17 de jul. de 2009

'Armadilla', de Bieito Iglesias

Recoméndovos que leades o artigo que publicou Bieito Iglesias na contraportada d'A Nosa Terra da semana pasada:

Armadilla

Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe, acudiu ao parlamento galego pra armarlle ao merlo. Con gaiola de vimbio ou visgo pegañento quere cazar paxaros do Partido Socialista. Chaman a atención dous aspectos da crónica xornalística do evento: por un lado admírame que a Dama Lacustre, campioa da modernidade e inimiga da cousa poubana, vestise prá ocasión un traxe máis pasado que Antonio Machín; outramente asómbrame que pretendese encalatrar socialistas coa política lingüística finlandesa, no canto de propor o modelo da République Française, a máis eficaz trituradora de idiomas subestatais.

Finlandia pertenceu a Suecia ata 1809 e a Rusia endeica 1917. A súa lingua foi normalizada grazas ao triunfo dos nacionalistas e a identidade do país creárona escritores románticos (a obra clave titúlase Kalevala e publicouna Elias Lönnrot no ano 1849). Certo que tratan con enorme respecto a minoría sueco-falante, pero pra aplicar entre nós esa harmonía idiomática, plácida como unha sauna, primeiro debemos independizarnos de España e despois darlle ao galego o estatuto do que goza o finés en tanto idioma maioritario da Suomen Tasavalta/Republiken Findland. Se este é o programa de Galicia Bilingüe, aquí me teñen pró que sexa de servizo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário