3 de jan. de 2011

O reverso do fazer ben

O meu primeiro artigo do ano en Galicia Hoxe continúa co tema do derradeiro de 2010, sobre a lírica medieval galego-portuguesa e o recurso ao equívoco.

O reverso do fazer ben

Falamos a semana pasada do divertido recurso do equívoco, polo cal os xograres e trobadores da escola galego-portuguesa conseguían que unha cantiga cobrase novos sentidos alén do superficial. Así, ademais da súa literalidade, tería tamén unha ou varias posíbeis lecturas, digamos que menos inxenuas que a primeira.

A pesar do agardábel, este esquema non só se utilizou nas cantigas satíricas, senón tamén nos xéneros amorosos. Hai algo disto, por exemplo, nalgunhas composicións de amigo en que se poñen en xogo figuras emblemáticas para aludir ao sexo. Por debaixo do que aparentemente nos di a letra, e mercé a unha ben precisa fixación semántica de determinados núcleos, vaise construíndo un outro sentido. No entanto, podémonos facer a pregunta de se o que nós lemos como simbólico non sería máis ben polisémico na Baixa Idade Media galega e ibérica.

Onde aparecen os cervos e as cervas podemos advertir a "potencia viril", na augua o "elemento feminino", nos cabelos a virxindade, etc. Exemplo paradigmático disto podémolo atopar na lírica de Pero Meogo, sobre a cal se debruzou Xosé Luís Méndez Ferrín. Deste xeito, o verso que di que "os cervos do monte a augua volvian" representa o encontro paixonal. Tamén Joan Zorro, Don Dinis (utilizando o vento como símbolo erótico masculino) ou Pero Gonçalvez de Portocarreiro fan referencia a análoga simboloxía.

A maiores disto, tamén hai investigadores -entre os cales cómpre salientar a Carlos Paulo Martínez Pereiro- que estudaron unha outra "ambigüidade subversiva" presente nas cantigas de amigo, en moita menor medida nas cantigas de amor e, aínda, nas Cantigas de Santa María. Deste modo, a pesar de que a aequivocatio parece que dificilmente podería ter un grande cultivo nos xéneros amorosos rixidamente rexidos polos paradigmas escolásticos, si hai algúns casos "anómalos", situados polo xeral na obra de autores limítrofes da nosa tradición trobadoresca.

Nas cantigas de amigo basearíase esta ambigüidade na utilización disfémica de determinadas palabras, como o verbo trebelhar, o adxectivo viçoso, expresións como fazer ou haver ben, fazer ou haver prazer. Falando por boca de Martínez Pereiro, achariámola "especialmente en cantigas de amigo cun discurso suxestivamente irónico con respecto aos condicionantes e constrenxedores paradigmas de referencia", pois non sempre que aparecen estes vocábulos ou expresións nos atopamos perante cantigas equívocas.

Por exemplo, en textos de Joan Garcia de Guilhade podemos ver que cando usa a expresión fazer ben significa "ver" ou "falar" á amada. Porén, o mesmo autor, nunha outra cantiga de amigo como Estas donzelas que aqui demandan pon en boca da moza a sospeita de que o namorado quere algo máis do que a fita que lle deu como prenda. Malia non se falar del, suxérese o fazer mal antitético, que implicaría relacións carnais. Continuando con este autor, podemos observar en Se m" ora Deus gran ben fazer quisesse, como se pon en perigo a mesura ao desvelar pistas sobre a identidade da senhor, ao nos situar a área xeográfica onde vive aquela que "per bõa fe, que me nunca fez ben".

Unha composición "híbrida" (entre a cantiga de amigo e a escarniña) é, tamén, a do trobador Joan Soarez Coelho que ten o incipit "Hoje quer" eu meu amigo veer", cunha ambigüidade alicerzada nesa vontade da amiga de facer canto for necesario (véndose sobrepasados, ou, cando menos, "tocados", os limites do cortés) para non perder o amado que a nai non lle permite ver. Paga a pena detérmonos a observar a composición: "Hoje quer" eu meu amigo veer, / porque mi diz que o non ousarei / veer mia madre; de pran, vee-lo hei / e quero tod" en ventura meter, / e des i saia per u Deus quiser. // Por én qual coita mi mia madre ten / que o non veja; no meu coraçon / hei hoj" eu posto, se Deus mi perdon, / que o veja e que lhi faça ben, / e des i saia per u Deus quiser. // Pero mi o ela non quer outorgar, / i-lo-hei veer ali u m" el mandou, / e, por quanta coita per mi levou, / farei-lh" eu est" e quanto m" al rogar, / e des i saia per u Deus quiser. // Ca diz o vervo ca non semeou / milho quen passarinhas receou." O equívoco baséase na expresión fazer ben e no ilimitado al, que tamén empregou Joam Garcia de Guilhade.

Un outro caso disto mesmo é a composición de Joan Servando "Diz meu amigo que lhi faça ben", onde a amada presenta as indeterminadas pretensións do amigo, que estaría disposta a satisfacer se ela souber de cales se trata. Maliciosamente, afírmasenos que non chega con que o vexa: "Diz meu amigo que lhi faça ben, / mais non me diz o ben que quer de min; / eu por ben tenho de que lh" aqui vin / po-lo veer, mais el assi non ten; / mais, se soubess" eu qual ben el querria / haver de mí, assi lho guisaria. // Pede-m" el ben, quant" á que o eu vi, / e non mi diz o ben que quer haver / de min e tenh" eu que d[e] o veer / é mui gran ben e el non ten assi; / mais, se soubess" eu qual ben el querria / haver de mí, assi lho guisaria. // Pede-m" el ben, non sei en qual razon, / pero non me diz o ben que querrá / de min e tenh" eu de que o vi ja / que lhe [é] gran ben e el ten que non; / mais, se soubess" eu qual ben el querria / haver de mí, assi lho guisaria. // Par [San] Servand", assanhar-m"-ei un dia, / se m" el non diz qual ben de min querria".

Outra cantiga de Pero Mafaldo poderiámola entender como unha resposta á anterior, pois na composición que ten o incipit "Ai amiga, sempr" avedes sabor", sinálasenos que, despois da intercensión da confidente, a amada vai ceder a parte das pretensións do amigo: "farei-lh"eu ben; mais de pran non farei / quant" el quiser, pero ben lhi farei".

Noutra cantiga d"amigo, "Voss" amigo quer-vos sas dõas dar", de Joan Airas, a amada é advertida por unha confidente de que, se lle colle as doas de amor que o seu amigo lle dá, terá que "facerlle ben". A finda é contundente e indica que el vai querer "moito" dela: "Ou ben filhade quanto vos el der / e fazede ben quanto x" el quiser, / ou non filhedes do seu nulha ren, / non lhi façades nunca nen un ben."

E terminamos cunha composición que vai aínda un punto máis alá no equívoco malicioso. Na cantiga "Non sei no mundo outro homen tan coitado", de Pedro Amigo de Sevilha, parece que nos encontramos nunha cantiga de amor. No entanto, hai un encabalgamento abrupto dos versos seis e sete que nos amosa que na realidade é só unha aparencia, pois na verdade está a insultar á suposta amada: "Ca mia senhor non me quer fazer ben / se non por algo"...

3 comentários:

  1. Ougallá que o 2011 nos depare moitas alegrías e termine con moitas cousas sen sentido e tristes.

    http://alareiramaxica.blogspot.com/2011/01/oda-o-2011-peticions.html

    Un saúdo, amigo, from A Lareira Mäxica (Sanxenxo)

    ResponderExcluir
  2. O concepto retórico de emphasis vén moi ben para estes casos.

    ResponderExcluir
  3. Os mesmos desexos, Julio!

    Moitas grazas, "Arume", por te pasares por aquí e polo interesante comentario!

    ResponderExcluir