3 de out de 2013

Chega a cuarta edición de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez

Estou moi contento pola nova que me deron desde Xerais: o libriño Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez chega nestes momentos ás librarías xa na súa cuarta edición, cando falta pouco para que se faga un ano da súa saída.

Que nun momento de estafa económica, agresións institucionais contra o noso idioma e crise editorial se puidese conseguir este pequeno éxito non só amosa o que xa se ten indicado desde a crítica, que cubría un certo oco no noso mercado, senón, sobre todo, o máis importante, que hai unha parte significativa da sociedade galega que non está disposta a renunciar á única lingua propia de Galiza.

Como este é un libro para o activismo e para o combate, levo tamén estes meses percorrendo Galiza de norte a sur e de leste a oeste facendo presentacións. Mañá é a vez da cidade de Pontevedra, nun acto organizado pola Fundación Alexandre Bóveda no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais, ás 20 h. Se quixerdes e puiderdes, alí nos veremos.

Continuamos!


(A fotografía correspóndese cun momento da presentación do libro na Estrada, no pasado mes de maio.)

Nenhum comentário:

Postar um comentário