2 de out. de 2013

Acusacións, absolucións e condenas

A semana pasada, o director da CRTVG respondeu á deputada Ana Pontón que si informaran nos telexornais dos xuízos na miña contra e non da miña contundente absolución porque, na súa opinión, o "interesante" era que me acusasen, non que me desen a razón e se demostrase que se trataba de acusacións inxustas e mesmo ilegais. Dito dun xeito máis cru: que os directivos da RTVG ben saben que manipulan e criminalizan, mais que ese é o seu obxectivo.

Se as absolucións non interesan e si as acusacións ou os xuízos, haberá que preguntarse por que motivo a RTVG silencia os casos do ex alcalde de Santiago, até hai nada peso pesado do PP galego e caro amigo de Alberto Núñez Feijóo, Xerardo Conde Roa. Onte condenárono a dous anos de prisión e a unha multa de máis de medio millón de euros. A TVG fixo como se a nova non existise.

Conde Roa xa fora tido por "nada interesante" con anterioridade pola TVG, mesmo con algún tratamento informativo que merecería o premio á manipulación do ano. Penso en cando reduciron a petición de prisión e de sanción económica por parte da fiscalía contra este dirixente do PP ao seguinte texto, que cito completo, porque nada máis se comentou no Telexornal: "Remata a fase de instrución do caso por unha suposta fraude fiscal contra o que fora alcalde popular de Santiago, Xerardo Conde Roa".

Non merecemos uns medios públicos que manipulan, silencian e terxiversan deste xeito. Queremos que deixen que as e os profesionais da RTVG poidan traballar como saben facelo.

Fóra os censores de San Marcos!

Si á pluralidade informativa!

Si á creación dun consello de informativos!

Si á potenciación da nosa cultura!

Si á ética xornalística!

Nenhum comentário:

Postar um comentário