Mostrando postagens com marcador Marilar Aleixandre. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Marilar Aleixandre. Mostrar todas as postagens

1 de fev. de 2015

Atravesar o fantasma, entre os libros máis vendidos en xaneiro

Por terceiro mes consecutivo, o meu primeiro poemario publicado figura na listaxe de obras máis demandadas no noso idioma, que compila o crítico Ramón Nicolás.

No mes de xaneiro ficou, no xénero da poesía, por detrás da reedición do mítico título de Ronseltz e xunto con Joseba Sarrionandia (traducido por Isaac Xubín), María do Cebreiro e Marilar Aleixandre.

Grazas pola escolla, por me permitirdes estar ao carón deses nomes e polas reaccións que me facedes chegar. Hai cousas que me están a acontecer con este libro que non me pasaran con ningún dos anteriores que dei ao prelo.

As causas que me impediron poder realizar antes os actos de presentación de Atravesar o fantasma parece que se van estabilizando, así que confío en poder retomar axiña a axenda pública e anunciar datas para algúns pequenos encontros e recitais.

Continuamos! ;)

4 de fev. de 2011

Pluralidade na Academia Galega

Concordo co reivindicado na noticia que hoxe publica Xornal so o titular "As académicas da lingua esixen máis presenza feminina na institución". Hai uns meses, con motivo da saída do meu último libro, En castellano no hay problema, respondía así a unha entrevista para Galicia Hoxe:

A poucos días para que se celebre o 17 de Maio, é necesario repensar o Día das Letras? E a RAG?

Penso que é bo que se consolide que o Día das Letras sexa unha xornada para saírmos á rúa, celebrarmos que temos unha lingua propia e mobilizármonos na súa defensa. Agora a cuestión é vermos se somos quen de consolidar aspectos que se foron corrixindo nos últimos anos. A RAG ten moitas cousas aínda por mellorar, mais está a ollos vista que se encontra nun dos mellores momentos da súa historia. Hai un antes e un despois da valente defensa do galego que realizou Xosé Ramón Barreiro diante do propio presidente da Xunta. Esta centenaria entidade ten catro retos a curto prazo: consolidar o seu aplaudido papel institucional de defensa do galego, abrirse e fomentar as relacións co sistema lingüístico ao que pertencemos (non me refiro só a nivel de estándar, que tamén), garantir unha representación plural das voces que conforman a cultura galega e corrixir de forma urxente a infrarrepresentación das mulleres. A verdade, non entendo como se pode seguir nomeando académicos varóns cando as mulleres, que teñen tantísimo peso na vida cultural galega, case non ocupan asentos na RAG.

Eses catro retos continúan a estar presentes:

1) Consolidar o seu aplaudido papel institucional de defensa do galego.- Agora que a Academia se encontra nun momento económico moito mellor, non hai escusa para que non comece a actuar por exemplo como fai o seu homólogo Institut d'Estudis Catalans, que tamén se dedica a xestionar a introdución do seu idioma a novos ámbitos, un aspecto no cal aínda non hai ningunha experiencia na institución galega. Por pórmos un exemplo de actualidade, a xestión que agora A Mesa está a facer con Movistar no caso catalán emprendeuna, no seu día, o IEC.

2) Abrirse e fomentar as relacións co sistema lingüístico a que pertencemos.- Non fai sentido que a Academia Galega permaneza sen relacións internacionais coas institucións oficiais de Portugal, Brasil, etc e que nin se interesase formalmente por participar, aínda que fose como observadora, no proceso de consenso que se chegou para o estándar lusobrasileiro. Eses cambios non deberían sernos indiferentes en Galiza.

3) Garantir unha representación plural das voces que conforman a cultura galega.- Por exemplo, en Galiza hai tres universidades con tres departamentos de Galego. Por que só entran membros procedentes da USC, tan meritorios como os da Universidade de Vigo ou da Universidade da Coruña? Tal corporativismo é bo para a cultura galega? Non debería, por exemplo, a gramática que agora está a elaborar a RAG contar con participación dos tres centros universitarios?

4) Non entendo como se pode seguir nomeando académicos varóns cando as mulleres, que teñen tantísimo peso na vida cultural galega, case non ocupan asentos na RAG.- Neste punto estou en desacordo co que di Rosario Álvarez hoxe en Xornal. Eu si penso e defendo que os tres novos membros que entren nos próximos meses deben ser mulleres. Nomes sólidos hai abondo: Teresa Moure, María do Carme Kruckenberg, Marica Campo, María Xosé Queizán, Pilar García Negro, Marilar Aleixandre, Uxía Senlle, Laura Tato e un longuísimo etcétera.

5 de set. de 2010

Baixo as uñas

Catálogo de velenos é a obra coa que Marilar Aleixandre, máis coñecida como narradora, gañou o XVIII Premio Esquío. Pilar Pallarés asina un epílogo onde reflexiona sobre as relacións nai/filla que centran eses versos:
Como unha Esther Greenwood nos seus máximos momentos de lucidez, mesmo antes de ficar detida no ar enrarecido do seu "sino de cristal". Só que agora esa voz que nos lembra a personaxe de Sylvia Plath non se enxerga a si própria no futuro, atrapada nas redes do doméstico, condenada a deixar luxar e esmagar autonomia, esforzo, intelixéncia, senón á nai-madrasta, á xoven á que pouco a pouco lle mudou o soño en pesadelo: a que se vinga de quen lle é máis semellante querendo enredá-la no mesmo círculo de horrores e derrotas, ainda que t[a]mén desexaria libertá-la. (...)

A literatura e o cine falan sempre dun fillo que procura o pai -"Convén que un seipa quen é seu pai", advirte o Coro ao Don Hamlet cunqueiriano-. Xa é menos frecuente que sexa a filla quen busque ou se interrogue sobre a nai, ainda que as luzes e as sombras dunha relazón onde se entrecruzan amor e ódio, dependéncia, crueldade e identificazón, teñan dado lugar a obras (...) dolorosas (...).

Nai e filla reencontrando-se no espello. A sublimazón da figura materna, até por parte dun certo feminismo, foi convertendo en tabu falarmos das faces escuras da relazón dunha muller coa sua nai. E porén, canta paixón e teimosia poñemos en non ser coma ela (...), que vontade de escachar o espello se me contemplo nel e encontro o pouso de amargura da ollada sua. Dese amor estrefrebado con ódio falaron máis os contos de fadas que a literatura adulta, tan ben comportada. Rencor pola madrasta que nos envelena, que é a nosa rival, a que nos clausura na casa como Cinzentas ou nos abandona nun bosque tenebroso. (...)

Os contos de fadas reservan sempre un final feliz para a Cinzenta e Brancaneves -un príncipe resgata-as, un cazador compadece-se da mociña-. Pero quen salvará a madrasta? Só unha ollada adulta de muller, desde a razón e o feminismo, pode destruir o sortiléxio. Só a filla rebelde, a que fuxiu do tenebroso bosque d[o]méstico e se negou a ser igual á nai, pode romper o fado da madrasta. Salvando-se a si mesma, salva-a a ela (...).
Deixo aquí dous poemas deste libro, co convite a que vos animedes a lelo completo:

baixo as uñas

a noite antes de morreres
-ordes do médico-
cun algodonciño
mollado en acetona
borrei da uña do teu dedo pequeno
o esmalte rosa

o ano antes de morreres
eu tiña vintecinco
estaba tan ocupada
en non ser coma ti
non criar sete fillos
borrar os esmaltes
de todas as uñas
escapar ós vincallos que tenden
as cuncas de café

a noite antes o esmalte
no algodón
que o médico puidese ver
o devalar do sangue
por baixo das uñas
das caracolas brancas
última maré baleirándose no corazón

mentres a morte
agatuñaba pola cana dos ósos

o ano antes un amante
que non coñecías
(de coñecelo había disgustarte)
atendía ó balbordo que me zoaba
dentro dos caracois
pintoume na uña
do dedo pequeno
con rotulador negro
un corazón

daquela non sabía
que o teu sangue callou
nesa terra que teño baixo as uñas
que a ti debía
as pugas que agromaban que
tamén levo por baixo das uñas
restos da túa tinta
que acabaría usurpando o teu nome

non sabía que fuches ti quen me educou
contra ti mesma





reunión familiar

a primeira noite
leveite para a miña cama
e tradeáchesme
(solsticio noite e lume debandado)
non advertín que metía na cama
toda a familia

ensaiando habelencias de morcego
demostrabas trabando o meu colo
que teño o sangue azul
mentres irmáns nai e pai tías e avós
silandeiramente
circaban a cama beliscaban
o meu cu aloumiñaban
as miñas pernas

en tanto eu cabalgaba sobre ti
atravesamos espirais de lume eles
criticaban o meu cabelo desguedellado
e discutían en alta voz
se tiña un peito maior que o outro

entraches na miña casa
traendo os teus coitelos afiados
e detrás un por un
entrou a familia veleno insípido
para quedar

desde entón forman parte do mobiliario
miran con desaprobación
desde o fondo dos espellos
ou axexan baixo as sabas

familia marca do coitelo no teu brazo
pegada de terra e uñas