26 de jun de 2010

Lois Pereiro para o Día das Letras 2011

Acabo de chamar ao meu amigo Gon para felicitalo, porque el era dos que apostaba para que lle dedicasen o Día das Letras a Lois Pereiro. O meu apoio particular era para Ricardo Carvalho Calero, quen me parece inxusto que aínda non fose homenaxeado pola Academia Galega. No entanto, penso que agora o que cómpre é centrármonos en todo o que ten de positivo -que é moito- a escolla deste poeta tan reivindicado polas novas fornadas de escritores.

Hai uns días, collín de entre os libros que gardo na casa de miña nai en Ribeira os dous de Lois Pereiro para relelos. Entre unhas cousas e outras, aínda os tiña aquí ao carón do portátil sen reabrir. Botándolle un ollo agora por riba, vexo que na miña lectura destas obras en 1997 marcara dous poemas, pertencentes ao volume Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995:

Un soño alleo repetido

O certo é que teño a impresión ás veces
que se fai máis patente cada día
de que pese ás evidencias en contra
debín morrer daquela

e estou vivindo un soño repetido
nas noites dos que me seguen querendo

outono, 95



Poderíano escoller como epitafio

Cuspídeme enriba cando pasedes
por diante do lugar no que eu repouse
enviándome unha húmida mensaxe
de vida e de furia necesaria

outono, 95

3 comentários:

  1. Eu non estou dacordo. Penso que xa vai sendo hora de que lle dediquen o Día das Letras Galegas a Carvalho Calero. A cousa é que se silencia premeditadamente a este grande escritor e apaixonado de Galiza simplemente por empregar unha normativa diferente á oficial, a normativa que debería ter o galego, a que lle toca por historia. Este ano era o centenario do seu nacemento e a verdade é que se lle debería ter dedicado a este personaxe e non a Uxío Novoneyra como se fixo. Hai asociacións que levan loitando desde hai máis de dez anos para que a "REAL" "ACADEMIA" "GALEGA" lle dedique o día das letras galegas independentemente da normativa que utilizara. Foi un grandísimo loitador por Galiza e para Galiza, o que lles cabrea era que tivera outra mentalidade diferente e que defendera que o galego serve moito máis que para a nosa terra...cousa que moitas veces non é ben vista mesmo polos da RAG. O día que a RAG homenaxee debidamente a Carvalho Calero ou a outro na mesma liña, aplaudireille, mentres tanto, penso que aínda non merece todo o respecto que se lle tenta dar!

    VIVA CARVALHO CALERO!!

    ResponderExcluir
  2. O problema é que coa súa actitude irresponsábel e sectaria a RAG consegue deslucir a figura á que cada ano lle dedican o Día das letras, porque mírese desde onde se mire ningún consegue superar a proba do algodón se comparamos os seus "méritos" para recibir a homenaxe cos de Carvalho Calero, sen cuxa figura non se entendería o sistema cultural galego tal e como hoxe o coñecemos.

    Así as cousas, unha non pode evitar era sensación de que os Lorenzo Varelas, Pereiros e mesmo Novoneyras van aprobando as opos máis polo método Baltar que polo que teñen estudado..., e aínda que o merezan, mereceriano un pouco máis se non nos vísemos obrigados a revisar os exames...

    ResponderExcluir
  3. http://www.vieiros.com/columnas/opinion/104/trio-de-ases

    Vai esta ligazón como comentario, por se a reflexión aínda fose de actualidade. Unha aperta.
    Queipo

    ResponderExcluir