29 de jul. de 2009

Dialéctica construtiva

Interesante e recomendábel artigo publicado por Francisco Rodríguez en GzNación:

Dialéctica construtiva

Existe, en todos os sectores sociais favorábeis á lingua galega, coincidencia en que a política lingüística do PP é estratéxica e pretende a súa acelerada eliminación. Estamos, pois, perante unha conxuntura preocupante, que merece a máis ampla, perseverante e articulada resposta social e política. Moita xente está a descubrir, a maiores, que esta actitude é correlativa á opción recentralizadora, á parálise no avance do autogoberno, á submisión aos ditados de estratexias, en todos os ámbitos, deseñadas desde Madrid. Por primeira vez, de forma socialmente incisiva, as relacións entre lingua e política aparecen tan transparentes que obrigan a cavilar en cuestións até o de agora nebulosas ou simplemente soterradas. O conflito aboia como consciente e obriga a definicións, o que non deixa de ter tamén un aspecto positivo. É máis que probábel que, alén do dano que o Goberno PP estea a facer á convivencia lingüística e á causa da normalización do noso idioma, se estea a producir tamén unha reacción social que alarga a súa base confesional tradicional perante tan descomunal, cínica e destrutiva saña.

Neste panorama resulta pouco construtivo que, no canto de incidir na contribución a fortalecer o movemento de oposición prática a esta política, haxa quen aproveita a ocasión tamén para enunciaren discursos de culpabilización, descrédito e crítica infundada ao nacionalismo máis activo na defensa política do noso idioma. Falan da necesidade dunha nova política lingüística e dunha maneira distinta de levala a cabo e mesmo de posicións sectarias. Esta foi a reacción intelectual dalgúns colaboradores de El País, xa nas súas páxinas, xa no seu blog particular, após a máis grande resposta popular que houbo contra as pretensións do PP. Nela participaron todos os movementos e organizacións que quixeron, con postulados mínimos de amplo consenso, contando a Mesa pola Normalización Lingüística co papel convocante, por levar a iniciativa, ter un historial acreditado e representar a máis grande organización do país en defensa do idioma. No canto de preguntárense por que non estiveron o PSOE, CCOO e a UXT, cando foron debidamente convocados a participar, os comentaristas devanditos optan por reaxiren contra os que se moven, ben atacando a que consideran desfasada artillaría analítica do nacionalismo respeito do idioma, ben tentando responsabilizalo das ausencias, co recurso mesmo á mentira intoxicadora ad hominem. O sr. Antón Baamonde debe saber que, malia seren convocados insistentemente, PSOE, CCOO e UXT nunca mostraron o menor interese, até agora, en mobilizar por esta causa. Nunca estiveron dispostos a participar, nun plano de igualdade con outros nen a elaborar un discurso común para saír á rúa. Non se lle pode apor a responsabilidade a quen estivo, sen condicións excluíntes...

Certamente sería moi positivo superarmos esta dialéctica. Pero non se pode ser tan sectariamente parciais perante un problema tan grave e perante as carencias de cada quen. A incomodidade perante unha situación conflitiva ou as ansias de agachar as limitacións, ambigüidades ou oportunismos do sector político no que un milita, non poden conducir ao intento de enmascaralas botando tinta de lura contra outros. Non é máis real e verdadeiro que o problema do idioma resulta tan espiñento para o PSOE e os sindicatos estatais que non saben como facer para estaren na misa e na romaría a un tempo? Non é contraditorio pretender tirar rentabilidade de este tema como oposición ao PP ao tempo que se pratica o inmobilismo e a pasividade social, ou mesmo ás veces a conivencia ideolóxica? Queren recoller réditos pero non queren asumir custes. Así é imposíbel unha mínima coerencia que faga posíbel a necesaria e operativa unidade de mínimos. Porén, estou por asegurar que a plataforma Queremos galego vai seguir intentándoo.

O diagnóstico sobre a situación do galego non é difícil de compartir en termos básicos. Farían ben os intelectuais que pretendan ser críticos en non definir, con caricaturas, a política do BNG nesta materia. Desde logo, non consisten as nosas deficiencias en estaren "enferruxadas" as nosas propostas ou os nosos modos de defender o galego, por moito que todo sexa mellorábel. Non lle parece ao Sr. Henrique Monteagudo paradoxal e sintomática a súa aseveración , cando estamos enlamados nun aberto conflito lingüístico, tamén no plano político, de que a teoría do conflito "está caduca"? Cre honestamente que a asociación nacionalismo=lingua é consecuencia da política lingüística do BNG? Até tal extremo se pretende ignorar a falta de políticas normalizadoras reais desde o poder en vintecinco anos? Até tal extremo se pretende obviar a fragmentación diglósica nos usos sociais do noso idioma e a crenza de que se violenta a normalidade cando alguén rompe estas normas? Descoñece que os usos formais, orais ou escritos, do galego non son maioritarios nen están asegurados sequera para quen o pretenda individualmente? Albisca algunha posibilidade do galego subsistir se non vai adiante o proceso para convertelo na lingua preferente da administración pública e dos usos sociais na Galiza? Que ten a ver unha interpretación deste tipo con non se sabe que enfeudamento a un monolingüismo galego? De verdade pensa que é unha opción real, seria, funcional socialmente, a alternativa do multilingüismo para toda a sociedade e todas as persoas na Galiza ou noutra parte calquera do mundo con situación similar? Compre predicar as vantaxes do bilingüismo na Galiza, cando mesmo os galego falantes máis conscientes nos vemos obrigados a unha prática de bilingüismo inevitabelmente diglósico?

Podemos e debemos mellorar o arsenal analítico. Pero non procuremos o problema onde non está. Pratiquemos a crítica e a autocrítica, pero non desviemos a atención de quen é o inimgo, onde están os perigos e cais deben ser os obxectivos. Non se constrúen "proxectos atractivos" para un país por arte de maxia. O atractivo non pode consistir na falsificación, senón no esforzo por ver e asumir a realidade e na vontade por transformala positivamente. No caso do noso idioma, faríamos ben en non guiármonos por espellismos para non confrontar a conflitiva situación na que vivimos. Acreditemos na nosa capacidade colectiva. Manteñamos posturas construtivas, coas lexítimas diferenzas. Recoñezamos os esforzos organizativos colectivos, a experiencia e a historia. Compartamos obxectivos e deamos a batalla por eles na prática. Nen individualismo nen leiriñas para xustificar a inacción e a incapacidade. Si temos que facer da necesidade virtude, deamos probas de unidade real, sen poñer chatas á obra. Maticemos e reparemos, pero teñamos claro o obxectivo: paralizar a política antigalega do PP e abrir o camiño a unha política de respeito polo pobo galego, neste caso, polo dereito a usar o galego en todos os ámbitos, co amparo legal necesario, desde a concepción de que é a nosa lingua propia.

Nenhum comentário:

Postar um comentário