3 de abr. de 2010

Antínoo


É probábel que a máis famosa parella de amantes do mundo romano sexa a de Hadriano e Antínoo. Hadriano (...) foi o máis notábel dos "cinco bos emperadores". Fixo un goberno pacífico e produtivo e foi o primeiro emperador que, despois de Tiberio, se retirou en paz en lugar de sucumbir asasinado ou morrer no campo de batalla. Parece que foi exclusivamente gai.

Pouco se sabe de Antínoo, o mozo grego de quen Hadriano se namorou profundamente, salvo que o afecto que o emperador lle exhibiu provocou abraio e admiración mesmo no temperán Imperio, saturado de paixóns. Antínoo afogouse no Nilo mentres o cruzaba con Hadriano no ano 130. O emperador quedou desconsolado e chorou "como unha muller".

Hadriano deificou a Antínoo e estabeleceu un oráculo no seu nome en Mantinea, con misterios anuais e un festival cada catro anos. En Atenas, Eleusis e Argos estabelecéronse xogos no seu nome, que se seguían celebrando mesmo douscentos anos despois da súa morte. O emperador tamén fundou na súa honra unha cidade sobre o Nilo (entre Menfis e Tebas) e construíu grandes camiños que levaban a ela para asegurar a súa prosperidade. Dión Casio conta que Hadriano erixiu estatuas na honra de Antínoo "en todo o mundo" (...) e a súa imaxe sobrevive hoxe en día na escultura, a arquitectura, a pintura, as moedas e a literatura helenísticas: "A construción máis elevada e máis característica do período de Hadriano foi a creación da personaxe de Antínoo" [Eugenia Strong].

John Boswell, Cristianismo, tolerancia social e homosexualidade

2 comentários:

  1. Fermosa historia. Eu sobre Hadriano e Antínoo leín o marabilloso "Memorias de Hadriano" de Marguerite Yourcenar. Parece que eu sigo a estela de Hadriano, só que con bastante menos poder... (ou sexa, nada :D)

    Bikos

    P.D.: Por certo, non tiven tempo no seu momento, pero, parabéns polo discurso do 21... ;)

    ResponderExcluir
  2. Quen puidese perderse nos seus cabelos do mesmo xeito que as augas que procuraron ficar coa súa beleza; non o conseguiron porque así é que nos nosos días o festexamos.

    ResponderExcluir