Mostrando postagens com marcador A. de Neuville. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador A. de Neuville. Mostrar todas as postagens

21 de mar. de 2010

Recoñecemento de Harold Godwinson


Recoñecemento de Harold Godwinson

Unha noite de cinza caíu sobor da terra,
as lanternas andaban soas por entre os mortos
e nas feridas do máis ferido de todos
Edith Swanehals poñía a luz violeta dos seus ollos
por si aquel era Harold fillo de Godwin
que ela amara tanto.
E aquel mesmo era
a boca pola que saía un fío de sangue
pousada na boca terrea dunha toupeira.

Viña de lonxe o canto do mar. Edith sentouse
a carón do morto
e cun fío branco que tirou dos seus soñares
comezou a tecer un pequeno pano
pra tapar os ollos do Rei.

Escoitábase o mar, e mailas follas secas do bosque
arremuiñando nos camiños entre os outeiros.
A derradeira caricia de Edith foi aquel calado tecer
perto do morto, e cando saía a lúa
mesturou fíos azúes da luz da viaxeira cos seus
- as agullas ían e viñan en silencio
as mans movéndose coma quen anaina un neno
asegurándose de que aquel morto era Harold
o mirar violeta de Edith adentrábase máis e máis
nas escuras feridas,
recoñecendo o sangue do amante, e maila morte.
Así foi que Edith xa estaba cega
cando lle preguntaron quén
entre aquelas sesenta ducias de mortos
era Harold
- este, dixo sinalando, a tentas,
que facía cantar os reiseñores nas noites de verán
cando me bicaba e me decía
- Swanehals, Colo de Cisne, envelleceremos xuntos
pro ti máis lentamente.

(Álvaro Cunqueiro, Herba aquí ou acolá)

[Procurando información sobre a linda historia en que se basea este poema, encontreime cunha interesante curiosidade: unha modelo que quedou tan impresionada na súa adolescencia por estes versos de Cunqueiro que mesmo utilizou durante un tempo como sobrenome o da amada que recoñece entre a multitude ao rei desfigurado e morto. Así o conta ela mesma.

Por certo, disque Heine atribuíu o recoñecemento de Haroldo por parte de Edith a uns chupóns que esta lle fixera. Irreverente e non menos apaixonada versión.]