3 de jan. de 2010

Entrevista en Galicia Hoxe e El Correo Gallego

Hoxe, os diarios Galicia Hoxe e El Correo Gallego publican unha entrevista comigo, dentro da serie "Actores do cambio", de Luis Pousa.

Na conversa, anunciada na portada de ambos os xornais, abórdase a situación actual da lingua e o relativo ao novo decreto contra o galego no ensino, así como cuestións de gustos e perspectivas persoais. As fotografías son de Antonio Hernández.

Acto de Queremos Galego mañá na Estrada

2 de jan. de 2010

Hoxe, caravana de Queremos Galego na Barbanza

Veño dunha conferencia de imprensa para valorar o decreto contra o galego e pola tarde participarei nun acto da plataforma Queremos Galego na miña comarca natal: A Barbanza. Se vos for posíbel, participade!

Reproduzo o comunicado, co programa de actos, que finalizarán ás 20 h cunha concentración a carón do palco da música no Malecón, en Ribeira:

A Plataforma Queremos Galego da Barbanza convócanos, a toda a cidadanía da Barbanza, a participar nunha caravana de automóbiles reivindicativa o vindeiro sábado, 2 de xaneiro, a partir das 18:00 horas. Sairá do Porto de Rianxo e rematará cunha concentración diante do palco da música, na Avenida do Malecón de Ribeira

Este acto enmárcase dentro dos que a Plataforma Queremos Galego ten previsto celebrar por todo o país en sinal de rexeitamento á aprobación do novo decreto contra o galego no ensino no que, por primeira vez na historia da nosa autonomía, se lexisla en contra do idioma propio de Galiza. Neste caso reducindo a súa presenza no ensino, do 50% ao 33%.

Programa:

Rianxo: Saída ás 18:00 horas do Porto de Rianxo, diante da confraría, darase unha volta polo casco de Rianxo e sairase cara a Boiro pola AC-305.

Boiro: Está prevista a chegada ás 18:30 horas, darase unha volta pola casco urbano para saír até A Pobra.

Pobra: Chegarase un pouco antes das 19:00 horas, darase tamén unha volta pola vila e logo sairase cara a Ribeira.

Ribeira: Está prevista a chegada á capital da Barbanza sobre as 19:30 horas. Despois de dar unha volta polo casco urbano rematarase ao final do Malecón. Logo de aparcar farase unha concentración a carón do palco da música do Paseo do Malecón, onde se dará lectura ao manifesto feito pola plataforma Queremos Galego ao redor das 20:00 horas.

Podes participar na caravana desde o seu inicio en Rianxo, incorporándote no transcurso do traxecto ou na concentración final en Ribeira.

30 de dez. de 2009

Este decreto ímosllo tombar



  • Podedes consultar aquí a proposta de decreto contra o galego, en pdf na páxina da Xunta.

Veño cheo de enerxía da manifestación de resposta ao decretazo contra o galego. A participación, en moi poucas horas e a través do boca a boca, superou, máis unha vez, as expectativas. A pesar do día, no cal por momentos choveu a cachón; a pesar de que non houbo tempo para máis que enviar sms e correos electrónicos; a pesar de que foi na véspera de fin de ano, a contestación foi palpábel, enerxizante.

A maior agresión contra o noso idioma en toda a autonomía xa se concretou, cunha norma regresiva que incumpre a Lei de normalización lingüística. Agora temos que continuar coa exitosa presión de rúa, cuxa próxima cita será o paro xeral no ensino o 21 de xaneiro, convocado pola plataforma Queremos Galego.

Ademais, debemos transitar a vía das denuncias internacionais e, tamén, levar esta norma aos tribunais de xustiza. Porque a proposta que o presidente da Xunta puxo enriba da mesa é, con todas as letras, inconstitucional: incumpre a Lei de normalización, que desenvolve o Estatuto, e vulnera sentenzas do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional.

Polo dereito a vivirmos en galego! Con forza, entusiasmo e intelixencia, nin un paso atrás! Este decreto ímolo tombar!

A mobilización de Queremos Galego fai que Feijóo mude a última hora o Consello da Xunta

A plataforma Queremos Galego convocou para hoxe ás 17 h na praza do Obradoiro unha concentración de urxencia so o lema "Non ao decreto contra o galego". O día, hora e lugar débense a que aí se ía celebrar o derradeiro Consello da Xunta do ano, tras o cal se anunciará o maior ataque contra o galego en toda a democracia.

Pois ben, onte pola tarde desde a Xunta avisaron aos medios de comunicación de que por vez primeira se vai mudar o lugar de reunión. Os motivos deste cambio de última hora son obvios: tentaren esquivar a mobilización de Queremos Galego.

A reacción por parte do Goberno demostra a enorme importancia de nos movermos todo o posíbel para darmos hoxe resposta a este que vai ser o principal ataque contra o noso idioma en todo o período democrático. Vémonos hoxe ás 17 h na praza do Obradoiro!

29 de dez. de 2009

Non ao decreto contra o galego! Concentración mañá na praza do Obradoiro

Ante a política galegófoba do actual goberno da Xunta e como resposta ao anunciado decreto contra o idioma de Galiza, a plataforma cidadá Queremos Galego convoca unha concentración na praza do Obradoiro de Santiago para a cuarta feira (mércores) 30 de decembro ás 17 h.

O PP quere que a maior agresión ao noso idioma en toda a etapa democrática pase desapercibida e sen resposta. Non o podemos permitir. Por iso, é importante que divulguemos esta concentración e participemos nela, a pesar das moitas dificultades que supón facelo con tanta rapidez e nunhas datas coma estas.

O goberno de Núñez Feijóo fai esta presentación no centro dun período vacacional e na véspera dun festivo para os medios de comunicación, como xeito de tentar evitar a reacción das comunidades educativas. Porque sabe, sobre todo despois das inmensas mobilizacións do 17 de maio e do 18 de outubro, que non conta co respaldo nin da maioría do estudantado, nin das familias, nin do profesorado, nin do conxunto da sociedade (lembrémolo: o PP goberna con menos votos que a suma dos obtidos por PSOE e BNG).

Queren que calemos e achantemos con este ataque contra a nosa dignidade colectiva, contra os nosos dereitos, contra a nosa pervivencia como pobo? Pois non o van conseguir.

28 de dez. de 2009

'É que o galego sempre está a cambiar'


Velaquí o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe:

O fondo e a forma
Sobre o debate normativo do galego


“É que o galego sempre está a cambiar”. Esa idea pódese escoitar ben de veces como xustificación que dan moitas persoas para non o utilizaren como instrumento normal de comunicación, ou para explicaren por que está ausente de moitos ámbitos. Como todo prexuízo, ten unha certa base real da que parte para resultar verosímil e estenderse, mais calquera reflexión pola súa volta esnaquizaríao.

Como é sabido, o galego tivo un proceso de fixación normativa moi recente, dificultada pola súa proscrición durante séculos de calquera ámbito de poder e transmisión culta, así como pola incomunicación de Galiza cos outros territorios do seu sistema lingüístico, nomeadamente Portugal. Así, é un idioma ferido na súa estrutura polo castelán, o cal conleva un letal proceso de hibridación. Isto só pode evitarse logrando situar ben as balizas entre un idioma e outro, así como desnaturalizando todos os españolismos que, a forza de se repetiren, nos poderían parecer “de toda a vida”, cando na realidade son síntomas derivados dunha historia de sufocante imposición.

O proceso de restauración pode levar a ter unha sensación de estrañamento, mesmo de certo rexeitamento, por algunhas formas escollidas á hora de estandarizar a lingua galega. Mais a verdade é que esta situación non é unha causa, senón unha consecuencia da discriminatoria desigualdade que padece o noso idioma. Ou é que alguén pensa que se puidésemos ver e ouvir estas formas con normalidade non nos resultarían habituais sen ningún tipo de problema?

No entanto, tanta suposta mudanza non se corresponde coa realidade. A última modificación normativa foi en 2003, froito dun amplo consenso propiciado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, no cal participaron a Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega e os departamentos de galego das nosas tres universidades. Hai, pois, seis anos xa dese cambio, que lamentabelmente non tivo unha explicación nin divulgación necesaria por parte dos poderes públicos, ficando reducida ás deformacións caricaturescas pola corrección da forma “grazas”.

A nosa precariedade faise máis evidente cando comparamos o desdén sobre o asunto por parte da Xunta coa inmensa campaña levada a cabo pola Generalitat de Catalunya a comezos dos 80 para divulgar o seu estándar baixo o nome “Soc la Norma”. A través desa acción, trasladaban non só as regras do catalán, senón sobre todo a idea de por que era necesario aprendelas, a pesar do esforzo que, en maior ou menor grao, supón todo cambio ou calquera novo coñecemento.

Que haxa mudanzas, ademais, é o agardábel en calquera lingua viva, aínda que en ningún caso se chega á deformación utilizada nalgúns grupos galegófobos, que aseguran que o estándar do noso idioma resulta “incomprensíbel” para moitos “falantes de toda a vida”, que por exemplo disque non entenden a RTVG. É unha desas lendas negras creadas sobre todo para consumo externo e para presentar a nosa lingua como un invento, algo artificial creado por maquiavélicos nacionalistas para perturbar o natural, inmutábel e eterno castelán.

Un proceso dinámico

É importante que non haxa loitas cainitas entre persoas e grupos partidarios da defensa do galego, con independencia dos lexítimos postulados de cada quen. Se algo nos demostra a historia é que con enfrontamentos dese tipo só gañan os inimigos da nosa cultura.

Iso non quita que o debate intelectual sobre a estandarización deba permanecer aberto. Así mesmo o recoñece a disposición adicional da Lei de normalización lingüística, aprobada en unanimidade en 1983, que sinala que a normativa “será revisada en función do proceso de normalización do uso do galego”. Neste proceso, tales revisións futuras, tamén necesarias, sería bo que se realizasen no camiño de ir aproximándonos máis ás outras variantes do sistema lingüístico galego-portugués, algo especialmente importante nun mundo cada vez máis intercomunicado.

Ademais, como ten dito Xosé Ramón Freixeiro Mato, pódese ser reintegracionista na normativa oficial. Trátase de escollermos, entre aquelas formas que admiten duplicidade de solucións, aquelas que máis nos acheguen ao conxunto do sistema lingüístico galego-portugués, utilizarmos correctamente o futuro de subxuntivo ou o infinitivo persoal, aínda tan presente en moitos falantes espontáneos, porén difícil de achar en moitos textos, orais ou escritos, en galego estándar.

Nos anos máis crus do debate normativo foise asentando o principio apaciguador de “primeiro normalizar, logo normativizar”. Isto, que foi útil para evitar crispacións, non deixa de ser unha verdade a medias. Non é que o conflito normativo vaia parello ao conflito lingüístico entre galego e castelán: o conflito normativo depende deste último e del fai parte.

Tamén é normalizar escribir un galego máis libre das ataduras do español, un galego máis xenuíno e menos deturpado. Outra cousa é que o proceso de normativización, o proceso de normalización en definitiva, pode ir máis ou menos pausado, mais vainos o futuro en que sexa nunha dirección clara: a de non sermos satélites culturais, senón parte de pleno dereito no intersistema lingüístico e cultural galego-luso-afro-brasileiro.

Que ninguén agarde diso, no entanto, ningunha solución máxica aos nosos problemas. Ninguén dubida de que o español de Puerto Rico é español e non por iso padece menos exclusións nin unha deturpación menor por parte do inglés. O problema cultural de Galiza ten raíces políticas e económicas na falta de soberanía do país e é aí onde pode ter a súa verdadeira solución.

[A fotografía tireina do blog Un Tal Marra]

27 de dez. de 2009

O ano de Lady Gaga

Toca ir facendo repaso de todo o que trouxo 2009. Para min, igual que para tantísima outra xente, unha das bandas sonoras vitais deste ano estivo composta polas cancións de Lady Gaga, que irrompeu como un furacán co seu curradísimo estilo.

Neste sorprendente vídeo podedes vela como Stefani Joanne Angelina Germanotta, actuando nun club en Nova York, antes de adoptar a figura artística que a levaría a unha fama monstruosa:



Comparémolo coa súa última, xenial e coñecida loucura:



En 2010 agardo ir a algún dos directos da súa xira. Quen máis se anima?