través dun anuncio de carros e agora descubrín que se trata dunha canción irlandesa do século XIX que tivo diferentes versións e letras ao longo do tempo.

Luar na Lubre pónnola en galego. Eis o vídeo.

Por certo, non gostades tamén da suave expresividade de Sara Vidal?

12 de out de 2007

O xenocidio do pobo armenio

(Hitler, 22 de agosto de 1939)

O Estado de Israel encóntrase entre os que negan ese xenocidio.

Para quen non o vise, recomendo o filme Ararat, de Atom Egoyan, unha narración poética sobre as posibilidades de poder contar a súa historia este pobo negado, masacrado e obrigado á diáspora.

10 de out de 2007

Piedade cristiá?

No informe Nunca más elaborado para investigar e informar das atrocidades da ditadura arxentina do 76 ao 83, un policía conta o seguinte, que copio e pego literalmente:

Se desciende a los tres cuerpos de los ex subversivos que en ese momento estaban vivos. Los tiran a los tres sobre el pasto, el médico les aplica dos inyecciones a cada uno, directamente en el corazón, con un líquido rojizo que era veneno. Dos mueren pero el médico da a los tres como muertos. Se los carga en una camioneta de la Brigada y los lleva a Avellaneda. Fuimos a asearnos y cambiarnos de ropa porque estábamos manchados de sangre. El padre Von Wernich se retiró en otro vehículo. Inmediatamente nos trasladamos a la Jefatura de Policía donde nos esperaba el Comisario General Etchecolatz, el padre Christian Von Wernich y todos los integrantes de los grupos que habían participado en el operativo. Allí el cura Von Wernich me habla de una forma especial por la impresión que me había causado lo ocurrido; me dice que lo que habíamos hecho era necesario, que era un acto patriótico y que Dios sabía que era para bien del país. Estas fueron sus palabras textuales...
Testemuño de Julio Alberto Emmed

Christian Von Wernich é o capelán católico condenado onte a cadea perpetua pola súa participación en delitos de lesa humanidade: 34 secuestros, 31 torturas e 7 asasinatos.

Sobre o caso, houbo algunha declaración para a galería das autoridades eclesiásticas locais.

O Vaticano nin se pronunciou.

(A imaxe é a emoción e o festexo ás portas do xulgado ao saberen da condena.)

8 de out de 2007

As tres letras mundiais do teu nome

Hai corenta anos da execución do Che. Eu traio o fascinio pola súa figura desde a miña viaxe á Habana no verán de 1997, unha viaxe para min crucial en moitos sentidos, aínda que non se axuste a ese principio cabalístico de que as cousas máis trascendentes da vida acontecen cada sete anos.

Daquela, na illa conmemorábase o 30 aniversario da triste nova da súa morte. Eu ía aló dentro da delegación galega que asistía ao Festival Mundial da Xuventude e os Estudantes, no que era imposíbel deixar de ter presente a súa figura. De facto, o himno do evento era a canción "Son los sueños todavía", fermosísima, da que terei que falar nunha postaxe futura.

Lembro tamén que na Habana Vella un compañeiro comprou un libro de homenaxe ao Che que recollía poemas de varios escritores do mundo celebrando o guerrilleiro. Entres eles estaba Celso Emilio Ferreiro e, estou case seguro, Xosé Luís Méndez Ferrín. Ademais, estaba alí un poema lindísimo de Mario Benedetti, que agora vos deixo na súa voz, e que é desas cousas bonitas que me fan ter a Benedetti como un dos meus poetas predilectos:

7 de out de 2007

A edición en galego

Os directores de dúas das principais editoras do país, Vítor Freixanes e Manuel Bragado, analizaron a situación do mercado do libro en Galiza e en galego tras a saída do relatorio Comercio interior del libro en España 2006, da Federación de Gremios de Editores.

Non quero repetir aquí as fundamentadas visións de ambos, en aspectos como o leve decrecemento do número de exemplares editados en galego e das súas tiraxes, porén cun crecemento moi importante na facturación. Sobre isto último, Bragado explica que en boa parte se debe a que a Consellaría de Cultura mudou o modelo de subvencións por un modelo de compras, o cal quere dicir que agora ese apoio económico se consigna nesoutra epígrafe.

Tanto no relatorio como nas súas análises se sinala tamén a dependencia que o libro en galego ten do sistema escolar. Botándolle un ollo ao reporte, veremos como Galiza é, xunto con Andalucía, o territorio do Estado onde máis se compran libros grazas ao comezo do curso. No trimestre que inclúe setembro, fanse na nosa nación case a metade das vendas bibliográficas do ano! Evidentemente, non todos eses libros están en galego. É unha mágoa que non se indiquen as porcentaxes de vendas segundo lingua, porque teño para min que é unha proporción superior a que se vende nesta época no caso do noso idioma (a outra grande parte, é de supor que será en maio).

Todas e todos sabemos que en Galiza o libro en galego continúa a estar aminorado, nunha situación de esmagante inferioridade a respecto do libro en castelán. O cliente habitual ou esporádico das librarías segue sen poder ter unha oferta en galego minimamente equiparábel en diversidade, accesibilidade e asequibilidade á existente en español. A situación de partida é moi má, polo que non nos queda outra que festexar calquera mínimo espazo que se poida gañar e, sobre todo, consolidar.

A difusión e potenciación das obras en estándar portugués axudaría a fuxir un pouco do paraugas omnipresente do castelán, mais de momento iso baséase no voluntarismo e militanza da libraría disposta e da clientela moi interesada. Que eu saiba, tamén non temos datos en ningún estudo sobre cal está a ser a incidencia deste pequeno mercado dentro da Galiza.

En relatorios como este da Federación de Gremios de Editores, sempre contrasto unha cifra, que me parece ilustrativa da situación. O vasco, a pesar de ter un número menor de falantes que o galego (de momento), ten un volume de edicións semellante. De facto, no ano 2004 mesmo se publicaron máis libros en éuscaro do que nesta lingua en que agora escribo. Non se me escapan moitas das razóns desa situación, como un apoio institucional consolidado en varios frentes e ao longo dos anos. Pregúntome se nós imos, cando menos, por un camiño semellante.

(Publicado como artigo en GzNación o 11/10/07).

6 de out de 2007

Oito mulleres

Adoro os filmes musicais. Un dos meus favoritos é Oito mulleres, de François Ozon. Recordo que o fora ver a Cineuropa (coido que a edición de 2003) por dúas razóns: porque daquela me dera por tentar aprender francés e porque eu era xa un fan de Catherine Deneuve e de Isabelle Huppert. Tanto gostei que, só na gran pantalla, ese ano vino tres veces.

Aquí vos vai a canción que interpreta Fanny Ardant no filme. Que vos preste!

Bon dia!

Linda cançoneta para cantaruxar e comezar o día con alegría:

5 de out de 2007

Sexy boy

Unha canción moi suxerente que coñecín grazas aos atracóns de episodios de Queer as Folk que nos demos hai un par de aniños...

Postaxe dúas

Como simplemente sigo en probas e aínda non quero contar nada, pois unicamente poño isto, que é como non pór nada.

4 de out de 2007

A primeira postaxe

Esta é simplesmente unha mensaxe en probas, por ver se dou tido certa disciplina e método para facer un blogue.