O 6 de decembro de 1931 concluía a VII Asemblea Nacionalista, convocada polas Irmandades da Fala, coa creación do primeira grande formación partidaria nacionalista do noso país: o Partido Galeguista. O nome da organización, por certo, débese a Valentín Paz Andrade, a quen dedicaremos o Día das Letras en 2012.
Esta efeméride é un exemplo de unidade e de traballo ante as adversidades que podemos ter moi en conta para o presente.
A moza Đurđa Pokrajak participou nun concurso da televisión serbia cantando os temas "Negra sombra" e "Lela", cuxas letras son, como se sabe, de Rosalía de Castro e Daniel Castelao.
Ademais da emoción que se sente ao ouvila, un pregúntase como é posíbel que sexa máis "doado" escoitar cancións en galego na televisión Serbia do que en Tele 5, Antena 3, La Sexta... ou mesmo TVE.
Esta tarde fecharemos as xornadas sobre homosexualidade na cultura e, en especial, na literatura galega. Como cada un dos outros días, os relatorios desenvolveranse a partir das 18 h no IES Blanco Amor. Porén, o recital, ás 21 h, será no Liceo.
A primeira sesión, sobre Fermín Bouza Brey, correrá a cargo do escritor Antón Lopo. Despois, a profesora da Universidade de Santiago Isabel Morán falaranos sobre a homosexualidade nas sátiras medievais galego-portuguesas. Finalizará a parte de intervencións académicas Susana Reboreda, da Universidade de Vigo, comentando a sexualidade na época clásica.
O recital da noite acollerá sobre todo novas propostas creativas. Haberá sorpresas, así que vos recomendo vivamente a asistencia!
A actividade destes días tivo unha pequena acollida onte no programa Zigzag Diario da TVG, como podedes ver no seguinte vídeo, entre o minuto 8.24 e o 9.03
Hoxe é o Día Mundial contra a Sida e tamén a data en que se conmemora o falecemento de Eduardo Blanco Amor, o centro do (proto?)canon homosexual galego. Non é por casualidade que as xornadas que estamos a realizar en Ourense sexan nesta semana.
Ás 18 h continuarán as actividades, xustamente no IES Blanco Amor. Principiará Luís González Tosar comentándonos a Ars Amandi do autor d'A Esmorga. Continuará Celia Pereira Porto achegándonos a un tema que está moi de actualidade: a homosexualidade nas leis. Por último, ás 20 h Gonzalo Hermo traeranos unha focaxe global so o nome "Semiose homo, escrita queer. Consideracións sobre o estudo da cultura LGBT do punto de vista da teoría literaria.