12 de abr de 2010

Do plan de normalización ao plan de extinción

Achégovos o artigo que publiquei esta semana en Galicia Hoxe:

En castellano no hay problema
Do plan de normalización ao plan de extinción


Desde a chegada á presidencia da Xunta de Alberto Núñez Feijóo co seu proxecto de desmantelar a oficialidade real da lingua galega, saíron varios libros ao mercado para reflexionar sobre a situación do idioma do país e ofrecer munición para a súa defensa. Penso que o primeiro en presentarse foi De fala a lingua: un proceso inacabado, que recolle traballos imprescindíbeis dos últimos anos da sociolingüista Pilar García Negro (e digo sociolingüista no sentido máis profundo do termo: investigadora, analista e activista). Despois deste, chegaron varios traballos, tanto colectivos como individuais, que dan pé para a reflexión e para engraxarmos a maquinaria reivindicativa, con certeza máis necesaria que nunca.

Como é sabido, o volume que está a conseguir unha maior difusión está a ser o caderno promovido por Prolingua e coordinado polo incansábel Xosé Henrique Costas. Fronte a tanto ataque, caricaturización e terxiversación contra o lexítimo obxectivo de recuperarmos e estendermos socialmente o idioma de Galiza, respondeuse publicando as 55 mentiras sobre a lingua galega. Cónstame que en próximas datas sairán tamén novos traballos con afán divulgativo, como o coordinado por Xosé María Álvarez Cáccamo.

Dentro desta liña de análise, reflexión e combate cívico, en dez días agardo que poida estar xa nas librarías un meu libro que, desde o mesmo título, ten intención de provocar; de provocar reflexións. En castellano no hay problema foi o nome escollido para este volume grazas a unha votación que fixen no meu blog persoal. Debo agradecerllo á xente que participou na elección, así como a Alicia Fernández e Gonzalo Hermo, que foron entusiastas da escolla desde o primeiro momento.

Neste libro recóllense diferentes textos sobre a situación lingüística de Galiza, nos cales se sinalan os problemas máis importantes para a recuperación e extensión social do idioma galego en diferentes ámbitos, mais tamén se propoñen alternativas, tanto a nivel institucional como individual.

Sublíñase, así, a importancia de que cada falante se active e solicite, de forma constante, intelixente e procurando empatías, o dereito básico a poder vivir en galego nos diferentes ámbitos. Porque, como di o acertado lema, sen reivindicacións non hai conquistas.

Por outra banda, nos traballos que compoñen esta obra fixen un esforzo por transmitir unha análise da situación lingüística do noso país lonxe dos narcóticos e prexuízos máis habituais. É unha radiografía descarnada, mais non catastrofista, xa que parte da convicción de que hai que coñecer a realidade para transformala.

En fin, que, por moito que algúns queiran vendernos o mundo ao revés, hoxe en Galiza non hai problema para poder vivir en castelán, na lingua oficial do Estado, mais o idioma propio e natural da nación galega continúa erradicado ou minorizado nos ámbitos de poder e prestixio, sen que haxa motivos racionais que sustenten a pervivencia desta inxusta discriminación.

Máis munición

No traballo En castellano no hay problema compilo algúns dos artigos que publiquei na defensa da nosa lingua desde 1997 até hoxe. Van desde algunhas reflexións dese mozote que era eu nas dúas últimas lexislaturas de Manuel Fraga Iribarne até unhas achegas con máis vagar á que foi a política lingüística do bipartito e, moi especialmente, á que está a producirse no comezo do mandato de Alberto Núñez Feijóo. Pódese, así, facer un itinerario desde a reivindicación e conquista dun plan de normalización, ás dificultades da súa execución e a súa subordinación polo actual Goberno galego como un mero “remuíño de ideas”, que na práctica substitúen por un plan de extinción que aplican sen titubear.

Aínda sendo unha selección, fun máis xeneroso á hora de deixar pasar para este libro os textos máis recentes, pois tamén son os máis operativos para reflexionar e ofrecer munición argumentativa para o combate cívico en que nos achamos nestes momentos.

Penso que os máis afastados no tempo son, no entanto, tamén útiles, pois deixan constancia, máis unha vez, de que a aspiración a poder desenvolverse en galego con normalidade en todas e cada unha das esferas da vida social é unha loita de anos. Non é por falta de demanda, de organización e de presentación de propostas que non houbo os reivindicados adiantos para a nosa lingua, para os cales seguimos e seguiremos pondo, colectivamente, o noso empeño.

Importante, por certo, falar do colectivo, porque estes textos, aínda sendo de sinatura individual, enmárcanse nun traballo en equipo, en diferentes graos, e no esforzo en actuar socialmente. Vese iso tamén nos continuos convites a actos e mobilizacións inseridos dentro dos artigos, incitando sempre a moverse e a fuxir do testemuñalismo, tan cómodo como letal. Ademais, debo deixar constancia expresa de que hai escritos que son froito de debates ou contraste de pareceres con máis xente, entre os cales debo salientar a Francisco Rodríguez, Pilar García Negro, Concha Costas, Xosé Manuel Sarille, Iria Taibo, Fran Rei, Rubén Cela e Paulo Filgueiras Fachal.

Agardo que sexa unha obra útil e operativa e, sobre todo, que axude para realizarmos accións de incidencia (perdoade a redundancia, mais é premeditada) social.

Soamente falta dicirllo cantando

Non podo falar esta semana da situación da lingua sen me referir á histórica votación do Consello Escolar de Galiza, onde prosperou cunha ampla maioría -a pesar dos varios representantes da Administración- unha emenda á totalidade do decretazo. O secretario de Política Lingüística, o ex sociolingüista e hoxe fanático do PP máis rancio, Anxo Lorenzo, xa indicou na propia sede do Consello Escolar que o goberno de Núñez Feijóo ía seguir adiante con independencia da opinión do organismo máis representativo da comunidade educativa galega. Toda unha mostra de talante de diálogo e negociación, verdade?

Este decretazo suma rexeitamento tras rexeitamento. As asociacións de nais e pais, os sindicatos, as organizacións estudantís, os movementos de renovación pedagóxica, as principais institucións culturais do país e, agora, tamén do Consello Escolar de Galiza. Parece que só falta dicirllo cantando, polo cal desde a plataforma Queremos Galego se organiza para o vindeiro sábado 17 de abril un “concertazo contra o decretazo”.

O cartel de participantes no festival é, en verdade, histórico: Berrogüetto, Ruxe-Ruxe, Luar na Lubre, Zurrumalla, Fuxan os Ventos, Os Tres Trebóns, A Quenlla, Fía na Roca, García MC, Galegoz, Lamatumbá, Os Carunchos, Espido, Uxía e a Asociación de Gaiteiros Galegos. Unha boa mostra de que a cultura galega non está nin acomplexada nin ensimesmada, a pesar do que diga o nefasto e incompetente conselleiro de Cultura de Núñez Feijóo.

O prezo da entrada anticipada é de 10 euros e, na billeteira o mesmo día, 12 euros. Tes máis información no web da plataforma: queremosgalego.org. Participa nesta mani-festa!

2 comentários:

  1. Ola Carlos!
    Como vai a venda de entradas?
    Eu xa merquei a miña.
    Tod@s a Pontevedra a cantarlle aos neofascistas do PP-GB.
    Aperta! Saúde e Patria

    ResponderExcluir
  2. Vémonos esta noite cantando e bailando!

    Saúde, patria e... que canten merlos! ;)

    ResponderExcluir