22 de dez de 2007

Sensacións Pop

Din as más linguas que os concertos de La Casa Azul se poden encher dez días seguidos, porque dez días seguidos irían as mesmas persoas. Despois do que puiden ver, ouvir, gozar, danzar e cantaruxar hai hoxe unha semana na estupenda actuación ao vivo na Sala Apolo de Barcelona, non podo máis que compartir esa idea, porque eu tamén sería un deses que iría os dez días seguidos. E faría fila e tentaría ser puntual, para así pórme o máis adiante posíbel!

Aínda diría máis: Como a posibilidade de coller ferias (de Nadal ou as eternamente atrasadas) se me volve cada vez máis unha quimera a curto/medio prazo, coido que vou estudar seriamente a posibilidade de tomar como bálsamos desestresantes os concertos de La Casa Azul nos fins de semana: o 12 de xaneiro en Murcia, o 2 de febreiro en Zaragoza, o 22 de febreiro na Coruña e o 23 en Vigo; polo medio, hai un concerto aínda sen confirmar de vez en Bilbo. Alguén se anima a facer o roteiro?

Como é bo de ver, saín da Sala Apolo sendo máis fan que nunca. Para certificalo, merquei alí unha camisola que me identifica como LCA FAN. Non era o modelo de que máis gostaba, mais a marabunta consumista non me deixou moita opción, porque esgotaron case toda a mercadoría... Tamén me puiden facer co EP In Love, de Milkyway, unha pequeniña xoia de coleccionista que fai parte doutra liña creativa de Guille, menos coñecida que o grupo La Casa Azul, e da que me comprometo a falar nunha postaxe futura.

Para lle dar aínda máis emoción á noite, entre o público da sala estaban tres dos androides do grupo: Óscar, Sergio e Virginia. (Agora disimulade, porque me vou pór en plan "fan enlouquecida": Paulo e eu tivémolos tan perto de nós como tedes agora os vosos ollos destas letras no computador. He, he, he...)

Guille Milkyway estivo menos só no escenario do que era habitual até o de agora nas súas actuacións: cinco ecráns acompañárono proxectando videocreacións, case-karaokes nalgunha ocasión e, sobre todo, facendo presentes aos cinco androides que conforman La Casa Azul. O comezo do concerto, onde se ve como os programan aos cinco para a revolución sexual, é un momento dificilmente esquecíbel para os fans, como o testemuñan os centos de comentarios ao respecto que inundan as redes de seguidores do grupo. Reparemos en que, por exemplo, en youtube durou poucas horas unha captura do comezo do concerto. Quitárono seica para que os LCAdictos mantivesen a máxima emoción na actuación ao vivo...

Hai máis cousas que salientaría, como por exemplo o xogo coa estrutura, mais para non me demorar en exceso, falarei diso cando me refira neste blog á seguinte actuación ;) A principal pexa que lle poría ao concerto foi a ausencia dalgunhas cancións do novo disco, como "Triple salto mortal" e de auténticos himnos como "Viva (un poco más) el amor".

Finalizo xa dedicándolle o seguinte vídeo da canción "Cerca de Shibuya", que foi o inicio dos segundos bises, a Projecto Mourente, que ademais de me pedir que falase do que alí aconteceu, cómpre lembrar que vai estar no especial da TVG desta Noiteboa e ninguén se debe perder ese momento que fará historia televisiva.

A canción "Cerca de Shibuya" é a primeira que se deu a coñecer de La Casa Azul, hai dez anos, a través de Radio 3. Lembremos que o proxecto La Casa Azul nace dunha ruptura e crise afectiva de Guille Milkyway, que -sempre segundo este afirma- decide canalizar o desamor a través de cancións de pop, alegres e desenfadadas, cunha deliciosa contradición fondo / forma que se converte nunha importante marca do grupo. Coa referencia a Shibuya, Milkyway non fala (ou non fala unicamente) do coñecido bairro de Tokio, senón tamén do estilo shibuya-kei. O afastamento, máis que xeográfico até Shibuya, é conceptual, artístico e emocional, a través desta canción e deste estilo.

Aí van algunhas sensacións pop, que alguén dos alí presentes recolleu no seu telemóbel:

Um comentário:

  1. Obrigadíssimo pola crónica (e pola dedicatória): ainda quedei com mais ganas de vê-lo(s). Estou oferecido a La Casa Azul, terei-lhe que ir aos concertos galegos hehe Um abraço e feliz natal!

    ResponderExcluir