15 de jun. de 2009

Do insulto á reivindicación

Velaquí o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe:

Do insulto á reivindicación
As denominacións das opcións sexuais


O problema da denominación das opcións sexuais é moi relevante, pois o nominalismo (base do construcionismo social predominante nos estudos gai-lésbicos) defende que as categorías existen desde o momento en que son nomeadas.

Antes do século XIX, e sen saírmos do ámbito ibérico, podemos achar múltiplas denominacións para as prácticas sexoafectivas intermasculinas e interfemininas. Desde a Idade Media até o oitocentos, documentamos estes nomes basicamente a través de procesos xudiciais e de sátiras, o cal manifesta unha xerarquía claramente desfavorábel ás realidades nomeadas. Este é o caso de sodomita, referencia xurídica alicerzada na idea de pecado (o nome provén dunha relectura da pasaxe bíblica da destrución de Sodoma e Gomorra). Este pecado pode expresarse de múltiplas formas, mais moitas veces identifícase coas prácticas sexuais (non co desexo nin cos roles de xénero) de dous varóns.

As denominacións que podemos achar na nosa Idade Media son vexatorias. Así, nas sátiras galego-portuguesas aparecen algunhas referencias aos individuos que realizan estas prácticas sexuais deostadas. Pero da Ponte fala de fodidos e putos. Seguramente fodidos sexa unha denominación circunstancial, apenas un adxectivo para subliñar a degradación de ser penetrado, mais puto é un substantivo que tivo grande suceso, que podemos achar ao longo de varios séculos e en diferentes circunstancias: desde a Valencia do século XVII até a América Latina actual, pasando polo refraneiro castelán (“Antes puto que gallego”, p. ex.). Esta mesma palabra aparece na rubrica explicativa dunha sátira de Estevan da Guarda que chegou até nós.

Na nosa lírica medieval rexistramos tamén fududancua, que Rodrigues Lapa lembra ser “obsceno” e “muito conhecido dos documentos legais”. O significado que Esther Corral apunta para este adxectivo ten a ver co sexo anal. Así, os termos próximos fodidunculo e fududunculo aparecen nos foros casteláns douscentistas, como vituperio próximo ao de sodomita, co matiz explícito da pasividade, segundo a investigadora Marta Madero.

Fronte ás denominacións insultantes, homosexual é un dos primeiros termos non creados como alteridade, aínda que se vincule historicamente á medicalización represiva. O protagonismo desta denominación, talvez pola súa asepsia etimolóxica, acompañará a configuración identitaria contemporánea das relacións sexoafectivas entre homes ou entre mulleres. O termo fixo a súa primeira aparición nun artigo reivindicativo de 1869, do húngaro Karl Maria Benkert, e avanzaría na súa consolidación ao rescatar o seu uso, unha década máis tarde, un académico alemán de prestixio: Gustave Jauder. O feito de que o sexólogo Havelock Ellis nas súas obras, Magnus Hirschfield nas súas campañas e, sobre todo, Freud nos seus estudos optasen por este termo, consolídano definitivamente.

Desde o século XIX, o activismo homosexual masculino (o feminino era inexistente) tivo un dos seus debates centrais en procurar un nome para se definir. Como vimos, a opción de máis éxito, apropiada e potenciada polo campo científico, foi homosexual. Cinco anos antes da aparición desta palabra, o pioneiro activista alemán, Karl Heinrich Ulrichs, propuxera a denominación uranista, específica para homes, recollida do Banquete de Platón. Este é o primeiro termo que ofreceu unha perspectiva política para definir estas prácticas e desexos, usando o seu basamento na antiga Grecia para lexitimalo. Malia que o mesmo Ulrichs acabou optando tamén por homosexual, a súa proposta tivo certo suceso e mesmo se fixeron chamar así un grupo de poetas británicos decimonónicos, entre os que estaba Lord Alfred Douglas, o coñecido amante de Wilde.

O grande termo autorreferencial que o activismo fixo triunfar foi o de gay ou gai, proveniente da cultura anglosaxona e que cobrou forza ao expresar a identidade homosexual aparecida tras a II Guerra Mundial. Só na Galiza, en Asturias e nos Països Catalans se dá este uso frecuente de gai con i latino. Para alén de que o y é unha marca de diferenza fronte ao español, no caso catalán hai tamén o reforzo de que a palabra xurdiu da súa lingua, aínda que chegase como empréstimo ao inglés e se estendese desde este idioma. Durante a Transición foi amplamente utilizado gai, con i, en todo o Estado español, pola influencia do activismo catalán.

Malia este esforzo político, a homosexualidade continúa a día de hoxe a se configurar basicamente como un insulto. Didier Eribon sinala ao respecto: “Todas as enquisas realizadas a homosexuais (de ambos os sexos) confirman que a experiencia do insulto (sen falar sequera da agresión física) é un dos trazos máis comúns da súa existencia”. Deste xeito, mesmo termos criados para ofrecer unha perspectiva positiva, como gai, poden terminar sendo un mero eufemismo, cando non novamente unha vexación. Pódese constatar como xente nova, mesmo crianzas, utilizan en ocasións gai como un insulto, xusto no lugar e coa mesma función que hai cinco ou dez anos aparecería maricón.

Realmente, a denominación máis frecuente na Galiza (e non só) para se referir ao varón homosexual son insultos como o antedito: maricón, mariquita, maricas, maricallas ou marica, todos eles derivados de Marica, hipocorístico do nome feminino arquetípico nunha cultura católica: María. Esta orixe do vocábulo transparece as súas connotacións de inversión, non de desexo nin de prácticas. Esta familia léxica rexístrase en español desde comezos do século XVI, con matices de pasivididade ou efeminamento e tamén se usou no Siglo de Oro español para se referir ás prostitutas. Outro insulto utilizado en galego, con estes mesmos matices, é manflorito, como testemuña Antón Lopo no seu romance Ganga.

As mulleres que manteñen relacións sexuais entre si foron durante demasiado tempo unha imposibilidade conceptual, razón pola cal carecen da profusión terminolóxica que achamos para os varóns. Aliás, cando se crea un termo autorreferencial, desde o movemento, este en principio aplícase só aos varóns, mais despois tende a se estender tamén ás lésbicas: eis os exemplos de homosexual e gai, utilizado tamén para as mulleres nalgúns casos. Nun e noutro exemplo, a existencia lésbica fica obscurecida.

O termo lésbica ou lesbiana só comeza a ser utilizado con ese senso (‘muller que mantén relacións sexoafectivas con outras mulleres’) en elites decimonónicas centroeuropeas. Igual que sodomita, a palabra é na orixe un xentilicio que marca unha afastada zona xeográfica, neste caso a illa de Lesbos, onde na Antigüidade Safo fundou unha academia só para mulleres. Lésbica aparece no século XVII, mais cun significado próximo ao de ‘amazona’, sen connotacións de se referir a un desexo ou prácticas sexuais específicas. Este significado concretarase na Francia decimonónica, dunha perspectiva masculinista, na cal será especialmente significativa a obra Les fleurs du mal (1857), de Baudelaire, que seguramente tiña como xerme un poemario anunciado en 1846, que levaría por título Les lesbiennes. De novo, unha configuración da alteridade.

Hoxe no noso país úsanse como insultos (tanto falando en galego como en español) as palabras de orixe castelá bollera, tortillera ou camionera. Popularmente, mantense tamén marimacho, coa mesma connotación de inversión que viamos para o caso masculino.

Os insultos marcan a debilidade xerárquica da realidade aludida, mais o movemento gai-lésbico fixo (fai) uso destes termos insultantes para se autoafirmar, pretendendo eliminar a carga negativa que se lles impuxo. Foi chave neste senso a aparición na década de 80, no campo académico, da Queer Theory, que houbo quen traduciu como Teoría Marica.

E cando aparece o contrapunto heterosexual? Este termo créase despois de homosexual e marca, na práctica, o carácter tamén construído da opción considerada “normal”.

2 comentários:

  1. Só matizar que "GAI" nom nasceu no catalám, mas no occitano. No catalám é apenas um empréstimo, como também no galego ou no asturiano.

    Cumpre lembrar que o sentido originário era "alegre" ou "ditoso" (gai d'amor), e chegou à nossa língua aquando a expansom da "cansó" occitana. Em catalám usam a palavra "joiós" / "joiosa".

    O termo "gai" exportou-se como sinónimo de homossexual do occitano para o francês e daí ao inglês devido ao tópico de os gais serem pessoas alegres (tópico que acompanha também as pessoas orondas).

    Por último, na nossa língua (como no asturiano) ainda hoje tem certa presença o apelido Gai (comunmente grafado "Gay"), como também há um apelido "Gayoso", cuja grafia espanholizante nos faz duvidar se é um derivado de "gai" (gaioso=alegre) ou é uma deturpaçom de "galhoso" (que tem muitos galhos, frondoso).

    ResponderExcluir
  2. Moitísimas grazas polo comentario e as correccións.

    Sobre os apelidos Gai e Gaioso tamén comenta algo Xosé Chao Rego no seu libro A condición homosexual.

    Unha apertiña!

    ResponderExcluir