2 de jan. de 2024

Chamada ás formiguiñas

Chamada ás formiguiñas

Acabamos de pasar unha nova volta ao sol. Após o inverno, tornará a primavera; máis unha para o galego, a pesar dos responsos e vergoñas. Pouco antes de se abriren as flores temos na axenda unhas eleccións autonómicas. Nas nosas mans está que sexan o exordio dun tempo novo.

Con certeza, non hai nada máis importante para o galego que estas votacións. Animo todas as persoas con afecto pola lingua a colaboraren para que haxa unha participación decisiva, que faga posíbel a mudanza de goberno. A sociedade galega precisa oxíxeno en moitos ámbitos. O idioma é un termómetro.

Ben sei, no entanto, que non podemos fiar todas as nosas esperanzas á armazón institucional. O activismo cotián continúa a ser chave. Para esas dúas pernas (administracións, sociedade) achego estes cinco propósitos para 2024: 

1) Cómpre centrarmos esforzos no ensino. Non hai lingua que se restaure e revitalice sen ter a escola como apoio, moito menos se a ten en contra. O mal chamado Decreto de Plurilingüismo é o principal tóxico que respiramos nestes momentos. Deben prohibirse as prohibicións ao galego.

2)  Alí onde xa hai formacións políticas sensíbeis á nosa lingua nas administracións locais, é preciso que asuman a emerxencia. Urxe colocar obxectivos de galeguización interna e externa e avanzar para cumprilos. O primeiro paso é que debe haber un aumento significativo dos orzamentos para ese fin, cun control rigoroso das partidas.

3)  Tamén será balsámico para o galego cultivar a pluralidade nas institucións culturais do país, que favoreza unha explosión de diálogo e vida. Que se abran as xanelas e as portas, na liña do que xa indicou no seu día Francisco Fernández del Riego. Deberiamos facer tamén todo o posíbel, máis aínda após este fanado centenario do Seminario de Estudos Galegos, para que o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento estea á altura da persoa de quen leva o nome e dos seus alicerces, saqueos do franquismo.

4) É crucial afortalarmos o activismo de base, congregado en especial na Mesa e na plataforma Queremos Galego. Os principais adiantos que conseguimos nestes anos foron grazas aos logros impulsado por estas formigas perspicaces e teimudas. A Iniciativa Xabarín mostra a senda: participativa, clara e ben explicada, con éxitos palpábeis e cun horizonte para avanzar.

5) Nesta última volta ao sol fixéronse corenta anos da Lei de normalización lingüística e vinte do acordo de normativa oficial do galego. Tanto a Lei como as normas merecen sentar e falar. É saudábel que a roupaxe gráfica avance na confluencia co resto do sistema lingüístico que naceu no reino da Galiza e que teñamos unha Lei garantista, que protexa e defenda o dereito lexítimo a vivirmos no noso idioma.

As grandes travesías empréndense con pasos curtos. Camiñamos, formiguiñas?

(Artigo publicado no xornal El Correo Gallego).

11 de set. de 2023

Xanelas polo tempo - Efemérides desde O Libro negro da lingua galega

Ao longo dun ano fun publicando diferentes efemérides sobre a historia do noso idioma, a partir do traballo de investigación que realicei n'O libro negro da lingua galega. É unha antoloxía de certos casos de represión, silenciamento e censura, algúns deles aínda escasamente coñecidos. Sen sabermos de onde vimos non podemos nin entender o presente nin proxectar tantos mañás que temos por diante.

Por se vos foren útiles para a vosa escola, asociación ou o que for, aquí vai unha ligazón para os baixardes. Son para usar e divulgar libremente, e mesmo para modificar, se for preciso, mais pido que neste último caso se faga referencia ao libro, para dar crédito ao traballo da súa compilación e edición.

Para calquera suxestión ou o que for, podedes escribir ao correo olibronegro @ carloscallon.com.

Avante toda! Pola lingua que nos une!

- Baixa desde aquí.



 

28 de jun. de 2023

Unha semana ben completiña. Vés?

Nos primeiros 6 días do mes de xullo vou participar en 9 actos por volta d'O libro negro da lingua galega.

Os dous últimos roteiros na Coruña (días 3 e 6) xa están completiños e con xeitosas listas de espera. Nos que se van realizar en Santiago aínda fican algunhas vagas. A inscrición é no correo roteirosdolibronegro@gmail.com 

Ademais, podemos encontrarnos en Melide, San Sadurniño, Ribeira e Oleiros. Serán magníficas oportunidade para escoitar voces marabillosas, de xente que entusiasma e dinamiza, como o inmenso Paco Veiga, a creativa Pilar Ponte, o inspirador Xosé Antonio Vázquez Covas, o vangardista Secundino García e a visionaria Iria Taibo.

Avante toda! Pola lingua que nos une!







31 de mai. de 2023

O libro negro da lingua galega un ano nas rúas

En poucos días vaise facer un ano da saída d'O libro negro da lingua galega, un proxecto a que lle estou a dedicar case tanto tempo para a difusión como llo dediquei para a elaboración :)

Van xa 45 actos para falar da obra, a maioría por Galiza, aínda que tamén en Bruxelas, Rio de Janeiro, Niterói, Salvador, Madrid, Lisboa...Participaron un total de 2.771 persoas nos encontros por volta do libro. (Enténdase ben que non é unha cifra exacta, tento contar ou pídolle a alguén que conte, e despois anoto, mais nos eventos máis concorridos sempre existe unha marxe de erro, en calquera caso para abaixo).

O volume chegou ás librarías no día 9 de xuño. Vou festexar esta voltiña ao sol con dúas palestras moi especiais e dúas visitas guiadas. En cal nos vemos?

9 de xuño:
Presentación ás 20h30 na Libraría de Rosa, o Espazo Lector Nobel de Boiro, con Mario Brión (Olaxonmario).


10 de xuño:
Palestra ás 12 h na Casa do Taberneiro de Santiago de Compostela, con Neves Rodríguez e Héctor López de Castro (Cascarelo).

11 de xuño:
Roteiro na Coruña sobre a historia da represión da lingua galega. Vai haber unha visita guiada ás 11h30 e outra ás 18h. A duración aproximada é de unha hora e é preciso inscribirse previamente no correo: roteirosdolibronegro@gmail.com, pois as prazas son limitadas.

Avante toda! Pola lingua que nos une!

24 de abr. de 2023

Aínda existen os blogs?

Acabo de entrar neste espazo, que estaba case a ser collido polas silveiras. Cheguei por outros motivos, mais, de paso que vou, decido escribir catro liñas, e así inauguro 2023. Véspera do 25 de abril, abro o ano novo.

Colocar algo en negro sobre branco neste espazo e non nas redes sociais diarias faime pensar mesmo que ninguén o vai ler, que isto vai ser íntimo e se pode achegar a un diario. Con certeza, aínda que sexan pouquiños ollos, algúns se deterán aquí. Algúns.

Que facer cos blogs?

Non vou escribir nada persoal nin sobre o libro que levo case un ano a promover nin sobre os outros proxectos de futuro, aínda que ao dicir que non xa estea a afirmar algo. Só deixo un saudiño para ti, que andas a ler. Até a próxima!

31 de mai. de 2022

Disidentes sexuais na Galiza contemporánea


Desde esta fin de semana teño comigo A defunción dos sexos, un libro de Daniela Ferrández que acaba de saír do prelo e supón un importante punto de inflexión nos estudos LGBT galegos.

Cando se está a investigar é fácil sentir soidade. Mergúllaste en arquivos e en páxinas e páxinas, e máis páxinas, e aínda máis páxinas... Podes contarlle ás amizades, á familia ou á parella algún dos momentos máis emocionantes ou máis divertidos, mais non podes estar a dar a murga todo o día.

No último tramo de elaboración d'O libro negro da lingua galega encontrei unha compañeira virtual con quen partillar a viaxe: a Daniela Ferrández. Ela andaba nalgúns arquivos e nalgunhas fontes hemerográficas semellantes ás que me entretiñan a min, só que con temas diferentes. En canto ela pesquisaba polas pegadas LGBT, eu espreitaba as marcas da represión lingüística. (Un dos momentos en que máis gastei a vista foi a ler os exemplares do El Ideal Gallego desde novembro de 1939 até outubro de 1941, un a un...)

Cando ela achaba no seu mergullo algunha cuestión que me interesaba, pasábama, e o mesmo facía eu. Para min foi moi divertido e tamén proveitoso.

Nalgún momento queremos facer algunha presentación conxunta d'A defunción dos sexos e d'O libro negro da lingua galega, que ao cabo son historias sobre aspectos centrais das vidas das persoas e das sociedades (a fala, a sexualidade...), mais sobre as que a ollada académica central continúa a fuxir alí onde arden. Anunciarémolo. Por en canto, aconsello que leades e difundades o seu libro.

6 de mai. de 2022

"Un coro..."

Obrigado por facer finalista este poema do libro A abertura da boca nos premios Aritmar, os xogos florais galego-portugueses do século XXI.

Estes galardóns ideados pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago convertéronse nunha interesantísima antoloxía da seitura poética anual das dúas bandas do Miño. Recomendo ler as escollas, particípese ou non do resto do proceso, que tamén é enxeñoso. Todo isto é ben bonito.

Viva a poesía! Vivan as culturas galego-portuguesas!