28 de jun de 2010

Ai, a honra!

Gloria Lago, a histriónica portavoz dese movemento con tan pouca implantación social como desmedido eco mediático que é Galicia Bilingüe, denunciou Galiza Nova por "deshonrala" e reclama unha indemnización de 30.000 euros. O motivo é unha noticia do boletín vigués desta organización xuvenil, na que fornecen unha grave información que recolleron entre o estudantado dese centro e que debería ser motivo dunha inspección.

Algún amigo dicíame que debería denunciar eu a Galicia Bilingüe aplicando os seus mesmos esquemas, só que con máis razón. Até hai un ano, cando alguén me enviaba unha ligazón indicándome os insultos que proferían contra min na páxina web desa entidade, aínda entraba para ver como me chamaban "nazi", "Carlos Collón", dicían que o meu problema é "que pierde aceite", facían montaxes nas que me casaban con Feijóo, nas que me puñan na cadea, nas que me colocaban a cabeza de Homer Simpson... Supoño que aos moderadores desa páxina web non lles parecía que iso é desnhonrarme e por iso mantiveron todas estas barbaridades. Agora, aínda que me envíen ligazóns, xa paso de vez de perder o tempo en ver iso, nin aínda que sexa por me rir un pouco. Daquela non denunciei por non lle dar máis importancia a este movemento da que ten, aínda que talvez debería valoralo en serio tendo en conta as súas actuacións inquisitoriais.

Seguramente a denuncia de Lago proveña da súa progresiva falta de influencia, que a leva a necesitar converterse de novo en protagonista e vítima de non se sabe que conspiración. No entanto, o que non podemos permitir é que se criminalice a defensa da lingua e a denuncia pública e cívica das actuacións inxustas. Por iso, non faltarei á concentración diante dos xulgados novos de Vigo a vindeira cuarta feira, 1 de xullo, ás 10 da mañá, so o lema "Pola liberdade de expresión, polo dereito a falarmos en galego".

Ao mesmo tempo, continuemos con forza e intelixencia actuando na defensa do noso idioma. Por unha banda, lembremos que aínda está activa a campaña de Queremos Galego sobre educación infantil; pola outra, anímovos a que apoiedes o proxecto Abertos ao Galego, promovido pola Mesa e sobre cuxa concreción falo esta semana no meu artigo en Galicia Hoxe.

Um comentário:

  1. Carlos: denuncia!!! E por outra banda, o que debe facer Galiza Nova é aproveitar a denuncia desa señora para deixala en evidencia, levar algunha testemuña que demostre que o que din no boletín é certo. E denúnciaos! Se non lles queres dar eco mediático, faino sen anuncialo á prensa. Un saúdo dun socio d'A Mesa.

    ResponderExcluir