30 de abr. de 2010

Xa está nas librarías En castellano no hay problema

Hoxe mesmo está a chegar ás librarías, coas novidades da semana, o volume En castellano no hay problema.


A súa primeira presentación pública será o 8 de maio ás sete do serán na Feira do Libro de Santiago (na Alameda). Participarán Pilar García Negro, Caetano Díaz (director de Galicia Hoxe) e Manuel Bragado (director de Edicións Xerais). Estades convidados todos e todas!

Outro día conto un pouco a historia da portada. Agora teño que saír a participar na presentación da manifestación do 17 de maio. Temos que ateigar o Obradoiro nesa data!

29 de abr. de 2010

Dúas boas noticias para os dereitos das e dos homosexuais

Para alén da polémica sobre as palabras de Evo Morales, nas que entrou moita xente con boa intención, levada pola deformación dos medios, estes días producíronse dúas moi boas noticias para os dereitos das e dos homosexuais no Estado español.

A primeira, que o Tribunal Supremo confirmase a inhabilitación por dez anos ao xuíz homófobo Fernando Ferrín Calamita. A xustiza considera probado que este maxistrado prevaricou ao atrasar de forma deliberada e maliciosa durante case dous anos a adopción dunha nena por un matrimonio lésbico; en concreto, que a filla biolóxica dunha das mulleres, concibida por inseminación artificial, fose filla adoptiva da outra. Que lle acontecería á pequena se durante este tempo lle pasase algo á nai biolóxica e a outra nai ficase sen dereitos por causa da homofobia deste xuíz? E que acontecerá cando dentro dunha década este señor volva pór a toga?

A outra boa noticia desta semana é esta publicidade da Caja Mediterráneo:

Oxalá se concrete a fusión, polo ben do noso desenvolvemento, e a caixa galega resultante faga algunha campaña publicitaria coma esta, polo ben tamén do noso desenvolvemento e da convivencia. Porque os homosexuais tamén existimos!

Paremos o decretazo

Unha ilustración xenial de Luís Davila:

28 de abr. de 2010

Noticias e noticias

O goberno boliviano manifestou que as palabras de Evo Morales foron terxiversadas e confirmaron que el en ningún momento se referiu á homosexualidade como desviación. No entanto, algúns medios do Estado español continúan coa farsa asegurando que iso é unha desculpa. Pareceume interesante que o portavoz da Presidencia de Bolivia, Iván Canelas, vinculase ese recoñecemento da diversidade sexual cunha "profunda tradición indíxena".

Coa polémica, souben tamén que non só é que Evo Morales teña sido "acusado" de maricón por sectores que se opoñen á súa política transformadora, senón que tamén fixeron campaña contra a nova Constitución de Bolivia (do ano pasado) porque a proposta de Evo pasaba a "prohibir e sancionar" a discriminación por "orientación sexual". De feito, é das poucas constitucións do mundo que inclúen tal aspecto no seu articulado; a do Estado español, por certo, non o recolle.

A dupla vara de medir dos medios máis decisivos do mundo non é novidade, xa o sei. Mais cando esta mañá lin que expulsaron uns pallasos por iren de acción humanitaria a Palestina, despois de detelos e interrogalos sen as garantías procesuais debidas (sen acusación, incomunicados...), imaxinei que acontecería se iso mesmo que fai Israel o fixese Bolivia ou Cuba...

27 de abr. de 2010

De Pontevedra a Muros

Cada vez, conforme se aproxima o 17 de maio, a actividade vólvese máis frenética. Esta mañá estiven en Pontevedra co compañeiro Kiko da Silva para denunciarmos unha multa, ben irregular, que quere imporlle a Delegación do Goberno a Queremos Galego porque entende que non solicitou con suficiente antelación a licenza para mobilizarse durante media hora nunha praza peonil en Pontevedra... A Delegación do Goberno enténdeo como falta moi grave e aplícalle máis do duplo do mínimo tipificado para este tipo de sancións. Funciona a Delegación con este criterio cos partidos políticos que festexan os resultados das eleccións sen solicitaren licenza ningunha? E aos seareiros futbolísticos? De verdade Queremos Galego causou algún inconveniente a alguén?

Por outra banda, esta tarde comezarei a impartir un curso no Concello de Muros baixo o simpático nome "Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez". Esta acción enmárcase dentro dunha campaña que A Mesa desenvolve en colaboración coa Deputación da Coruña. Ao acto de presentación acudirá tamén o alcalde da vila, Domingos Dosil.

26 de abr. de 2010

Unha ferramenta

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:



Unha ferramenta
A Mesa prepárase para o seu 25 aniversario


Esta pasada fin de semana, A Mesa pola Normalización Lingüística realizou en Santiago de Compostela a súa asemblea xeral ordinaria. A próxima vez que se volvan reunir os socios e socias desta que é a maior organización cultural galega terán tamén que inflar os pulmóns para sopraren as 25 candeas da entidade. Un cuarto de século de actividade ininterrompida na defensa do noso idioma. Un cuarto de século ao servizo de Galiza.

Nunca antes na súa existencia esta organización tivera que afrontar unha Xunta cunha política tan decidida de desmantelamento da oficialidade do galego e, ademais, cuns ataques feroces para destruír a propia Mesa; moléstalles que haxa unha ferramenta social que actúe e defenda a lingua. A asemblea de socias e socios da entidade considerou que aínda que sempre haxa erros para recoñecer e corrixir, a organización soubo e sabe estar á altura das circunstancias.

Xusto despois de que o PP de Núñez Feijóo conseguise a maioría absoluta por un deputado e anunciase unha política implacábel contra o galego, A Mesa convocou unha manifestación nacional para o Día das Letras. Cumpría plantar cara e lembrarlle ao novo goberno que gañar as eleccións non daba licenza para destruír unha cultura. Seiscentos colectivos da máis diversa natureza responderon á chamada da Mesa e converteron o 17 de maio de 2009 nunha data para a lembraza. Até ese momento, foi a maior manifestación da historia que tivo como única bandeira a defensa da lingua. A praza da Quintana abarrotouse dúas veces e moita xente nin tan sequera deu entrado.

Desde A Mesa considerouse de grande importancia soldar a lograda unanimidade social en defensa da lingua, para o cal o seguinte paso foi promover a creación dunha plataforma unitaria. O seu nome, Queremos Galego, recolle as ideas de amor polo noso e da necesidade de o demandarmos activamente para que viva e perviva.

A maioría dos esforzos nacionais e comarcais da Mesa centráronse nos últimos meses en que frutificase ese movemento que impulsou. Para a avaliación desta táctica, os datos falan por si sós. En cinco meses, bateuse unha nova marca de participación nunha manifestación en defensa do galego. O 18 de outubro de 2009 case se duplicaron os asistentes á anterior mobilización, de xeito que algunhas alarmas comezaron a saltar no PP. Como podía ser que a sociedade galega se mobilizase masivamente pola súa lingua? No entanto, a mensaxe dos seus dirixentes foi –e é– continuar coa desprotección do galego, aplicando os plans deseñados na rúa Génova sen lles importar a opinión da nosa sociedade, nin tan sequera dos electores galegos do seu partido.

As respostas ao decretazo caracterizáronse pola súa axilidade e pola notábel participación. No Goberno galego quixo evitar a réplica e a contestación, sabedores do rexeitamento que teñen as súas imposicións unilaterais contra a nosa lingua. Convocatorias aos medios con marxe de horas, presentacións en períodos non lectivos (mesmo na véspera de fin de ano), mudanza a última hora de lugares para evitar as mobilizacións... No entanto, logrouse desenmascarar a prepotencia deste goberno e impediuse que as medidas máis lesivas puidesen venderse co sabor hiperazucarado da propaganda oficial.

O 21 de xaneiro deste ano foi unha nova data para a historia. Aseguran as organizacións do sector que non se recorda nestes trinta anos un paro tan masivo do ensino non universitario. As impresionantes fotografías da praza do Obradoiro derramando xente polos catro cantos son bo testemuño do clamor social contra o decretazo. A última grande mobilización con ese motivo foi a do sábado 17 de abril en Pontevedra, cun macrofestival histórico (non queda outra que redundar con este adxectivo!).

O outro eixo da acción de Queremos Galego é a recollida de sinaturas para unha lei de garantía dos nosos dereitos lingüísticos. Trátase de reforzar xuridicamente o noso idioma nos espazos básicos que están a ser máis agredidos pola presidencia de Núñez Feijóo. Para evitaren a campaña social, rexeitaron desde a Mesa do Parlamento que este texto puidese ser tramitado como iniciativa lexislativa popular. Mais o plenario da plataforma decidiu que, do mesmo xeito, se debería executar a acción para recabar adhesións individuais a unha proposta de lei que amose unha alternativa clara a estes ataques.

Aínda que nestas cuestións se estivo e está a centrar o labor dos grupos de zona da Mesa, tentouse non descoidar o traballo propio da asociación no que ten a ver coa súa dimensión territorial. Neste período, por exemplo, a Xunta Directiva, o máximo órgano de dirección entre asembleas, aprobou un novo regulamento de zonas, instrumento básico para unha mellor coordinación e ensamblaxe nacional. Ao tempo que se manteñen no actual mapa da asociación as 18 zonas xa existentes, realizáronse asembleas dirixidas a aumentar a estrutura organizativa noutros lugares.

Ademais de territorialmente, A Mesa conta no seu seo ou impulsou outras estruturas de actuación, como a Fundación Via Galego, o Observatorio de Dereitos Lingüísticos, a Mocidade pola Normalización Lingüística e Familias polo Galego / Nais e Pais polo Ensino en Galego. Con certeza, o maior salto interno organizativo produciuse na sección xuvenil, cunha presenza notábel nas mobilizacións destes meses e cun proceso de creación dunha estrutura territorial, xa concretado nalgunhas zonas.

A Fundación conta co seu propio órgano de goberno, o Padroado, cuxos membros designa de forma maioritaria A Mesa. Desde a última asemblea da asociación, Via Galego ampliou as súas relacións con outras institucións de Galiza, do Val das Ellas (onde organizou un concerto de música infantil) e comezou a tender pontes de contactos no Brasil a través dunha exposición plástica; ademais, é un laboratorio de ideas para mellorar o relacionamento cos outros territorios do noso sistema lingüístico.

A negativa desta Xunta a conceder axudas públicas á Mesa fixo que se reducise á mínima expresión e se acabase fechando o Voluntariado de Activación Lingüística, que tivera mesmo un recoñecemento da Unión Europea. Logramos manter –e agardamos consolidar– o servizo da Liña do Galego e, en próximos días, presentaranse novos proxectos que estaban planificados desde hai algún tempo, mais que houbo que reformular debido á política de inanición á cultura galega que practica o goberno de Núñez Feijóo. Pola súa banda, vai sumando convocatorias e éxitos o Correlingua, que A Mesa promove xunto coa AS-PG, a CIG-Ensino e varias institucións.

No referido á situación da afiliación, A Mesa mantense como a organización cultural galega con máis socias e socios, con 433 novas altas entre 2009 e os primeiros meses de 2010. A entidade roza xa os 4.000 membros reais, nunha base de datos permanentemente saneada e que é o alicerce económico e de incidencia social. Para que aínda haxa máis patas na Mesa, presentarase dentro de pouco unha nova campaña de afiliación.

Dentro de doce meses, esta ferramenta en defensa do galego fará 25 anos. Nestes tempos, máis que nunca, fai moita falta que exista e actúe con forza. Adiante!

23 de abr. de 2010

Hoxe, Soutomaior; mañá, Asemblea Xeral da Mesa

Hoxe ás oito do serán constitúese Queremos Galego en Soutomaior. Desde o Concello denegaron a posibilidade de que se utilizase o multiusos municipal para este fin, calquera día ou hora. Así, o acto de presentación da plataforma cidadá será tamén de denuncia pública da censura antidemocrática do goberno local. Vou facer todo o posíbel para poder pasarme, aínda que só sexa uns minutos, a este evento que se realizará na Alameda de Talorío en Arcade.

Ademais, mañá a partir das 11 reunirase a Asemblea Xeral Ordinaria da Mesa, aberta a todas as socias e socios da organización. Será na Fundación Caixa Galicia de Santiago de Compostela, na rúa do Vilar, 19 (a carón do local nacional da Mesa). Trataremos os asuntos habituais: informe de xestión, propostas de actividades, exame das contas e aprobación de orzamentos.