1 de mar de 2010

A historia soñada


Velaquí o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe, dedicado a un meu profesor querido e admirado:

A historia soñada
Lendas das Dunas de Olveira e Corrubedo
Para o Suso Laíño, quen, co seu exemplo, me fixo decatarme de que a miña fala era unha lingua
Nunha entrevista a Álvaro Cunqueiro na TVE de 1978, o recoñecido escritor situaba a orixe da súa xenial fabulación narrativa na forma en como se explica oralmente a historia de Galiza, nunha visión lendaria do pasado. Explicaba o varias veces candidato ao Nobel polas letras galegas: “Galiza é un país de tradición oral, un país ahistórico, no cal a xente non ten memoria da época en que pasaron as cousas. A muralla de Lugo, por exemplo, dirán non que a fixeron os romanos, senón os mouros, e o mesmo a catedral de Santiago, ou o que for. Todo o fixeron os mouros. Entón non ten memoria de en que época pasaron as cousas e a tradición oral, os temas dela, corresponden a todas as épocas posíbeis. Son sempre pasado, pero dalgún xeito, posto que predican do home, son tamén tempo presente, claro.”

Galiza é un país ao que secularmente se lle negou o seu propio relato histórico porque as crónicas, é sabido, son a ditado dos vencedores. Mais, extramuros do poder e da fixación escrita, de xeración a xeración transmitíronse outras explicacións sobre o mundo, sobre a relación do ser humano co medio, a través de elementos míticos encarnados en contos e lendas.

A historia oficial, a presentada como academicamente válida, considerou Galiza como un ente marxinal, propio de notas de rodapé, e por tanto sen necesidade de explicación. Tal situación aumentou a disxunción entre a versión dos libros, tantísimas veces negadora e deformante, e a das historias que os avós se encargaron de contarlles aos netos para explicarlles o mundo que os rodea e, como diría Uxío Novoneyra, para conectar cos mortos.

No meu espazo desta semana en Galicia Hoxe quero deixar constancia dalgunhas lendas sobre as Dunas de Olveira e Corrubedo que me relatou de pequeno miña avoa Pepa e que miña tía Pepita me axudou a fixar. Como nos indicaba Cunqueiro, estas historias cóntanse como elementos do pasado, mais que poden pasar en calquera momento do presente e do futuro, pois terán vixencia mentres os encamentos sigan a existir.

Quero deixalas escritas tal cal, con todas as contradicións que se puider observar cos relatos doutras persoas, pois ese é un trazo da oralidade que lle concede maior riqueza e interese.

Ver tal!

Santiago Apóstolo veu até Ribeira dacabalo do seu branco corcel e chegado a un determinado punto divisou unha inmensa cidade moura, ante a cal exclamou: “Ver tal!”, por ver tal cousa, tal pecado.

Nese momento, a cidade moura ficou enterrada pola area, destruíndoa toda ela e dando lugar ás actuais Dunas, tamén chamadas Os Montes de Area. As palabras do Apóstolo (“Ver tal”) deron lugar ao topónimo Bretal, o lugar desde onde se efectuaría a maldición.

Restos da cidade moura

Antes nas Dunas había un lugar chamado Malverde (outra xente denomínao Valverde), que se afundiu. Como probas de que houbo ese lugar, cóntase que a campá que ten a igrexa de Olveira, que é moi forte, se encontrou entre a area. Dise tamén que ás veces se escoita repicar un sino debaixo das Dunas.

Ademais, sostense que as casas de Malverde estaban adornadas con “baldosas bonitísimas” e sinálase que “moita xente que encontrou baldosas as levaron para as súas casas”, dando outro novo exemplo de verosemellanza aos relatos.

O encantamento da tendiña

Unha muller ten unha tendiña posta con varios obxectos para vender (non se especifica exactamente o lugar, nos arredores das Dunas).

Un home pasa interesándose polo que exhibe e ela pregúntalle: “Que queres da miña tendiña?” “Un cinto”, responde el, para levarllo á súa muller, que está esperando un fillo. Mentres vai de camiño á casa éntranlle ganas de facer algo que ninguén pode facer por el e pendura o agasallo dunha póla. Para a súa sorpresa, ve como iso fai que lle prenda lume á árbore.

Outro día volve pasar o mesmo home e colle tres chuscos de pan, tamén para levarlle á muller. Mentres vai de camiño, comeu un dos cornechos. Como consecuencia, o seu fillo naceu coxo.

Outro día volveu pasar e a muller volveulle preguntar: “Que queres da miña tendiña?” Desta vez interesouse por unhas tesoiras, co cal ela o perseguiu ameazándoo con quitarlle os ollos.

Ante esa situación, alguén o advertiu de que a muller da tenda era un encantamento e que cando lle volvese facer a pregunta “Que queres da miña tendiña?”, el tería que escollela a ela. Así, a seguinte vez, ante o repetido ofrecemento, el respondeu: “A muller que atende nela”. Ela entón agradécello e explícalle que con esa resposta a librou do encantamento que tiña enriba.

Os pais mouros adoitaban encantar as súas fillas, moitas veces enterrándoas debaixo de pedras e obrigándoas a superar probas para se lograren salvar.

A muller que vive no mar

Do outeiro grande que hai no mar, a carón das Dunas, saía unha muller, unha “señorita”, que tendía a roupiña entre as pedras e tamén ía coller as rabizas das leiras próximas, “porque antes alí había moitas leiras”.

Un día foron os veciños atrás dela: “Ladra! Que nos roubas as rabizas!”. Entón as pedras do outeiro abríronse ao medio e ela entrou, bruando, coas rabiciñas na man. De alí xa non saíu máis. Era outro encantamento.

2 comentários:

  1. Está moi ben esta historia!. Esta lenda da vila asolagada de Valverde (tamén a de Lucerna) e común en toda a costa NW da Galiza. Miña tía aboa Obdulia contábame de neno o mesmo, que esa vila de Valverde perderase por unha catástrofe mariña nas dunas e regas de Cedeira e que cando nese lugar traballaban a terra para plantar no maínzo atopaban restos de cerámica, as aboas de Ferrol sitúan tal feito na Praia de Doniños. Tamén os pescadores chámanlle á Praia de Pantín en Valdoviño "Marnela", se queres "Mar en ela", pola mesma razón. Ao mellor esa lenda que permanece no imaxinario popular non sexa mais que a lembranza desfigurada polo paso do tempo dunha catástrofe real dun pasado...Quen sabe?.
    Por certo o de Cedeira segue en pé, niso estou, mañá escribo e tratamos data se che parece ben

    ResponderExcluir
  2. A lenda de "o encantamento da tendiña" ten versión en Silleda (Castro de Toiriz) moi interesante, podes botarlle unha ollada (LLinares, 1990). Con todo non quero sacarche a exclusiva, eh!!

    Belén

    ResponderExcluir