11 de dez de 2012

O galego non vai para o lixo


O noso idioma ten problemas moi serios, mais está vivo. Moitas galegas e moitos galegos queremos -vaia atrevemento!- que continúe a estalo. Por iso facemos ouvir a nosa voz e, por moito que se puideren intensificar os ataques, aí continuaremos. Defendemos o dereito á palabra coa forza da nosa palabra. Non hai lirismo nesa descrición: é pura prosa.

Mañá, día 12, a plataforma Queremos Galego, que coordina A Mesa, realizará un acto simbólico en San Caetano contra "o decreto da vergoña e a lei da wertgoña", como os chama sempre Francisco Jorquera. Será ás 12 do mediodía. Se puideres, ven!

O galego non vai ir para o lixo, sempre e cando nós o impidamos. O galego é material alta e xenerosamente reutilizábel. Cómpre que o fagamos ver e que o fagamos sentir. Para contribuír con outro gran de area para ese obxectivo vai tamén o meu último libro, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, que se presentará o día 13 en Compostela.

Sobre o libro e sobre as cousas da lingua falo nunha entrevista para CorreoTV que se emite o día 12 aproximadamente ás 19 e ás 22 h e o día 13 a iso das 12 h. Hai que batallar en moitos lugares. E batallarase, abofé, que se batallará!


Nenhum comentário:

Postar um comentário