16 de nov. de 2009

A presenza do galego nas sinalizacións públicas


Existe "imposición del gallego" nas sinalizacións públicas, como din os portavoces da galegofobia camuflados de bilingüistas? Esa é a pregunta que tentei responder, ao menos en parte, no artigo desta semana en Galicia Hoxe:


Onde estamos?
A presenza do galego nas sinalizacións públicas


Un dos mantras repetidos polos activistas da galegofobia é que toda a paisaxe urbana en Galiza está en lingua galega. As sinalizacións de rúa, os indicadores viarios, os sinais de tránsito, os nomes de lugar e, segundo algúns, tamén os rótulos comerciais están neste inintelixíbel idioma romance.

Conclúen que tal situación vulnera dereitos civís. O que acontece é que non está moi claro cales e en que declaración internacional figuran. Existe o dereito a non ver un texto en galego na vía pública? É unha imposición intolerábel que existan lugares con nomes tan rebuscados como A Gaiteira, Areeiros, Carballo, Sanxenxo ou Santa Uxía de Ribeira co eufónicos e elegantes que serían topónimos en castelán como La Gaitera, Arenales, Roble, San Ginés ou Santa Eugenia de la Ribera? Ofende ou molesta que en Galiza haxa unha lingua propia? Úsase o galego para incordiar?

Se se dar un paseo cunha ollada limpa por calquera das nosas rúas ou parroquias, concluirase que a situación dista de ser a que presentan eses grupos ou dirixentes políticos galegófobos. Talvez sexa a aversión que lle teñen ao idioma propio do país o que lles fai sentir malestar xeral cando se atopan cun indicador cun texto incomprensíbel para calquera falante dunha lingua romance, por exemplo “Todas as direccións”, “Saída” ou “Centro cidade”. Xa sen brincadeiras, o que consideran intolerábel é que haxa algún espazo social onde a lingua galega consiga asomar un pouco a cabeciña e romper algúns esquemas diglósicos, fronte a hexemonía abrumadora e abafante do castelán.

A pesar dos falaces histrionismos dos grupos e persoas que desexan desprotexer a lingua galega, é de xustiza reclamarmos que teña unha presenza normal na paisaxe urbana. É o que lle corresponde no seu espazo social xenuíno e natural, como idioma propio do país. Para conseguirmos iso, temos de manter acesa a nosa acción reivindicativa e de presión cara a todas as administracións con competencia na materia.

Lingua excluída

Hai normas estatais que regulan a presenza do idioma galego nas sinalizacións dos edificios administrativos e nas indicacións viarias. Lustros despois de se promulgaren, a realidade é que a lingua de Galiza continúa a estar infrarrepresentada, for en rótulos vellos for en sinais que se acaben de colocar. É unha irregularidade que está aí, aos ollos de quen quixer velo: as Administración incumpren decote a lexislación no que di respecto a ter presente a lingua galega.

Un bo exemplo é o caso das sinalizacións aeroportuarias, que por lei teñen que estar en galego, castelán e inglés. Traballadores de AENA e usuarios dos servizos aéreos presentaron ducias de reclamacións para que o Goberno central cumprise e incluíse tamén a lingua galega en Alvedro, Lavacolla e Peinador. O debate mesmo chegou en diferentes ocasións ao Congreso, grazas aos deputados do BNG, que insistiron para que se deixase de excluír o idioma galego. Grazas a todo iso conseguíronse adiantos ben importantes, aínda que non é unha situación resolta de vez. Vemos, pois, que non é por falta de demanda social nin de base xurídica que a Administración Xeral do Estado cumpra en Cataluña coa mesma lei que, a sabendas, desouviu durante anos en Galiza. Quen exclúe e quen suma? Quen incumpre as normas aprobadas en democracia e quen as defende?

Outro caso que clama ao ceo é o das autoestradas. Tamén aí hai unha norma para o conxunto do Estado, de comezos da década de 80, que estabelece que os rótulos teñen que estar tamén na “lingua cooficial”. Por se hai algunha dúbida, o galego ten ese recoñecemento. Mais onde están os coristas da “libertad lingüística” e o “bilingüismo harmónico” cando se descarta ao 100% a presenza do galego nas autoestradas que transcorren por Galiza?

A Mesa pola Normalización Lingüística realizou diferentes xestións coas administracións e empresas implicadas, para tentar que se corrixise esa irregularidade. Os froitos, até o momento, non chegaron. Por iso, nestes momentos estase a valorar con toda seriedade a posibilidade de iniciar un proceso xudicial para que o galego teña o lugar que lle corresponde nos sinais e paneis informativos das autoestradas.

Tamén se elevaron queixas ao Defensor e ao Valedor do Pobo, mais ambos responderon coa súa frialdade ou desinterese habitual en todo o que teña a ver coas inxustizas que se cometan contra o galego. O Valedor chegou á provocación de lle reclamar á asociación en defensa do idioma cada punto quilométrico en que existía un sinal que non estivese en galego ou, do contrario, arquivar a queixa sen realizar ningunha xestión. Nunha entrevista en persoa, respondinlle a Benigno López que sería máis doado que lle achegásemos unha guía Campsa ou semellante, para que vise o trazado das autoestradas, porque a nosa queixa dicía ben clariño que non existen sinais neste idioma e é máis que abusiva a súa petición.

Calle / Rúa

No rueiro das nosas vilas e cidades os adiantos son máis palpábeis, aínda que hai carencias relevantes e existen firmes ameazas de retrocesos. Por exemplo, o candidato do PP á alcaldía de Santiago é partidario de mudar as “rúas” por “calle/rúa”. Que o galego teña menos presenza pública é, para el, unha prioridade, aínda que supoña romper consensos históricos na cámara municipal compostelá (que se remontan a mesmo antes do golpe do 36) e gastar unha importantísima cantidade de diñeiro niso (por exemplo, os sinais da zona vella están feitos en pedra).

Mais para os señoritos neocons que agora dirixen o PP en Galiza é estratéxico hibridar o rostro do país, como se o galego fose unha lingua de segunda, inútil para a comunicación e para a cohesión social. Aquí, como case sempre, o argumento favorito é que o galego constitúe unha barreira para a xente de fóra, especialmente para os turistas. É un esquema absurdo, en absoluto constatado en feitos reais e que, ademais, non se aplica en ningún lugar do mundo. De verdade nos queren convencer de que os turistas se perden por rotular como “Rúa Nova”? Será mellor se figura “Calle / Rúa” e “Nueva / Nova”? E que se pretendería facer coa “Praza do Obradoiro”? Convertela nunha absurda “Plaza del Taller”?

Observemos, ademais, que a palabra “rúa”, alén de ser a forma galega, existe tamén en español e mesmo figura nos indicadores dalgunhas cidades ben castelás, sen que ninguén o cuestione, moito menos con razoamentos disparatados. Moi ao contrario, aí vese un sinal de riqueza cultural, unha expresión de “castelán antigo”. Debería preguntárselle a Conde Roa se, no caso de se candidatar por Salamanca, tamén proporía que a “Rúa Mayor” (sic) desa cidade se pasase a chamar “Calle / Rúa Mayor”. Ou é que aí non se perderían os turistas?

Os pasos avanzados na presenza do galego nestes usos foron froito dunha presión social intelixente e persistente, que debe manterse. Porque sen reivindicacións non hai conquistas. Se non solicitamos e demandamos a presenza da nosa lingua, como poderemos evitar a súa exclusión?

Nestes anos, realizáronse centos de actos públicos de cambios de placas, entrevistas con representantes institucionais e recollidas de sinaturas para que a lingua propia de Galiza ocupase o lugar que lle corresponde nestes lugares de grande relevo simbólico. Temos aínda moito traballo por diante e na nosa man está que se faga.

Só nos leva uns minutos presentar unha queixa cando, por exemplo, unha administración sinaliza unhas dependencias públicas ou rotula unha estrada sen que o galego estea presente, ou dándolle o trato de idioma secundario. Se non axudamos a corrixilo, facemos parte do problema.

9 comentários:

  1. Moi bóSupercallón!! UN SAUDO!!! ah! Para outras xoias en vídeo coma esta, e as datas da súa nova xira-tour 2009- aconséllovos visita-la súa páxina.É xenial!
    www.paulmccartney.com/news.php

    ResponderExcluir
  2. Callón, escribin nun sitio erróneo o meu comentario.Síntoo.

    ResponderExcluir
  3. Qué burdo argumento o do defensor de que o galego sexa a única lingua persoal, social e oficial de Galicia!

    Metendo no mesmo saco a reclamación de que o galego tamén estea presente alí donde debería estar e non está, e a hispanofobia que lle leva a plantexar como un "ataque ao galego" que o castelán tamén estea neses mesmos sitios... Vendendo como unha "reducción da presenza do galego", sensacionalistamente, o feito de que o galego non sexa a única lingua presente.

    Claramente o señor Callón debece porque o galego sexa a única lingua alomenos institucional en Galicia, e logo pensa que quen se opón a esta utopía reaccionaria é coma él, pero en clave castellana. Con argumentos de burro coma ese que di que "si en Salamanca non se sinaliza en galego, pois en Galicia entón é xusto que non se empregue o castelán". Pasándose polo forro a lexislación vixente en Galicia, ésa coa que tanbto se enche a boca cando lle convén ao seu obxectivo monolingüista.

    É como a defensa nun mesmo pack dun cidadán que reclamou a un xuíz que lle dera a documentación en galego, e dun xuíz que se negou a darlle a documentación en castelán a quen llo pediu. A "liberdade de uso de idioma" dos funcionarios sí lle resulta boa só cando vai contra o castelán.

    Do que se trata entre ultranacionalistas é de desprezar o castelán como lingua galega, lingua de moitísimos galegos, e de impoñer un confisionalismo lingüistico e identitario en Galicia.

    Reclama o señor Callón o dereito persoal a non ter que empregar e aturar o castelán nunca en ingún eido, á vez que nega este dereito aos cidadáns galegos en relación co galego, baixo pena de "galegofobia", e traizón a súa "verdadeira identidade como dios manda". Do que se trata para a MNL é de abafar e criminalizar aos galegos que somos castelanfalantes e temos o castelán como a nosa persoal lingua propia.

    ResponderExcluir
  4. Sobre o primeiro e segundo comentario, indicar que fai referencia a estoutra entrada:
    http://www.carloscallon.com/2009/11/un-video-que-me-encanta.html

    O terceiro comentario é dun troll que sempre se agocha co anonimato e pasa de cando en vez por este blog para provocar.

    Calquera pode ler as súas mentiras e provocacións e comparalas co que se di neste artigo ou noutras entradas deste blog.

    Pódesenos vender o mundo ao revés e caricaturizar, mais a realidade, teimuda, está aí fóra. Temos dereito a que a nosa lingua non sexa excluída das sinalizacións públicas de Galiza e batallaremos civicamente para o lograrmos. Como lle dicía noutro comentario que deixou hoxe: Se lle proe, ráñese.

    ResponderExcluir
  5. Pasaba por alto un argumento falaz bastante repetido polos grupos galegófobos. Ese de que "el castellano es tan gallego como el gallego". Nas súas palabras, considerar "o castelán como lingua galega".

    Non foi un invento de ninguén chamarlle "lingua castelá" ou "lingua española" a unha e "lingua galega" a outra. Ou será unha imposición dos nacionalistas?

    ResponderExcluir
  6. O señor anónimo ten por propia de Galiza a língua castelá, outro poderá ter o inglés e outros o chinés, "cada loco con su tema", máis, a única lingua propia do país é o galego. E punto.

    ResponderExcluir
  7. Se lle proe que outros falen castelán e só caatelán e reclamen que o galego e o castelán sexan tratados iguais, ráñese, señor defensor de "Na Galiza so en galego"

    ResponderExcluir
  8. Caro senhor:
    Concordo com o seu artigo, mas se me permitir uma sugestião: divulgem as leis das que falam, simplesmente como jeito de que os cidadãos possam agir e reclamar legalmente quando achem que o seu estado/comunidade nom cumpre as suas proprias leis.
    De esta vez penso que são o "Real Decreto 334/1982 del 12 de Febrero" e a "Lei 3/1983 do 15 de Maio".
    Parabens pelo seu trabalho.

    ResponderExcluir
  9. Unha entrada ben interesante, vinculada: http://galidonia.blogspot.com/2009/11/english-under-threat-in-scotland.html

    ResponderExcluir