A capa gañadora para O libro negro da lingua galega, con 40,1% dos votos, foi...
4 de mar. de 2022
A capa final d'O libro negro da lingua galega
23 de fev. de 2022
Que cuberta escoller para O libro negro da lingua galega?
Despois de anos de traballo, andamos xa na conta atrás para a saída d'O libro negro da lingua galega, onde recollo e explico máis de mil casos de represión e silenciamento do noso idioma desde finais do século XV a finais do século XX.
O volume chegará cando acabe a primavera. Non o digo nun sentido cunqueiriano, senón literal: cando finde esta primavera que xa vai mostrando os seus sorrisos. (Polo demais, como é fácil de intuír, neste volume fálase de fríos e de alerxias, mais para podermos comprender, cicatrizar ou sandar algunhas importantes feridas que levamos no corpo social).
En fin, que viña até aquí para vos pedir que me axudedes a escoller cuberta. De cal das seguintes gostades máis?
As votacións van estar abertas até a próxima segunda, día 28:
Cuberta 1:
Cuberta 2:
Cuberta 3:
Cuberta 4:
A votaaaaaar! :)
4 de fev. de 2022
O libro negro da lingua galega
Desde hai uns aniños veño traballando sobre a historia da represión e silenciamento do noso idioma. Como resultado, en poucos meses vai saír O libro negro da lingua galega, onde expoño desde leis até multas pasando por discursos, censuras, agresións... Comezo nos finais do século XV e chego até os finais do século XX.
Estou satisfeito por dar sistematizado máis de mil casos dispersos e tamén por todo o que (grazas ao mergullo en arquivos e a testemuños moi valiosos) vou poder presentar que estaba enterrado e ignorado. Hai tanto por facer, tanto por coñecer...!
Ando agora a ultimalo e aquí é onde chega o motivo desta mensaxe. Quero, necesito, pedir a túa axuda.
Do mesmo xeito que neste traballo silencioso fun recollendo testemuños, pídoche que me axudes a conseguir algúns máis. Hai acontecementos que afectan de xeito directo só a unha persoa ou a unha pequena comunidade e que, porén, escintilan sobre o conxunto: aquela vez que a túa nai a castigaron de xeonllos por falar en galego nas aulas, aquilo que che contou o avó de que lle bateron coa regra nas mans por dicir aquelas palabras prohibidas, o que che aconteceu a ti cando se negaron a atenderte nun comercio porque empregaches o teu idioma, aquel problema no traballo pola túa lingua e que non podías denunciar por medo a represalias, aquela ou aquel bebé que non se podía rexistrar por ter o nome en galego...
Agradezo moitísimo que se deixe esa información, for como comentario for a través do correo electrónico olibronegro@carloscallon.com
Agradezo tamén moito que se partille esta mensaxe, para poder chegar a máis xente.
Viva a nosa lingua!
26 de dez. de 2021
A abertura da boca: lanzamentos na Coruña e en Santiago
26 de jun. de 2021
31 de mai. de 2021
Uns minutos sobre o galego na TVI portuguesa
O outro día saín no programa matinal da TVI, unha das emisoras de televisión máis importantes de Portugal. A cousa tivo máis repercusión da que eu imaxinaba, tamén ao norte do Miño.
Todo comezou cunha proposta que lle chegou a Gabriel André. No espazo "Esta manhã" ían dedicar unha parte do programa ás relacións en xeral de Portugal co Estado español e, dentro disto, quixeron abrir un tempo para falar sobre o galego. Eran poucos minutos, mais había que tentar aproveitalos ben. Teño que recoñecer o asesoramento en particular de tres persoas: Sara Seco Rial, André Jorge e Valentim Fagim. Obrigado!
Varios medios de comunicación fixéronse eco na Galiza. Cónstame o caso de Nós Diario, de Praza Pública e do Galicia por Diante de Kiko Novoa na Radio Galega. Obrigado tamén!
Para a próxima paraxe polas televisións portuguesas, era bo falarmos non só da lingua senón tamén doutros dos nosos símbolos, como a bandeira. Xa me entendedes :)
29 de mai. de 2021
A ler textos no confinamento de 2020
A proposta da libraría Pedreira, de Santiago de Compostela, graveime a ler dous textos durante o confinamento de 2020. O primeiro, "Wanderlust", é un poema pertencente ao libro "Inscricións" (Editorial Galaxia, 2019). O segundo é un fragmento da biografía de Montaigne escrita por Stefan Zweig.