16 de ago. de 2010

A lóxica dos prexuízos lingüísticos

No artigo desta semana en Galicia Hoxe aproxímome a unha obra moi interesante, que non tedes escusa ningunha para non lerdes canto antes. Por outra banda, mañá falarei un pouquiño neste blog sobre o debate que xurdiu a partir dos dous textos que publiquei nese mesmo diario nas últimas semanas.



A lóxica dos prexuízos lingüísticos

En galego, por que non?
, de Manuel Núñez Singala


É moi probábel que, despois d’Os vellos non deben de namorarse, a obra en galego máis representada nos nosos centros de ensino sexa O achado do castro. Esta divertida peza é a incursión literaria máis coñecida de Manuel Núñez Singala, que tamén conta no seu haber con títulos narrativos como Mar de fondo e o tan recente como suculento Menú de enganos. Ademais, foi motivo dun ataque lamentábel por parte dos grupos contrarios ao galego a dramatización dos prexuízos sobre o noso idioma na súa Comedia bífida.

Manuel Núñez Singala, que leva anos como director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, debrúzase con frecuencia na problemática dos idiomas minorados. Unha das súas liñas de traballo é abordar a cuestión dos prexuízos lingüísticos, un espazo no que se inscribe o seu recomendábel libro En galego, por que non?

Implicación na lectura

É relevante que o título sexa unha pregunta. Toda a obra é un continuo convite á reflexión, a que as posturas que unha persoa poida adoptar sobre a situación lingüística sexan a partir do coñecemento e non de apriorismos irracionais. No volume apóstase por crear un vínculo coa lectora ou co lector a través dun estilo áxil e de continuadas interpelacións. Como di no último parágrafo da introdución: “Se temos unha lingua, por que non usala? Por que non en galego? Se xa o falas convídote a que leas as páxinas que seguen, que quizais che sirvan de reforzo para a túa conduta lingüística actual, e se non o fas, convídote igualmente a que penses sobre a razón. Por que non en galego? Porque é unha lingua bruta, que soa mal? Ou porque consideras que aprender galego e non inglés é unha perda de tempo? Ou porque falar galego cando hai outros que non o falan é de mala educación? Ou porque cres que non o dás falado ben?... A todos estes porqués e bastantes máis atoparás resposta neste libro. Espero que che guste e que ao final che sirva para que poidas opinar sobre o galego con maior fundamento, sexa o que sexa o que ao final ti mesmo decidas” (p. 15).

Así é. Os capítulos que estruturan o libro son varias posíbeis respostas á cuestión do título. Páxina a páxina, Núñez Singala dinamita os alicerces dos prexuízos a partir da forza da razón. O autor sementa as páxinas de problemas de lóxica, que utiliza como exemplos que serven para explicar, por analoxía, como se configuran moitas das ideas negativas sobre o galego que se repiten como verdades incuestionábeis.

Os xogos de lóxica e as curiosidades fan desta unha obra moi amena. A lectora ou o lector teñen que implicarse de forma activa para dar resposta ás continuas preguntas. Que se sabes como se chama este animal que aparece na foto. Que escribas unha listaxe de linguas que soan ben e linguas que soan mal. Que penses como solucionar un pequeno problema matemático que parece simplísimo. Que resolvas un pequeno misterio.

Esta implicación fai que estas páxinas se lean cun sorriso. Porque pensamos que na seguinte ocasión imos saber responder a pregunta, mais volvemos caer! Decatámonos, así, do profundamente inscritos que temos, todas e todos, os prexuízos máis inagardados.

Por exemplo, tras un pequeno problema matemático, o autor interróganos sobre o motivo polo que foi capaz de enganarnos co que nos acaba de contar: “Por que funciona este truco?” Coa resposta, desenmascara ao mesmo tempo a estrutura do preconcepto: “Funciona polo mesmo que tendemos a considerar atinada a frase ‘Aprender galego é unha perda de tempo, se todos falásemos inglés non habería problemas para entenderse’. É dicir, funciona porque nos dous casos se segue a mesma estratexia: formular mal o problema” (p. 41).

Aínda Babel

O mito de que todas as persoas no planeta deberiamos falar o mesmo idioma ten unha longuísima tradición, como é sabido. Mais gustoume moito a forma concreta en que lle dá resposta Núñez Singala. Por unha banda, explicando con tremenda pedagoxía a tendencia á variedade, a partir dos exemplos das diferentes dobraxes que se realizan para un mesmo idioma, ou os varios correctores ortográficos que existen para as diferentes variedades do español (podes optar polo da Arxentina, Chile, Guatemala, Paraguai, España, Venezuela etc), do inglés, do árabe, do francés... A diversidade que, en fin, tamén é intrínseca ás propias “grandes linguas”.

Mais a súa mellor reflexión sobre o tema é un simple baño de realismo: “Fagamos un exercicio de inxenuidade e imaxinemos que todos os gobernos do mundo se poñen de acordo para usar só unha lingua, e que mesmo se poñen de acordo sobre que lingua usar (...). Non cómpre ser moi intelixente para decatarse de que tal pretensión resultaría imposible por moitas razóns. Abonde pensar en que na actualidade, no noso mundo tan ‘avanzado’ case o 20% da poboación, unha de cada cinco persoas, é analfabeta. Se non é posible aínda ensinar de xeito global a ler e escribir na propia lingua a mil millóns de persoas, pode alguén crer que sería posible facer que aprendesen unha lingua nova?” (p. 48).

As verdades máis sinxelas, máis elementais, destrúen as mentiras máis afincadas. De cando en cando, habería que repetir en alto frases tan básicas como estas: “A situación actual, con linguas con moitos falantes e outras con moi poucos, débese a factores económicos e políticos, non lingüísticos” (p. 78), “o argumento de que [o galego] non o fala ninguén adoitan empregalo os que opinan que xa se fala demasiado” (p. 81), “en realidade non hai linguas que, por si mesmas, soen ben ou mal” (p. 37), “resulta desenmascarador que aqueles que claman contra a imposición e enchen o peito con palabras como liberdade, bilingüismo e harmonía só se deixen oír nos casos en que o galego comeza a asomarse á igualdade co español” (p. 73). Como o dediño infantil que lembra que, a pesar do que digan, o rei vai nu.

Matices

O deseño dinámico e inzado de ilustracións axuda aínda máis a mergullarse nas páxinas deste libro. Neste aspecto, só matizaría dúas cousas. En primeiro lugar, o erro na reprodución da folla voandeira franquista na que se insta “Hable bien. Sea patriota. No sea bárbaro” (páx. 34). O pasquín aparece aquí asinado deste xeito: “Octavilla. Imprenta Sindical. A Coruña. 1942”. Non é a primeira vez en que vexo esta corrección do topónimo, que non fai ningún sentido. O mesmo acontecía na cuberta do estudo A represión lingüística en Galiza no século XX, de Pilar Freitas Juvino e o mesmo se pode ver nalgúns libros de texto.

A segunda proposta de mellora é relativa aos mapas sobre os lugares do mundo onde se fala español (p. 78) e portugués (p. 79). A cartografía sobre o castelán sinala que se fala “maioritariamente” este idioma nas Filipinas e nos Estados Unidos, incluído Alaska. Pola súa banda, o mercátor onde se salientan os territorios da lusofonía está cortado, incompleto e difuminado.

Pensémolo

En galego, por que non? é un libro útil para traballar os prexuízos nas aulas, para difundir socialmente e mesmo unha obra entretida para este verán. Con este áxil volume veremos, como di o propio Manuel Núñez Singala, que “ás veces as cousas que consideramos moi evidentes poden resultar moi falsas, se o pensamos un pouco. Pero é necesario iso, pensalo un pouco”. Pensémolo. E socialicémolo.

15 de ago. de 2010

Cançó a Mahalta

Esta preciosa versión en directo de "Cançó a Mahalta", con letra de Màrius Torres, pertence ao concerto de despedida do inmenso Lluís Llach.

Aos meus netos poderei contarlles que estiven nalgúns concertos deste xenial cantor, aínda que non puiden ir a este derradeiro de 2007.

O tema propiamente dito comeza tras un minuto e medio de interesante presentación por parte de Llach. Por certo, entre o público pódense ver algúns rostros coñecidos seguindo a canción cos seus beizos:



Déixovos tamén o vídeo oficial:



Corren les nostres ànimes com dos rius paral·lels.
Fem el mateix camí sota els mateixos cels.

No podem acostar les nostres vides calmes;
entre els dos hi ha una terra de xiprers i de palmes.

En els meandres grocs de lliris, verds de pau,
sento, com si em seguís, el teu batec suau.

I escolto la teva aigua tremolosa i amiga,
de la font a la mar, la nostra pàtria antiga.

14 de ago. de 2010

Señoras do pasado

De Con pólvora e magnolias, como é sabido:

Señoras do pasado


Mon prince on a les dam's du temps jadis qu'on peut
Georges Brassens

E quíxenvos moi tristemente a todas
as que forades rapidamente eu (un pouco).
Unha lus nos lugares do estremecemento
e tardes coma rodas de bronce, interminábeles.
Poderosas mañáns de rexurdimento e ollos no chao, de amor outido.

E quíxenvos moi escasamente a todas
porque nas regandixas de eu caben ourizos e sofrir é amor
e nada para o tempo que destrúe os ourizos.
E quíxenvos (queréndome) coma un río que fose
dos meus ollos a vós, as tidas e perdidas,
limítrofes do amor, esquencidas pra sempre.
E quíxenvos autente, e case non vos quixen
antre tanto artefauto, construcción, mala pedra,
que nos ten envisgados
nas cousas, coma lentos navíos que mainamente esbaran.
Chamo por vosoutras, nomes apenas tatuados
no baleiro e no fume, e reclamo ese espacio
que deixáchedes e que cecais é globo (de lume e desespero).

Señoras do pasado, damas investigadas a través dos ensoños
sobre cabalos nidios, inmóbiles no outono de antano,
sen bris mesmo,
merci por un crepúsculo, ou acaso algún beixo,
ou polos poderosos erguementos do sangue,
ou por sorrisos líquidos a carón da magnolia.

Quíxenvos lenemente, e mesmamente fúchedes
capaces da captura dun anaco de sombra de min,
e fiquei menos.

Inútil esta ollada por derriba do tempo que me outorga silencio,
escamas, arruínas, borralla, meus ronseles.
Quíxenvos fuxidío, oh amigas de antonte,
meu espantoso espello neste solpor que vence.

13 de ago. de 2010

Mika en Castrelos


MIKA - Rain
Cargado por Mika-official. -

Mañá toca o grandísimo Mika en Castrelos. Pola miña banda, será a segunda vez na que vaia a un concerto seu. Hai xa tres anos puidera gozar do seu espectáculo en Eivissa. Daquela, non cantara o temazo que poño a continuación, supoño que por non ter os coros para que a actuación quedase como debería. Oxalá no recital deste sábado en Vigo teñamos sorte!

12 de ago. de 2010

Quen coñece a Moncho Reboiras?

Hoxe hai 35 anos do asasinato pola policía franquista de Xosé Ramón Reboiras Noia, Moncho Reboiras.

Aínda fica moito traballo por diante para socializar o que a súa morte significou, así como para que se coñeza e valore que aconteceu neses anos nunha Galiza que seguen a vendernos como xeneticamente mansa e sen historia.

11 de ago. de 2010

A presentación en Ribeira de En castellano no hay problema



Tiña pendente pendurar fotos dos actos de presentación do libro en varios lugares. Un dos primeiros que debo citar é Ribeira, o meu concello natal. Xunto con estas imaxes, hei de reiterar o moitísimo afecto que o pasado 13 de maio desbordou o salón da Confraría da localidade.

As fotografías son de miña irmá, María do Mar. Nelas podedes ver as xeniais pandeireteiras de Lumieira, que un ten ganas de abrazar e comer a bicos polo ben que o fan e polo boa xente que son. Mais cando alguén achegárselles, xa están elas a tocar e cantar e xa se lle van os pés ao seu ritmo, como se procedesen de Hammelin.

Aí está tamén o editor Manuel Bragado, que está a levar un bo tute acompañándome á maioría das presentacións, cun esforzo que lle agradezo.

Á esquerda de todo das fotografías está o compañeiro Xosé Antonio Vázquez Covas, un dinamizador da nosa cultura que, desde a asociación Altofalante e desde a agrupación comarcal de Queremos Galego, fixo posíbel este evento.

Na banda dereita da imaxe está Plácido Betanzos, de quen tantísimo aprendín e aprendo. Xunto co desaparecido camarada Mariano Vidal, foi unha persoa fundamental para que eu soubese algunhas cousas precisas para desenvolver un bo activismo político e cultural. Iso, lamentabelmente, non aparecían en ningún libro que eu coñecese, mais tiven a fortuna de encontrarme con eles neses anos tan importantes que son os da adolescencia.

Outra persoa importante para a miña formación foi Suso Laíño, que aparece na terceira fotografía nun momento da súa intervención. Un día contarei con vagar como me influíu de forma decisiva o seu exemplo para que eu me decatase de que a miña fala era unha lingua.

10 de ago. de 2010

O brazo de Maceo, a semente de Martí


Esta fotografía de Fidel Castro tomouna Silvio Rodríguez o pasado 26 de xullo, unha data moi importante na historia cubana, pois é o aniversario do asalto ao cuartel Moncada. Aínda que nese momento se frustrou a tentativa dos guerrilleiros, foi o comezo dunha loita revolucionaria que triunfaría, contra toda expectativa.

Fidel está nesa fotografía diante dun mural onde se pode ler o verso de Martí "Patria es humanidad". José Martí é un referente básico para todas as persoas que continúan a defender a revolución cubana, que entenden que hai moitas cousas para mellorar, mais que non se deben tirar ao lixo tantísimos éxitos conseguidos. Así o canta Silvio Rodríguez no seu tema "Sea señora", pertencente ao seu último disco:

9 de ago. de 2010

As palabras perdidas?

O artigo desta semana en Galicia Hoxe está estreitamente vinculado co da segunda feira pasada. Aquí o deixo, aberto ao debate:

As palabras perdidas?
Entre a satelización e a restauración dun idioma xenuíno


Eu pensaba que de toda a vida se dixera abuelo e abuela. Aprendérao así e así llo escoitaba a meus irmáns, meus pais, meus tíos, miñas tías, aos colegas da escola e a tanta outra xente. Eran un abuelo e unha abuela, iso si, que tiñan ese e tónico ben aberto, aínda que eu daquela non reparaba nesas sutilezas.

No colexio aprendín que en galego correcto se dicían avó e avoa. Eran palabras que eu usaba entre as catro paredes da aula e só entre as catro paredes da aula. Para o resto do mundo, abuelo e abuela. Desde os meus ollos infantís non era tan estraña esa diferenza entre o que aprendía na escola e o que eu dicía no día a día. Xa tiña escoitado a varias persoas que na miña Ribeira natal non falabamos “ghallegho-ghallegho”, senón un chapurreado, unha má mestura que non era nin unha cousa nin a outra. Claro que despois de ouvir razoamentos coma eses eu preguntábame onde sería que se falaba galego de verdade.

Até a puberdade e a primeira adolescencia, non dei respondido de vez a esta pregunta. Foi cando me decatei, con todas as consecuencias, de que o galego é a lingua de Galiza e de que, se nós non somos nós, ninguén será nós.

Decateime tamén nese tempo de con que forza o galego era unha lingua ferida, precisada dun coidado e dun esforzo especial por parte dos seus falantes. A súa secular proscrición obrigouna a deixar polo camiño moitas palabras, expresións e estruturas que era tempo de restaurar. Aí tiñamos –temos– unha obriga particular todas as persoas que sentimos sensibilidade polo idioma de noso. Por fortuna, non en todas as zonas de Galiza se perderan por igual estas formas restituíbeis e moitas delas mesmo se mantiñan en determinados falantes, normalmente os máis anciáns.

Nese camiño a Damasco, sentinme como quen ve o mundo con outras lentes diferentes e é capaz de reparar en elementos que antes eran imperceptíbeis. Lembro, así, a miña sorpresa adolescente cando a miña avoa Pepa e a miña tía avoa Luísa lles escoitei falar entre elas usando a palabra xaneiro, e non o enero que eu sempre aprendera. Aínda hoxe me abraio co xenial uso que fan miña nai ou miña tía Pepita do infinitivo persoal ou mesmo da interpolación pronominal, característicos dun bo galego, que eu fora perdendo sen ser consciente do que perdía.

Descubrín, tamén, que a palabra avó, que eu consideraba como unha reliquia, na realidade só se perdera de forma maioritaria na xeración de meus pais. Non é só que en termos históricos fose moi recente esa substitución, senón que había falantes vivos que escoitaran outras formas para designar os pais dos pais e que, cando menos en ocasións, aínda as utilizaban. En Ribeira, por unha banda, usábase madre seguido do nome da avoa e padre seguido do nome do avó. Por exemplo: a avoa podería ser “madre Rosa” e o avó “padre Lourenzo”. Son formas cunha etimoloxía moi clara e penso que a priori non deben considerarse castelanismos. Mais, aínda no caso de os seren, é interesante observar que estas denominacións que estaban xeneralizadas hai dúas xeracións deixaron de se transmitir, para se substituíren de vez por unhas formas ás que lles deu prioridade o castelán: abuelo, abuela.

Ademais, tal e como testemuñan moitos falantes maiores, e por conseguinte como recollen tamén os atlas lingüísticos, en Ribeira designábanse os pais dos pais como... avô e avó. Isto é: dicíase avô, con o fechado, para o pai da nai ou do pai, e avó, con o aberto, para a nai do pai ou da nai. Igualiño que en portugués, por certo. Non dá para pensar? Canto de “naturais”, canto de “palabras de toda a vida”, canto de “expresións que sempre se dixeron así” teñen tantísimos españolismos que ateigan as nosas conversas cotiás? A verdade é que son barbarismos que podemos e debemos aspirar a desnaturalizar. Porque o proceso de recuperación e extensión social do galego é tamén o proceso da súa restauración interna.

É curioso repararmos en como hoxe son motivos de sanción social negativa tanto o uso dun castelán incorrecto como o uso dun galego correcto. Sobre todo cando hai unha boa fonética ou entoación, ese galego xenuíno tende a chamarse “gallego cerrado”. O referente de corrección do galego deixa de estar centrado en si mesmo e pasa a ter como eixo o español. Noutras palabras, para moita xente, un bo galego é aquel que se parece ao castelán: sen acento, sen infinitivos persoais, con léxico cada vez máis idéntico co español... Un galego satelizado, que se podería converter de forma progresiva nun dialecto do castelán, aínda que formalmente siga a ser galego.

A censura social fixo que moitos falantes espontáneos optasen por usar palabras ou expresións que socialmente ou son vistas de forma positiva ou reciben un tratamento neutro e non sorprenden a ninguén. Podemos imaxinar mil situacións, mesmo alén das vareadas das escolas franquistas, da exclusión forzada do galego en tantos ámbitos do poder etc. Pensemos nun caso máis amábel para transmitir a dita censura social. Unha muller que vai a unha cafetaría pola mañá e di que quere almorzar. O camareiro, todo simpatía, dille cun sorriso que o que ela quererá é desayunar, pois até o mediodía non se serven almorzos. Ela pide un cacao morno e o camareiro pon cara estrañada e faille de eco: “Ah, templado?”. Aquí non houbo burlas nin ordes nin multas, mais si se lanzaron moitas mensaxes eficaces e efectivas. A fundamental: que se usas eses termos a conversa xirará sobre como falas e mesmo se poderán meter contigo. E, en fin, que son erros (si: erros) que podes corrixir, aínda que sigas a falar en galego.

Substitúense así unhas palabras e expresións por outras, que se converten en habituais e se transmiten. Esa é a moeda corrente en falantes sen consciencia lingüística (lembrémolo: hai milleiros de falantes unilingües de galego que mesmo din falar español).

Mais nos falantes con sensibilidade ou consciencia polo idioma que é o que acontece? Hai casos dun uso da lingua con tanta preocupación e esmero como adecuación ao contexto. Mais tamén hai moitos exemplos, demasiados, nos que se realiza un uso gravemente desleixado. Unha escusa que se utiliza moitas veces é que se trata de que o galego que se utilice non resulte forzado, porque o galego ten diferentes rexistros. Mais esta resposta ten moitas contradicións e fraquezas, porque non parece moi lóxico escusarse na existencia de diferentes rexistros para ao final só utilizar un único rexistro en todos os ámbitos e contextos nos que se utilice o galego. Como ironizaba un bo amigo, “co conto dos rexistros, algúns só corrixirán os seus erros cando vaian recoller o premio Nobel”. Penso que unha boa proposta podería ser: Tentemos o mesmo grao de corrección co galego coloquial que un falante ten co español cando o usa no rexistro coloquial.

É certo que existe unha certa barreira psicolóxica que nos frea neste uso máis xenuíno do noso idioma. Mais é todo cuestión de hábito. Co tempo madurecen as uvas; co tempo, cóllense maduras. Coa práctica, acaberemos renaturalizando as nosas propias palabras, as que se perderán se nós non as usamos.