18 de mar de 2010

O decreto do equilibrio?


Publico hoxe no Terra e Tempo dixital este artigo sobre o que significará o decretazo na educación infantil:

O decreto do equilibrio?

O goberno de Núñez Feijóo e os seus altofalantes teiman en presentar o decretazo contra o galego como unha proposta polo "equilibrio", o "bilingüismo" ou o "plurilingüismo". É fundamental que desmontemos no noso entorno todas estas falacias e que expliquemos o que de verdade vai significar esta nova norma.

A plataforma Queremos Galego, impulsada pola Mesa e constituída hoxe por case 700 entidades, elaborou un decálogo no cal resume as principais razóns para rexeitar esta involución educativa e cultural. É bo coñecelo e difundilo entre os nosos contactos, aproveitando todas as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías. Entre eses motivos, hai un que é o verdadeiro aspecto central desta norma: o varrido absoluto do galego en toda a educación infantil nas cidades e principais vilas do país. Isto é, ningunha nena ou ningún neno poderá ter contacto escolar normal coa lingua propia de Galiza até facer os seis anos! Ou, ao menos, iso é o que pretende o Goberno galego e o que nós temos que impedir que chegue a consumarse, pois do contrario significará unha aceleración brutal da residualización do noso idioma. Reparemos no que di o artigo 5 do decretazo, nas súas tres primeiras epígrafes:

1. Na etapa de educación infantil, o profesorado usará na aula a lingua predominante entre o alumnado, se ben deberá ter en conta a lingua do contorno e procurará que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia dentro dos límites da etapa ou ciclo.

2. A lingua predominante do alumnado determinarase de acordo co resultado dunha consulta que se efectuará a cada familia antes do comezo do curso escolar acerca da lingua materna do seu fillo ou filla.

3. Atenderase de xeito individualizado o alumnado que non teña coñecemento suficiente da lingua predominante.

Reparemos no que isto significa:

a) A diferenza do decreto anterior, que determinaba que ao menos a metade do horario debería ser en galego tamén nesta etapa, o decretazo de Núñez Feijóo estabelece unha única lingua a utilizar de forma habitual polo profesorado. (Que equilibrio! Que bilingüismo! Que plurilingüismo!)

b) Esta única lingua será a "predominante", que identifican como a que a maioría estabeleza como a "lingua materna". Isto é: na consulta nin tan sequera se preguntará ás familias en que lingua queren que se escolaricen os seus fillos, senón que se inquirirá sobre a lingua en que lles falan. Deste xeito, se unha familia español falante quere que as súas crianzas tamén reciban ensino en galego na educación infantil, verase obrigada a mentir na consulta.

c) Posto que a lingua familiar predominante nas familias das cidades e principais vilas de Galiza é o español, reforzarase aínda máis a ausencia e descoñecemento do galego, sen ter en conta nin tan sequera as minorías cuantitativas que queiran educar os seus fillos e fillas con normalidade na lingua do país.

d) A epígrafe 3 está pensada para aqueles casos onde -a pesar do proceso de desgaleguización e da escasa consciencia lingüística- se manteña e declare o galego como lingua familiar predominante. Arróupase neses casos aos sectores minoritarios que rexeitan o galego, para que poidan alegar "descoñecemento" para unha atención particular ás súas crianzas.


Mais se a letra do decreto importa, moito máis decisivo é o espírito do que está imbuída esta nova norma. A mensaxe que se envía a todas as comunidades educativas e ao conxunto da sociedade é que os poderes públicos non apoian o proceso de galeguización, que lles importa menos que nunca que se cumpra ningún mínimo de docencia no idioma propio e que se está a abrir a porta para gardalo no faiado das cousas vellas e inservíbeis, desas que só algún día se utilizan nalgunha actividade extraescolar.

Um comentário:

  1. Parabéns pola reflexión. Concordo completamente. O que eu non sei -á parte do meu ámbito máis persoal e do apoio ao Queremos Galego e similares- é a maneira de loitar contra este goberno galegófobo e contra o gravísimo mal que lle está a facer a esta nosa sociedade. En calquera caso, arelas e ADIANTE!!! Eu tamén quero galego, máis que nunca agora.

    ResponderExcluir