14 de fev de 2012

Da nosa posición na vida somos sempre responsábeis


Este artigo de Manuel Fernández Blanco ten xa algún tempo, como podedes ver no último parágrafo, mais paréceme o suficientemente actual, útil e aproveitábel para diferentes cousas como para non pólo no blogue. A tradución ao galego é responsabilidade miña; a versión orixinal podedes consultala aquí.

"A fama, pecado mortal", Manuel Fernández Blanco

Até non hai moito tempo a fama uníase ao prestixio, por iso se podía ter boa ou má fama. Actualmente a fama independizouse do prestixio e pasou a ser un valor en si mesma. Escoitamos a miúdo dicir dalguén que “é un famoso”, como signo de identidade, en ausencia de calquera mérito ou atributo especial. A estes personaxes, ao contrario do que podería parecer, tamén lles pesa a fama e, en moitos casos, o seu deterioro físico ou anímico, ou a súa morte prematura, dan proba diso. A fama inconsistente só pode realizarse a costa da degradación do suxeito, que acaba con frecuencia convertido nun desfeito de si mesmo.

En xeral a fama na súa dimensión máis mediática está ligada á sociedade do espectáculo. É máis fácil ser famoso como actor, cantante ou deportista de elite, que como científico ou escritor. Moitos destes famosos quéixanse do peso da fama, mais os psicanalistas sabemos ben que aquilo do que alguén se queixa pode ser, ao mesmo tempo, o máis procurado. Da nosa posición na vida somos sempre responsábeis. Ninguén sofre as penalidades da fama se non quere ser famoso.

A menor consistencia persoal, máis dependencia da fama. A identificación narcisista a unha imaxe exitosa constitúe unha trampa mortal xa que, cando esa imaxe se quebra, cando o espello reflite outra realidade, o famoso xa non ten nada en que sosterse. Lembremos como Greta Garbo se retirou do mundo do cinema aos 36 anos, e se recluíu no seu domicilio até a súa morte aos 84 anos, para impedir que a fotografasen cando xa non podía presentar ao mundo o rostro máis perfecto.

Hai uns días, Michael Jackson entregouse á morte. Fíxoo cando o mundo enteiro estaba á expectativa do seu regreso aos escenarios. Talvez este artista xenial temía non estar á altura do seu pasado, da súa propia imaxe ideal, determinada polo imperativo paterno de suceso e de perfección. Jackson é un bo exemplo de como a escravitude narcisista á imaxe e á fama pode esconder en anamorfose, como no cadro Os embaixadores de Holbein, a caveira que representa a morte escondida como vaidade. A fama pode ser un pecado mortal.

Nenhum comentário:

Postar um comentário