11 de mai. de 2015

Atravesar o fantasma: de Ribeira a Ribadeo


Hoxe teño un día completo, en especial por volta do poemario Atravesar o fantasma. Como se pode ver na fotografía do cartaz pendurado no IES Leliadoura de Frions (Carreira, Ribeira), ás 10.50 falarei para varios grupos de estudantes do meu concello sobre este libriño. Xa vos contarei que tal foi a cousa.

A primeira hora da tarde ministrarei outra conferencia para estudantes de secundaria de Ribadeo sobre Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Xa polo serán, ás 20.30 h. na libraría Casa das Letras, conversaremos con todas as persoas interesadas sobre vida, poesía e psicanálise e como se declinan en Atravesar o fantasma. É un acto organizado pola dinámica asociación cultural Francisco Lanza.


(A foto débolla a Uxía, aka summertimeplz no Instagram.)

8 de mai. de 2015

A infancia esquecida

 

O Instituto do Campo Freudiano en Galiza organiza esta tarde e mañá de mañá a súa xornada anual, nesta ocasión co tema "A infancia esquecida". Os actos comezan hoxe na Fundación Paideia, na praza de María Pita, 17, da Coruña. As persoas interesadas poden matricularse nesta ligazón.

Velaquí o programa:

8 de maio

17 h. Flashes
- "O interese superior do menor", Carmen Garrido.
- "Literaturizar a infancia. Dunha escrita a outra escrita", Carlos Callón.
- "O tempo hiperactivo", Marta Maside.
- "A memoria colectiva", Mª Jesús Aradas.
- "De que esquecemento falamos?", José Gómez.
Presenta: Carmen Garrido.

 19 h. Descanso.

19.30 h. Máis flashes
- "Escoitar o inconsciente", Eugenia Insua.
- "A infancia eternizada", Liana Velado.
- "O suxeito na discapacidade", Lucía Fernández Álvarez.
- "Debuxando a felicidade", Juana Vázquez Silva.
- "O esquecemento dos nenos", Almudena Collantes.
Presenta: Dolores García de la Torre.

9 de maio

10 h. Conferencia: "A infancia esquecida, o lugar do neno", Mariam Martín Ramos.
Presenta: Eugenia Insua.

11.30 h. Descanso.

12.00 Conversa e debate.
Coordina: Manuel Fernández Blanco

7 de mai. de 2015

No tempo de Follas novas

Teño nas miñas mans un exemplar do libro No tempo de Follas novas, ideado e coordinado por Pilar García Negro. Trátase dun abano en que se representan algunhas plumas contemporáneas de Rosalía, como ben se pode aventurar se se uniren o título e a tan afortunada cuberta que aquí vemos. Así mesmo, como introdución inclúese unha antoloxía e un proveitosísimo comentario inicial sobre ese poemario rosaliano.

Volverei neste blogue máis adiante para comentar algo máis sobre este traballo, ao cal contribuín cunha pequena achega sobre a escritora brasileira Júlia Lopes de Almeida. De momento, quero avisarvos de que a presentación en Lugo será hoxe ás 19 h no Museo Provincial e mañá en Santiago ás 20.30 h na Feira do Libro.

2 de mai. de 2015

Listas negras, listas brancas

 


En listas negras institucionais xa estou abondo, así que a miña alegría se multiplica por estar nas listas brancas de tanta xente:

Atravesar o fantasma continúa como o libro de poesía en galego máis solicitado, por terceiro mes consecutivo. Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez permanece entre os libros máis vendidos en Amazon no noso idioma e, a nivel de Estado, entre os máis demandados nas seccións de "Lingüística" e "Gramática".

Moitísimas grazas!

27 de abr. de 2015

A páxina 52

Os últimos versos que decidín incluír no libro Atravesar o fantasma son os da páxina 52. Para que as proporcións buscadas para o poemario permanecesen, tiven que retirar o texto que alí estaba previamente. Coméntoo porque vin que, na secuencia do libro, esa paxiniña foi a que máis respostas e comentarios me fixo chegar.

Penduro aquí o recitado solto desas liñas. Foi o colofón ao acto de presentación en Betanzos, na libraría Biblos. Como veredes, tiven o luxo de que me acompañase Miguel Anxo Fernán Vello.

O vídeo gravouno e pasoumo Xacobe Meléndrez Fassbender.