Desde esta fin de semana teño comigo A defunción dos sexos, un
libro de Daniela Ferrández que acaba de saír do prelo e supón un
importante punto de inflexión nos estudos LGBT galegos.
Cando
se está a investigar é fácil sentir soidade. Mergúllaste en arquivos e
en páxinas e páxinas, e máis páxinas, e aínda máis páxinas... Podes
contarlle ás amizades, á familia ou á parella algún dos momentos máis
emocionantes ou máis divertidos, mais non podes estar a dar a murga todo
o día.
No último tramo de elaboración d'O
libro negro da lingua galega encontrei unha compañeira virtual con quen
partillar a viaxe: a Daniela Ferrández. Ela andaba nalgúns arquivos e
nalgunhas fontes hemerográficas semellantes ás que me entretiñan a min,
só que con temas diferentes. En canto ela pesquisaba polas pegadas LGBT,
eu espreitaba as marcas da represión lingüística. (Un dos momentos en
que máis gastei a vista foi a ler os exemplares do El Ideal Gallego
desde novembro de 1939 até outubro de 1941, un a un...)
Cando
ela achaba no seu mergullo algunha cuestión que me interesaba,
pasábama, e o mesmo facía eu. Para min foi moi divertido e tamén
proveitoso.
Nalgún momento queremos facer
algunha presentación conxunta d'
A defunción dos sexos e d'
O libro negro
da lingua galega, que ao cabo son historias sobre aspectos centrais das
vidas das persoas e das sociedades (a fala, a sexualidade...), mais
sobre as que a ollada académica central continúa a fuxir alí onde arden.
Anunciarémolo. Por en canto, aconsello que leades e difundades o seu
libro.