28 de fev. de 2011

Eco!

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:



Eco!
Pequenos cambios, grandes transformacións


Son moitas as formas polas que se nos transmite certa censura social por falarmos en galego en ámbitos ou espazos en que se agarda que este idioma se deba ocultar. É unha censura que moi raramente chega a través de exabruptos. O máis común é que sexa tan sibilina como eficaz.

Unha das fórmulas máis habituais para dar a entender que non debes continuar a falar en galego é a tradución automática das túas palabras, como un pseudoeco. Algúns exemplos que vos soarán:

- Chegas a unha gasolineira e solicitas: “Cheo, por favor”. Resposta en forma de eco: “¿Lleno?”

- Estás nunha cafetaría e pides: “Un café con leite, por favor”. Resposta en forma de eco: “¿Con leche?”

- Realizas unha xestión telefónica e, desde o outro lado da liña, pídenche que proporciones algunha cifra, por exemplo o teu número de conta. O diálogo pode ser máis ou menos así:
- O meu número de conta é: oito
- Ocho...
- Sete.
- Siete...
- Un.
- Uno...

Moitos falantes de galego con pouca lealdade lingüística acaban abandonando o seu idioma cando isto se produce. O falante entra no armario, ocúltase, repite en castelán o que lle acaban de corrixir, pode pensar mesmo que non o comprenden e continúa a conversa nesoutra lingua:

- Cheo, por favor.
- ¿Lleno?
- Sí, lleno. Muchas gracias.

Hai varias cousas que temos que ter claras destas situacións. A primeira, que a xente que se dedica a corrixir en alto traducindo ao castelán o que acabamos de dicir en galego o máis xeral é que o faga por inercia. Non é que pensen: “Vou incomodar esta persoa para que me deixe de falar en galego.” Non o racionalizan así, aínda que é xusto o que fan.

É evidente, ademais, que o motivo destas repeticións non é que non comprendan o que significan palabras como “leite”, “sete” ou “cheo”. A pregunta non se formula por un problema de entendemento, senón polo hábito aprendido de que, coa xente descoñecida, se debe utilizar o castelán, disque “por cortesía” ou “por educación”. Posto que é un hábito moi enraizado, pode ser difícil de trocar. Mais non deixa de ser un hábito, polo que, cun pouco de esforzo, poderase superar con outros hábitos: o de falar en galego con normalidade a todas as persoas ou, cando menos, respectar aquelas que o falan, sen traducilas de forma insistente e continuada.

Por iso, ademais do obxectivo fundamental de nos mantermos no uso da lingua, un bo consello é facer visíbel o incómodo dese eco, a través dun certo sentido do humor. Deste xeito tamén proporcionamos unha chiscadela para a reflexión e para irmos mudando as cousas, aínda que sexa pouquiño a pouco. Mais tamén estes xestos son importantes, pois os pequenos cambios son os que van orixinando as grandes transformacións.

Velaquí algunhas posibilidades:

- Un café con leite, por favor.
- ¿Con leche?
- Pois se non ten leite, tamén valerá...

- Cheo, por favor.
- ¿Lleno?
- Full, please.
- ¿Perdone?
- Si, cheo, por favor – dito cun sorriso amplo, nada agresivo nin burlón.

No caso dos números, verás que, se a lista é medianamente longa e ti continúas recitándoos en galego, a persoa que está do outro lado da liña telefónica acabará por deixar de traducir.

Se simplemente non tes o día con humor, o mellor é que tamén nos casos anteriores te reafirmes no galego repetindo exactamente as mesmas palabras que xa dixeras.

- ¿Con leche?
- Si, con leite.

Solicitemos sempre o galego!

Hai un conto moi engrazado que nos pode ser de utilidade para o noso día a día como falantes conscientes e leais do galego:

Un home circula de noite por unha estrada da Terra Chá. Cando toma unha curva rebéntalle unha roda e case se mata. Baixa enfadado do auto, bótalle un ollo á roda e vaise coller o gato para a cambiar, mais cando abre o maleteiro encóntrase con que o gato non está. Esqueceuno no garaxe!

Mira o reloxo de pulso. Son as tres da madrugada! Está desesperado!

Comeza a espreitar no escuro horizonte, mais por ningures divisa uns faros que se acheguen. Xa se sabe: “Non canta na Chá ninguén”. Parece que a esa hora non hai máis circulación.

Porén, ao lonxe ve a pequecha luz dunha casiña. É a súa esperanza, así que toma camiño cara a aló coa idea de lles pedir emprestado aos habitantes un gato para cambiar a roda.

Na metade do camiño, comeza a pensar: “Ao mellor non teñen carro e estou a camiñar inutilmente... E se teñen carro, ao mellor non me queren emprestar o gato... Ademais, coa hora que é seguro que aínda me botan unha bronca por acordalos... Como se fose polo meu gosto!”

Segundo se achega, ve a silueta dun auto bastante vello, mais que ten trazas de que aínda lle dan uso. “Ben, se teñen carro, teñen gato, seguro! Porén... e se me piden diñeiro por deixarmo? Eu agora non teño un peso e non sei como lles podería pagar! Total, seguro que pola hora que é xa se me poñen a roñar, montan un cirio e pasan de min... E aínda tería sorte se non me responden con balíns pensando que son un ladrón!

O home sobe as escadas cara á porta. “Ou sonche capaces de me afuciñar o can e tería que escapar a fume de carozo e sen poder arranxar nada!” Peta na porta. “E aínda que teñan gato seguro que non mo deixan porque estou a incomodar ás tres da madrugada, xa pasadas.” Peta de novo. “Ao mellor non hai ninguén e estou a facer o parvo.”

Entón, ábrese a porta e aparece unha velliña en bata, aínda medio adurmiñadiña, que lle pregunta ao forasteiro cunha voz cándida:

- Que desexa, cabaleiro?

- Sabes o que che digo?! Que metas o gato no cu!!

Non fagamos como o do chiste do gato e nos anticipemos pensando que, cando solicitamos o uso do galego, ou mesmo cando respondemos aos pseudoecos, a resposta que nos van dar vai ser sempre negativa ou alporizada.
Haberá casos nos que si, e teremos que saber actuar con intelixencia e adoptar certa distancia, aínda que sen renunciarmos nunca aos nosos dereitos.

Mais noutras ocasións veremos, con enorme satisfacción, que o feito de pedir algo en galego vai significar que o galego teña presenza. Moitas veces, o noso idioma deixa de avanzar nalgúns ámbitos non porque haxa unha especial inquina, senón porque se manteñen vellas inercias. Na nosa man está romper con esa rotina tan lesiva para a nosa cultura.

27 de fev. de 2011

O cerne dos prexuízos

Algúns medios de comunicación fixéronse eco do tema do ensaio con que me outorgaron o XVI Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais. Deixo aquí as correspondentes ligazóns:

[Actualización do 28 de febreiro:]

Humor actual sobre a lingua

Excepto o cadro publicado polo Carrabouxo na Región, o resto das imaxes pirateeinas da recomendábel páxina As miñas historias.






Ah! A última imaxe, a versión en castelán dunha campaña para a normalización do galego non é un fake: é outra xenialidade da Xunta de Feijóo.

26 de fev. de 2011

Agradecido e feliz

Comunicáronme ao mediodía que me outorgaron o premio Vicente Risco de Ciencias Sociais. O libro galardoado titúlase Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media.

Nesta obra analizo como se constitúe o prexuízo anti homosexual, como se crea a idea de sodomía e como se converte nun pecado central para o cristianismo, a pesar de que está ausente dos primeiros mil anos de historia desta relixión. Mais tamén observo como, xunto co xurdimento da homofobia, aínda se mantén na Idade Media un clima de permisividade nas relacións afectivas entre homes. Pode sorprender, mais as fontes son clarísimas: partillar leito, bicarse en público ou manifestarse "amor" son comportamentos que fan parte do día a día dos varóns, que irán desaparecendo cando estes relacionamentos se vexan desde o signo da homofobia. O amigo e o sodomita conviven nun mesmo terreo de estremas neboentas.

Cada capítulo do libro comeza cun texto literario, historiográfico ou xurídico. En ocasións, o que fago é pór o foco sobre escritos que non foran observados desde esa perspectiva. Por exemplo, detéñome nas "amizades intensas" entre homes en obras da prosa galega medieval, de xeito especial na Crónica Troiana.

Outros son documentos galegos pouco coñecidos. Está nese caso unha cantiga que, sen burla ningunha, fala do amor entre dous varóns, o cal ten provocado o estupor da crítica, que viu difícil o seu encadramento nas normas trobadorescas. Tamén é o que acontece coa haxiografía de Paio que se escribiu para a igrexa de Tui no século IX, onde este mártir galego aparece como un Ganimedes cristián. Mais talvez o documento máis importante sexa o da unión entre dous homes no século XI en Rairiz de Veiga, xa que constitúe o testemuño máis antigo que encontramos dun emparellamento homosexual institucionalizado en Galiza, así como un dos máis vellos conservados en Europa.

Por certo, este último texto trae consigo unha importante efeméride. O 16 de abril deste ano fanse 950 anos xustos desta unión. Oxalá non pase desapercibido.

25 de fev. de 2011

Non hai liberdade lingüística se non podemos escoller galego

Para corrixir a inxusta situación do noso idioma, non debemos deixar de usalo en todos os ámbitos e de nos movermos tamén na súa defensa. Temos que organizarnos o mellor posíbel e actuar.

Nese camiño, as compañeiras e os compañeiros da Mesa do Morrazo organizan para hoxe ás 20.30 h unha asemblea aberta, na libraría O Pontillón de Moaña (Rúa Concepción Arenal, 7 - A Seara). Calquera persoa con sensibilidade pola lingua está convidada a participar e a colaborar no deseño de novas propostas de acción para os próximos meses.

Con posterioridade, ás 21.30 h, na mesma libraría, convidáronme a presentar o libro En castellano no hay problema.

Hoxe en Moaña falaremos moito da situación do idioma e dos últimos despropósitos da Xunta a ese respecto. Mais, sobre todo, proporemos alternativas. Porque sempre vale máis prender unha candea que maldicir a escuridade.

24 de fev. de 2011

A triste soidade onde batallo

A Asociación de Escritores en Lingua Galega convoca para hoxe unha lectura simultánea de textos rosalianos, para festexar e reivindicar o aniversario do nacemento da xenial poeta, narradora, ensaísta e (aínda que neste xénero está case toda a súa obra perdida) tamén dramaturga.

Os lugares confirmados son estes:
  • Santiago de Compostela, Panteón de Galegos/as Ilustres, San Domingos de Bonaval, 18.45 horas.
  • A Coruña: Kiosko Alfonso, 19 horas.
  • Vigo: Casa Galega da Cultura, 20 horas.
  • Lugo: Museo Provincial, 19.30 horas. No acto a desenvolver no refectorio do Museo, con entrada libre, participará profesorado e alumnado do CEIP Benigno Quiroga Ballesteros, CPR María Auxiliadora, IES Manuel Leiras Pulpeiro e IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, xunto con Pilocha que interpretará a capella poemas de Rosalía de Castro.
  • Betanzos: Salón azul do Edificio do Liceo, 20 horas. Colabora a A.C. Eira Vella.
  • Ferrol: Galería Sargadelos, 19.00 horas.
  • Ourense: Libraría Torga, 18.00 horas. Colabora Gremio LiterAuria.
  • Pontevedra: Libraría Michelena: 20.00 horas.
Rosalía de Castro tamén estará presente -non podería ser doutro xeito- no acto que este mesmo serán, ás 20.30 h, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, se desenvolverá para falarmos sobre a nosa lingua, tendo como escusa o libro En castellano no hay problema.

Déixovos con dous poemas da autora. O primeiro, tan breve como sobrecolledor, pertence a Follas novas:
Non coidarei xa os rosales
que teño seus, nin os pombos:
que sequen, como eu me seco;
que morran, como eu me morro.
O seguinte é o penúltimo texto de En las orillas del Sar, onde a autora se amosa consciente da falta de recepción da súa obra (lembremos que o único libro que reeditou en vida foi Cantares gallegos), mais tamén sabedora de que está a levar a cabo unha batalla, da que nós somos debedores:
Glorias hay que deslumbran, cual deslumbra
el vivo resplandor de los relámpagos,
y que como él se apagan en la sombra,
sin dejar de su luz huella ni rastro.

Yo prefiero a ese brillo de un instante,
la triste soledad donde batallo,
y donde nunca a perturbar mi espíritu
llega el vano rumor de los aplausos.

23 de fev. de 2011

Hoxe na Guarda, mañá en Bertamiráns, pasado en Moaña


Por se andades por algún destes lugares e vos apetece, estades convidadas e convidados aos seguintes actos nos cales participo:

Hoxe, 23 de febreiro: A Guarda, dentro da I Festa da Lingua que organiza o alumnado do equipo de normalización lingüística do IES A Sangriña. A miña conferencia comezará ás 18.30 h no centro educativo e estará aberta non só á comunidade escolar, senón a todas as persoas que puideren estar interesadas.

Mañá, 24 de febreiro: Presentación en Bertamiráns (Ames) do libro En castellano no hay problema. O Pazo da Peregrina acollerá ás 20.30 h o acto, no cal tamén participarán Rafa Vilar (escritor e técnico de normalización lingüística) e Silvana Castro (profesora do IES de Ames e membro da Xunta Directiva da Mesa). Ollo: ao comezo ía ser ás 20 h, mais ao final houbo que pospolo media hora.

Pasadomañá, 25 de febreiro: Presentación en Moaña do libro En castellano no hay problema. O acto organízao A Mesa do Morrazo na Libraría O Pontillón (rúa Concepción Arenal, 7 - A Seara). O evento presentarao ás 21.30 h Benxamín Riobó, responsábel da Mesa na comarca. Unha hora antes, esta asociación desenvolverá unha asemble aberta para todas as persoas que quixeren participar.

E, como xa non falta tampouco moito tempo, vouvos convidando para a presentación de En castellano no hay problema o 4 de marzo. Organízaa a libraría Aira das Letras na Fundación Vicente Risco en Allariz. Participará o alcalde da localidade, Francisco García.

Pola nosa lingua, nin un paso atrás!

22 de fev. de 2011

En galego vivo Vigo


Iria Taibo e mais eu mantivemos esta mañá unha entrevista con Santi Domínguez, tenente alcalde de Vigo, para vermos posibilidades de colaboración entre A Mesa e o maior concello de Galiza, un dos que máis padece o proceso de desgaleguización.

Á saída, tamén comentei ante os medios alí presentes o lamentábel caso de Eloymar Tranvías, empresa concesionaria que denunciou o Concello porque este se dirixía a ela na lingua propia do país.

Lembrei que esta compañía só decidiu "esquecer" o galego desde que Alberto Núñez Feijóo entrou a gobernar na Xunta. Mentres a nivel autonómico gobernaba o bipartito PSOE-BNG, comprendíano sen problema. Que casualidades, non?

Tamén incidín en que A Mesa será especialmente atenta a se esta empresa, como beneficiaria dunha concesión pública, garante os dereitos lingüísticos, tal e como estipula a lexislación.

Esta empresa que non quere o galego só ten aparcadoiros en Vigo. Son estes cinco: o Parking Independencia, o Parking Urzaiz, o Parking Pintor Colmeiro, o Parking Policarpo Sanz e o Parking Areal. Se non teñen os rótulos, documentacións e información cando menos en galego, por favor non deixedes de informar (se pode ser, coa correspondente fotografía) á Mesa pola Normalización Lingüística, no correo amesa@amesanl.org. Ademais da queixa formal, poderase estudar tamén a posibilidade de irmos pola vía xudicial para que o noso idioma tamén estea presente.

Falamos galego e temos dereitos!