25 de out. de 2010

De onte a hoxe. Fraga, Otero Pedrayo e o ensino en galego

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:

De onte a hoxe
Fraga, Otero Pedrayo e o ensino en galego


Estupor e indignación foi o que moitas persoas sentimos esta semana cando soubemos que Manuel Fraga Iribarne ía ser recoñecido co premio Ramón Otero Pedrayo. A distinción, lembrémolo, é pola (a indignación aumenta) defensa da nosa cultura.

A concesión do galardón non foi unánime, como se pretendeu vender propagandisticamente desde a Deputación de Pontevedra, xa que non contou co voto favorábel do representante nacionalista da provincia de Lugo. Todas as entidades con representación no xuri, en especial as universidades e a Real Academia Galega, deberían dar explicacións públicas deste acto de submisión política ao PP.

De todas elas, a que máis tristura e decepción provoca é a Academia, que a través do seu apoio a esta ignominiosa candidatura dá un paso atrás no camiño do prestixio que estaba a encarreirar nos últimos tempos. Eu aínda confío en que saiban emendar este grave erro.

O disparate é inmenso. Obsérvese que, por exemplo, os estudos da Academia Galega sinalan que a maior perda de falantes de toda a nosa milenaria historia se produciu durante os mandatos autonómicos de Manuel Fraga Iribarne. Como ese non parece moito mérito, argumentouse o recoñecemento pola contribución do ex ministro franquista á aprobación da Lei de normalización lingüística. Mais a realidade, testana, contradí de novo a propaganda.

Esta lei aprobouse por unanimidade no noso Parlamento, despois das propostas nacionalistas para que se desenvolvese aquí o Estatuto de Autonomía do mesmo xeito que se estaba a facer noutras latitudes con lingua propia diferente do español. Ademais, aínda que dea vergoña ter que advertilo, daquela aínda faltaban seis anos para que Manuel Fraga quixese conseguir a presidencia do Goberno galego; neses momentos, desempañaba o cargo Xerardo Fernández Albor.

Parece que o representante da RAG neste xuri matizou que o voto por Fraga Iribarne foi debido a que este presidente aprobou o Plan xeral de normalización da lingua galega. Isto é verdade, tan verdade como que Fraga apoia con entusiasmo agora mesmo, para todos os que queiran ouvilo, aos que, dentro do seu partido, mexan enriba da nosa lingua e do propio Plan.

Vaiamos de novo á fonte limpa e recordemos que:

a) O Plan foi impulsado polas propostas nacionalistas no Parlamento, sobre as cales se pode achar información ben concreta no libro De fala a lingua: un proceso inacabado, de Pilar García Negro.

b) Que o Plan se aproba por unanimidade na cámara do Hórreo: é un éxito dos tres partidos políticos.

c) Que se realizou unha forte campaña social, en que participaron centos de entidades, para que se impulsase o Plan e este fose aberto, participativo e, sobre todo, que se elaborase para ser aplicado, non para durmir o sono dos xustos. Sen esta acción cidadá, hai moitos aspectos favorábeis ao galego que hoxe recolle este documento parlamentar que de ningún xeito figurarían.

d) No tempo transcorrido desde que se aprobou o Plan –setembro de 2004– até que Manuel Fraga Iribarne tivo que abandonar o poder –xullo de 2005–, nin unha soa medida foi aplicada. En dez meses nin unha medida! Nin a máis pequeniña e menos representativa dos varios centos que aí se incluían! Iso si que é merecedor dun galardón!

O insulto á memoria de Ramón Otero Pedrayo aínda se amplifica cando traemos á acordanza algunhas anécdotas biográficas que compartiron o autor d’Os camiños da vida e o presidente fundador do PP. Cito a ese respecto un ilustrativo extracto do artigo “Don Ramón e Fraga”, que esta semana pasada publicou Xosé Ramón Ermida Meilán no xornal electrónico Terra e Tempo dixital:

“Don Ramón, o de verdade, volve a compartir, ironías do destino, espazo con Fraga, reunidos de novo por un galego á española, esta vez Louzán de Ribadumia, hai 52 anos anos, Lobo Montero, o xeneral franquista parente do Caudillo. Era 1958, o Centro Galego de Madrid conmemoraba o matrimonio de Rosalía e Murguía, alí naquela toupeira de franquistas, o de Trasalba en galego falou de Rosalía nun discurso cargado de patriotismo, onde a cada frase facíase presente Castelao. O acto fechouno Manuel Fraga enfurecido coa intervención de Don Ramón, non atinando o Ministro de Franco a dicir máis que estas frases: ‘Ahora cada uno a lo suyo. Desde que en España manda nuestro invicto Caudillo, en Galicia ya no existen viudas de vivos ni muertos’. A intervención deste comezou a ser patexada, primeiro por Bautista Álvarez, despois por outros membros de Brais Pinto presentes, tamén por Ben-Cho-Shey. Non quedaba outra que patexar, que protestar, que confrontar. Aquilo non quedou en pataleta, seguiu e tomou forma na terra e no tempo.”

Só nos queda un posíbel argumento para poder comprender a concesión do galardón a Fraga, que é aquel dito de “outros virán que bo me farán”, por contraposición entre a política cultural e educativa dos seus mandatos e o desastre do que é principal expoñente o mal chamado decreto de plurilingüismo. No entanto, o certo é que calquera adianto que conseguiu a lingua galega entre 1990 e 2005 non foi grazas á presidencia autonómica do actual senador residente en Madrid, senón a pesar del.

Podemos sinalar que as tácticas de Fraga e de Núñez Feijóo para terminar co galego son diferentes, mais conducen ao mesmo obxectivo. Fraga Iribarne apostou máis pola suave decadencia, pola narcotización da vida cultural e a pax lingüística, onde poderían realizarse algunhas declaracións grandilocuentes en defensa do idioma do país sempre e cando iso non tivese consecuencia práctica ningunha. Sen todo o que aconteceu na década de 90 non sería explicábel a indefensión mediática e a desprotección xurídica coa que se encontra a nosa cultura, enorme en comparación co apuntalado neste tempo nos ámbitos catalanófono e euskaldún.

Núñez Feijóo, pola súa banda, chega á Xunta ao lombo dun PP que está á ofensiva en todo o Estado. Ademais, faino tras un goberno bipartito que si aplicou, timidamente, algunhas das medidas que os conservadores antes tamén secundaban, coa condición oculta de que nunca se executasen. Por iso, e tendo en conta os resultados estatísticos que herda de Fraga Iribarne, cunha caída en picado de falantes, o dos Peares non dubida en quitar a carauta e aplicar sen panos quentes a súa política contra o galego.

Con certeza, o mellor exemplo de todo isto encontrámolo nos modelos lingüísticos no ensino. En 1995, ante a reforma da lei orgánica de educación no Estado, Manuel Fraga vese obrigado a responder ás demandas das comunidades educativas para que se garanta un mínimo dun terzo da docencia no idioma propio. É así como xorde o decreto dese ano, que desde a Xunta se encargan de que fique en papel mollado.

En 2004, nove anos despois de se aprobar, un estudo sinalaba que o 75% dos colexios ministraban en castelán as aulas que deberían vehicularse en galego e que un de cada tres institutos tiñan en español libros de texto que, pola reducida lei de mínimos daquel entón, deberían estar en galego. As aparencias mudaron, si, e con elas tamén moitas percepcións sociais, mais non mudou o fondo da concreción dos feitos nin mudaron os obxectivos. Aínda que un día, máis tarde que cedo, lograremos terminar con esta inxustiza.

3 comentários: