3 de ago. de 2009

Mes e medio para isto?

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:

Mes e medio para isto?
A pseudoconsulta finaliza con máis indicios de fraude


Un Anxo Lorenzo cheo de soberbia e prepotencia presentou esta pasada sexta feira os resultados parciais e cociñados da pseudoconsulta sobre linguas no ensino. O secretario xeral de Política Lingüística, que tivo que tragar o marrón el só, sen a presenza do conselleiro, cualificou como “estupideces” as críticas recibidas en todo este escuro proceso. Tales palabras e actitudes non fan máis que botar leña ao lume que os actuais dirixentes do Partido Popular prenderon contra o galego.

É unha mágoa que Lorenzo non actúe como un gobernante serio e responsábel, mais os seus ataques de ira non van facer que aplaudamos ese traballo seu de ir desmantelando o estatuto do galego como lingua propia e cooficial. Os seus insultos non van facer que a unanimidade sindical de CIG, CCOO, UXT, STEG, CSI-CSIF etc, que criticaron esta consulta desde o comezo, se rompa para pasar a lexitimar esta fraude. As súas saídas de ton non van facer que a federación de asociacións de nais e pais dos centros públicos de toda Galiza mude o seu contundente rexeitamento ao proceder da Xunta co tema da lingua e con este mal chamado inquérito. A súa incapacidade para asumir as críticas e ofrecer transparencia non terá como resultado que as organizacións estudantís, os movementos de renovación pedagóxica ou A Mesa pola Normalización Lingüística deixen de actuar en defensa do noso idioma, da convivencia e do respecto á legalidade.

Sen credibilidade

Causa vergoña allea o papelón de Anxo Lorenzo como secretario xeral de Política Lingüística do primeiro goberno da autonomía que ten como obxectivo reducir o noso idioma –con resultados que quererían letais– nos diferentes ámbitos nos cales conseguiu certa presenza e recoñecemento oficial. Aínda que poida parecer o contrario, é a mesmiña persoa que hai un ano defendía con forza o decreto do 50% en galego e as galescolas, mentres daquela presentaba campañas millonarias (en euros) para o bipartito.

O dez de maio de 2008 publicaba un artigo intitulado “Política lingüística e ‘consenso’ en Galicia?” que deixa aínda máis ao descoberto a súa impúdica viraxe de 180 graos. Hai tres ideas de relevo para salientarmos neste artigo:
  • Lorenzo nega que o bipartito fixese unha política de “imposición” e responsabiliza ao PP de romper unilateralmente o consenso: Estase a difundir a idea de que o modelo lingüístico de coexistencia entre galego e castelán está sendo substituído por un de imposición do galego, sendo o goberno da Xunta de Galicia o responsable dese cambio. A realidade parece apuntar noutras direccións: por unha banda, é o Partido Popular quen está a separarse do vieiro lingüístico consensuado nos anos 80 por motivos de estratexia partidaria (desgastar o goberno); e, por outra, o PP está en desacordo co contido da política lingüística actual, diferente da que eles implementaron. (...) Quen se está afastando dese consenso é o Partido Popular, na procura dun rédito político a curto prazo, descolocado polo seu papel de oposición despois de tantos anos de goberno.

  • Critica o concepto do “bilingüismo harmónico”, reconvertido agora polo seu goberno como “bilingüismo cordial”: A coartada ideolóxica para non facer máis chegoulles aos gobernos populares da man do bilingüismo harmónico (BH), construto ideolóxico de feble baseamento epistemolóxico que foi deseñado ad hoc para xustificar aquela política lingüística rácana. Agora ben, o BH é un construto partidista promovido exclusivamente polos gobernos fraguistas, sen que en ningún caso formase parte do “consenso lingüístico” inicial.

  • Defende con intensidade o decreto 124/07, o mesmo que agora di que ten como obxectivo prioritario substituír, disque motivado por non se sbe que imposicións e faltas de consenso: O novo decreto persegue o mesmo obxectivo có anterior: que todo o alumnado aprenda por igual galego e castelán. A principal novidade é a estratexia para acadar ese obxectivo: aumenta a porcentaxe de materias que, como mínimo, se deben impartir en galego. Significa isto un cambio no modelo de ensino bilingüe instaurado en Galicia desde 1983? Por suposto que non: nin hai modificación do obxectivo lingüístico final (competencia nas dúas linguas oficiais), nin se está implantando a inmersión lingüística, nin se obriga a ninguén a usar unha lingua ou outra.
  • Dunha perspectiva intelectual, política ou ética, enrubia que en menos dun ano pasase a defender xustamente o contrario, unha vez que pasa tamén a cobrar como secretario xeral de Política Lingüística do PP. Como é bo de ver, as ideas de Anxo Lorenzo van polo vento e veñen polo aire, cunha credibilidade tan reducida como a da consulta manipulada que el mesmo presentou.

    As contas de Pinocho

    A Mesa valorou desde un primeiro momento estes resultados como “as contas de Pinocho”, cunha fiabilidade que se pode pór máis que en dúbida. Aínda así, estaría por ver cales poderían ser os resultados reais, non dunha consulta, senón dun inquérito feito con todas as garantías. Reparemos en que as estatísticas cociñadas polo PP dan que un 50% do total quere o ensino nas dúas linguas, rompendo de vez coas ideas de segregación lingüística promovidas nos últimos meses.

    Mais pódense tomar estes datos como referente ou indicador dalgún tipo? A verdade é que non, xa que hai demasiados indicios de calote, amosando que o que comezou como un proceso tendencioso contra o noso idioma, con preguntas tramposas, desembocou no escurantismo e na fraude.

    Como ben se indicou neste diario, o proceso de reconto, de mes e medio, é dos máis longos de toda a historia da democracia mundial. Tras tanto tempo, a Xunta non foi capaz nin de presentar ao menos datos seriamente desagregados. Sería ilustrativo que nos indicasen cal foi, segundo eles, a participación en centros públicos, concertados e privados, non vaia ser que, como advertiu Anxo Louzao, o secretario nacional da CIG-Ensino, estean a decidir estes últimos sobre o funcionamento do conxunto do sistema educativo. Reparemos en que a participación nos colexios e institutos públicos foi moi baixa e para que as cifras globais de resposta sexa superior ao 50%, como é o caso, só sería explicábel se os centros concertados e privados achegasen arredor do 100% dos formularios. Así, a fotografía presentada aínda estaría máis deformada.

    Mais hai moitas outras interrogantes por responder. Por exemplo: Por que non houbo ningunha notaria ou ningún notario en todo o proceso? Cal é o motivo de que só dean o nome da empresa encargada de tratar os datos e non da responsábel do reconto, o momento máis importante e delicado? Por que se ocultou e mesmo se mentiu en diferentes ocasións desde a Xunta sobre a existencia destes servizos externalizados? Por que non ofrecen datos de verdade desagregados que corroboren participación, resultados e gastos? Que pasou coa epígrafe “observacións”? Recontáronse só orixinais ou tamén fotocopias? De existiren tales copias masivas: De onde xurdiron? Que incidencia teñen no resultado global?

    Canto nos custou?

    Canto nos custou todo isto aos contribuíntes é a outra grande pregunta. A Mesa continúa a manter que o gasto total puido rondar os 400.000 euros, o cal Anxo Lorenzo reduciu a 160.000, que tamén sería un dispendio tremendo para tal chafallada. Para saber quen ten razón, o conselleiro e o secretario xeral téñeno moi fácil: que amosen as facturas.

    Ademais, se imprimir e distribuír case 331.000 formularios por todos e cada un dos centros de ensino e recoller e tratar –supostamente– 190.000 respostas durante mes e medio custa ese diñeiro, teremos ao menos dereito a saber o nome das empresas, porque teñen unhas ofertas moi especiais que pagan a pena.

    O que resulta máis de lamentar é que para atacar o galego e crispar as familias non existe a austeridade. E así lle vai ao país.

    2 comentários:

    1. Celso Alvarez Cáccamo3 de ago. de 2009, 23:48:00

      Bom texto, Carlos. Na verdade, nem paga a pena tentar interpretar os dados da "consulta": nem desagregados nem agregados. As perguntas eram tão absurdas e o processo tão esperpêntico que é melhor deixar tudo no limbo. Foi o caríssimo caramelo para apanhar Anxo Lorenzo, e acho que está a atragoar com ele.

      A questão é que deve haver um grande pacto PSOE-PP sobre este assunto, como parte do pacto no nível do Estado. Poderão fazer sete consultas como esta, falar com alguns "agentes sociais" (até com os que dizem "estupidezes" e "mentiras"), mas o resultado da política linguística vai ser o mesmo. Já está tudo pensado por Feijóo mesmo, como plataforma para o seu lançamento como ariete em Madriz. Galiza, experimento, sempre.

      Mas não o vão ter fácil.

      ResponderExcluir
    2. Obrigado polo comentario, Celso. Concordo con que non o van ter fácil, porque non llo imos deixar fácil, va que non?

      Unha aperta!

      ResponderExcluir