6 de dez de 2007

E como pasa o tempo...

Durante un tempo da miña vida, entre os 19 anos recén feitos e arredor dos 22 ou así, escoitei todos os días algunha canción de Silvio Rodríguez. Non digo "practicamente todos os días", senón "todos os días". Non se trataba de ningún propósito devoto nin dun obxectivo estraño (se for así, non o conseguiría, que ben me coñezo). Simplemente é que nun momento me decatei de que non había xornada que non escoitase algunha canción de Silvio, fose no meu rudimentarísimo walkman ou no fabuloso radiocasete que comprara barateiro no San Luís da Praza de Vigo ou na microcadea que aínda conserva, nostálxico, o meu rocho.

Para min Silvio sempre tiña a canción oportuna para o que eu procuraba: para me namorar, para non ser correspondido, para pasar o desamor, para estar nostálxico, para estar alegre, para saír do armario, para combater, para reflectir, para ser feliz, para non selo, para soñar a revolución... Ía conseguindo que me gravasen os casetes, que me emprestasen CDs, descubría as inéditas a través de internet... Silvio era un dos meus grandes gozos.

Póñovos aquí a súa conmovedora "Te doy una canción", na súa versión en directo no disco "Mano a mano". E como pasa o tempo...

Nenhum comentário:

Postar um comentário