27 de jul. de 2009

Voces que se alzan na defensa da nosa lingua propia

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:

Manifestos
Voces que se alzan na defensa da nosa lingua propia


Desde o pasado un de marzo, coa entrada do goberno da Xunta máis contrario á lingua galega de toda a etapa democrática, a sociedade está a reaccionar e organizarse para a nova etapa. As rúas dunha chuviosa Compostela amosáronnolo con claridade o 17 de maio, nesa inmensa marcha que ateigou dúas veces a praza da Quintana para reivindicar o dereito básico a podermos vivir no noso idioma, con todas as garantías que teñen que ofrecer os poderes públicos para que iso sexa unha realidade. Este movemento social tamén podemos observalo na serie de manifestos que están a emerxer desde espazos e voces do máis variado.

Convivencia e igualdade

O primeiro que temos que citar é o “Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego”, xurdido hai doce meses, coincidindo co lanzamento dunha virulenta e fóbica campaña contra todo o que non fose a cinicamente chamada “lengua común”.

Aquel texto promovérano 30 rostros representativos de diferentes sectores da sociedade galega, desde Manuel Rivas a Ana Kiro, mais ben axiña contou tamén con moitas outras adhesións doutras persoas moi coñecidas. A día de hoxe, segue recollendo apoios, e xa conta coa significativa cifra de 684 respaldos colectivos e 26.031 a nivel individual. Se aínda non o asinaches, podes facelo a través da páxina web da Mesa pola Normalización Lingüística.

Velaquí os seis puntos que compoñen esta necesaria chamada á sociedade galega e ás institucións de autogoberno:

1.- O pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia (orixinaria) sexa oficial a todos os efectos no seu ámbito territorial. Os usuarios do galego deben desfrutar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán ten no seu.

2.- A situación do galego está moi lonxe de ser así. Non desfrutamos de dereitos lingüísticos plenos para desenvolver a nosa vida diaria con normalidade na nosa lingua na nosa terra. Son os falantes do galego os que resultan discriminados. É o galego o que corre perigo como idioma e os galego falantes os que non son debidamente respectados. Vivimos unha grande inxustiza que é a negación da igualdade e da verdadeira convivencia.

3.- Por iso, resulta realmente preocupante que, desde Madrid, con apoio de importantes medios de comunicación, haxa quen pretenda convencer á opinión pública de que o castelán corre perigo de desaparición e que os seus falantes son discriminados no noso país. Esta inversión da realidade ten como obxectivo que os falantes do galego non teñan dereitos lingüísticos e que os únicos deberes para as Administracións públicas se vinculen ao castelán.

4.- O verdadeiro problema non está na cooficialidade de idiomas como o galego, senón na actitude de quen nega a existencia de pobos e linguas diferentes no Estado español. Esta actitude si é a negación da convivencia e da igualdade. O proceso de normalización de usos do galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir nesta lingua. O que compre é respectar a legalidade vixente (Estatuto e Lei de Normalización Lingüística) e avanzar con cambios legais na dirección da igualdade e da convivencia. Xustamente a dirección contraria á proposta polos que pretenden a imposición do castelán como único idioma con dereitos e deberes para os cidadáns en todo o territorio do Estado.

5.-. Correspóndelle ao pobo galego, a través das súas institucións representantivas, definir a política lingüística acorde co criterio de cooficialidade e de lingua propia que mesmo o actual Estatuto recoñece para o noso idioma. Esperamos o compromiso das institucións de autogoberno na defensa da igualdade plena de dereitos para o galego e na aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos. Neste labor contarán sempre co noso apoio.

6.- Alertamos á sociedade galega para non se deixar confundir e instámola a cavilar sobre a verdadeira situación do galego no propio país.
Defendemos un dereito humano elemental que nos define, ademais, como pobo diferenciado. Debemos ser firmes rexeitando todo posicionamento que persiga recortar dereitos ou retroceder no cativo camiño andado tanto nas administracións públicas, como na vida social.


Galego e ciencia

Varias críticas dos sectores galegófobos tentaron alentar o prexuízo segundo o cal a lingua galega non é apta para transmitir determinados coñecementos. Así, o portavoz da Confederación das Asociacións de Pais de Alumnos de Colexios Concertados (CONGAPA), José Ramón Hermida, lucíase declarando publicamente esta soberana estupidez: “Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego.” Fronte a esa manifestación de racismo lingüístico, un grupo de nove físicos e enxeñeiros galegos vencellados ao prestixioso e referencial Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN), en Xenebra, alzaron a súa voz:

Ben, for desde a ignorancia, for intencionadamente, declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbeis. E dicimos isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi diversos en galego. Nun entorno no que temos a sorte de traballar con algúns dos mellores físicos e enxeñeiros do mundo, o galego está, modestamente a través de nós, presente como vehículo de comunicación científica. E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala, pero é necesario que se saiba que tampouco o é o castelán. A lingua franca da ciencia desde hai moitos anos é o inglés, e desde logo se algunha lle discutiu no pasado tal condición esa non foi o castelán.
Nesa mesma liña se pronunciou o colectivo que reúne aos docentes de ciencias en Galiza, ENCIGA, que é, por antigüidade e actividade, a máis relevante do seu ámbito no conxunto do Estado español. Como afirmaron no seu manifesto dado a coñecer hai poucas semanas, “nunca nas súas actividades, asembleas, comunicacións, artigos, etc (desenvolvidas en galego con normalidade), se ten producido ningunha intervención no sentido de manifestar que o uso do galego poida producir ningún tipo de atranco na aprendizaxe dos contidos científicos, ou en calquera outra acción que sexa propia do ensino na secundaria.” Por iso, conclúen o seu posicionamento público ao respecto cunha idea clara: “Calquera intención de situar o galego como un problema no ensino, en calquera etapa educativa, non se corresponde coa realidade e non se sustenta en ningunha razón didáctica ou pedagóxica.”

Alén do testemuño

Ademais, a día de hoxe hai outros dous manifestos tamén en defensa da nosa lingua que están a recoller adhesións a través da rede, contando con blogs propios. Por unha banda, “Galego. Patrimonio da humanidade”, que transmite ideas tan importantes como que “gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia na nosa sociedade e un dos signos da nosa existencia como país”. Ademais, sectores reintegracionistas propoñen un “Manifesto pola hegemonia social do galego”, no cal se reclama “dos poderes públicos, sujeitos sempre a renderem contas perante a cidadania, o exercício das suas obrigações para a promoção social e institucional do galego e para a eliminação de qualquer discriminação e obstáculo à sua expansão, consolidação e naturalização como língua nacional própria a todos os efeitos”. Eu asinei ambos os documentos e penso que é moi importante que todas e todos apoiemos calquera iniciativa que xurda en defensa da nosa lingua, igual que o é que non limitemos a nosa acción á sinatura de textos a través da rede, senón que actuemos día a día na sociedade. Con firmeza e intelixencia.

Um comentário:

  1. Carlos, acabo de enviar-che um correio a respeito do "Manifesto pola hegemonia social do galego". Obrigado.

    -celso
    Celso Alvarez Cáccamo

    ResponderExcluir