5 de dez. de 2010

A acción e a inmersión

As reaccións ao desafortunado informe do IGEA continúan. Entre os varios artigos que vin estes días, lin dous, de Marcelino Fernández Mallo e Carme Adán, que son sobre todo voltar á idea de que hai debates públicos aos que non fai sentido darlles prioridade neste momento, pois o que cómpre facer agora é actuar e non lanzarse ao bizantinismo. Comprendo a súa postura e, aínda que non comparta a súa opinión de que non cumpra responder estas tentativas confusionistas, si concordo de vez na súa defensa da acción social, da concreción das propostas e, algo fundamental, da normalización do galego. Debo subliñar en particular a miña adhesión total ao que sinalar Fernández Mallo sobre os concellos.

Hai tamén outros textos que entran máis no debate do fondo do asunto, como "Hexemonía social do galego" de Xabier Pérez Igrexas e "Coa miña lingua quero feitos non utopías" de Eladino Cabanelas. Este último foi criticado por Henrique Monteagudo xa que defende sen ambaxes a inmersión lingüística, que seica o autor do texto do IGEA considera un exceso. Eu querería lembrar que a inmersión lingüística, a pesar de ser tantas veces demonizada e caricaturizada, non é nada máis e nada menos que un modelo educativo, o cal me sorprende que pase por alto un profesor universitario que tamén imparte sociolingüística. Por certo, para ser tan negativo, Galiza é a única comunidade do Estado con lingua propia recoñecida oficialmente onde non se aplica en ningún grao.

A inmersión lingüística é un método recomendado por diferentes organismos internacionais, defendido tamén en datas recentes pola Real Academia Galega e -isto é importante- estipulado como modelo para Galiza polo Consello de Europa, tras a ratificación por parte do Estado español da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Ten razón Eladino Cabanelas cando pide a inmersión lingüística avalada pola lexislación, porque o que reclama é que non haxa máis vulneracións do dereito dos estudantes a unha formación no idioma propio de Galiza e que non se produzan máis incumprimentos dos tratados internacionais que recoñecen os nosos dereitos lingüísticos. Se nos piden que consensuemos para que os nosos dereitos non se amparen, que non agarden por moitas e moitos de nós.

Preguntas no ar

As críticas que formulei e formulo ao relatorio do IGEA non son só de táctica ou estratexia, senón que entendo que parten dunha análise sociolingüística con graves carencias. Xa desde a semana pasada deixei aquí algunhas das cuestións que continúan sen ter resposta:

De verdade se lle chamamos bilingüismo á diglosia a situación social mudará? Cando se deixará de procurar novas “fórmulas axeitadas” e se comezarán a aplicar desde as institucións, sobre todo quen puido ou pode? Alguén podería indicarme cal é a entidade ou cales son as entidades que defenden que as galegas e os galegos só saibamos galego? Non houbo nin hai políticas institucionais decididas a recuperar falantes e incorporar o idioma a novos ámbitos porque hai xente que defende(mos) que o discurso bilingüista é unha falacia do comezo ao final? Se o castelán é un idioma “común” (sic) e case tan galego como o galego, por que deben desenvolverse políticas para a restauración do galego? Existen en Galiza grupos galego falantes fronte a grupos castelán falantes, como sinala este documento, que tamén indica que debe producirse un “previo recoñecemento mutuo” de ambos?
Mais, para alén destas reflexións, manteño que o que máis urxe facer é facer. Desde todas partes. Pondo o noso gran de area diario para que os nosos dereitos lingüísticos teñan presente e para que o noso idioma teña futuro.

3 comentários:

  1. Ola,
    Di que hai unha resposta de Monteagudo ao artigo de Cabanelas. Agradeceríalle se puidese indicar o vínculo.
    Saúdos,

    ResponderExcluir
  2. O texto de Henrique Monteagudo sobre este artigo, divulgado de forma aberta no seu facebook, é o seguinte: "Convido a degustar este exabrupto, máis ca nada porque informa moito do 'arrière-pensée' (isto é, o pensamento de fondo) de certa xente. Notade especialmente o parágrafo "se queremos de verdade salvar a lingua... ha ser con políticas lingüísticas valentes, sen dependencias de votos...". Nin informes, nin votos, nin gai...tas, unha lei de inmersión lingüística como é debido no comité central do partido e asunto arranxado"

    ResponderExcluir
  3. Que nivelón a resposta de Monteagudo...

    ResponderExcluir