13 de abr. de 2011

Hoxe ás 19 h, recital en Santiago

Non esquezades que hoxe ás 19 h, na cafetaría Airas Nunes de Santiago de Compostela (rúa do Vilar, 17) haberá un recital poético contra a amnesia e a desfiguración da historia da sexualidade. Ou, mellor, dito en termos positivos: un evento a través do cal poetas de diferentes xeracións darán palabras á memoria, á efeméride de que esta semana se fagan 950 anos do matrimonio homosexual máis antigo que se documenta en Galiza.

Algúns medios de comunicación fixéronse eco do acto de hoxe. Ademais dunha ampla entrevista onte ao mediodía en Radio Arousa, velaquí o que dixeron algúns medios escritos:

12 de abr. de 2011

Citas coa lingua

Ás 20.30 h deste serán, presentarase na vila de Ordes o libro En castellano no hay problema, coa compaña de Gonzalo Castro e de todas as persoas que poidades asistir. Será no Museo do Traxe Juanjo Liñares (Campo da Feira, s/n). Igual que en todos estes actos, valoraremos a situación do noso idioma e miraremos as perspectivas que temos que labrar para garantirlle un presente máis digno e un futuro saudábel.

Supoño que para a maioría das persoas que ledes este blogue xa non vos virá tan ben o outro evento de presentación do libro que hai programado para esta semana. O sábado 16, na localidade de Campos, en Mallorca, as mozas e mozos que conforman Joves de Mallorca per la Llengua convidáronme a ir falar deste libriño, para coñeceren mellor a situación do idioma de Galiza tras estes dous anos de goberno de Núñez Feijóo, algo especialmente importante para as Illes nun momento en que é probábel o retorno ao seu goberno autonómico dun PP tamén contrario ao seu idioma como nunca. Será ás 17 h no marco do Acampallengua.

Tedes un pase se faltades a calquera destas dúas citas, mais non o tedes se non colocades xa na vosa axenda o acto nacional que vai desenvolver a plataforma Queremos Galego o vindeiro 30 de abril ás 19.30 h na sala Capitol de Santiago, so o lema "O galego é a chave". Se tedes facebook, podedes manifestar aquí a vosa adhesión.

11 de abr. de 2011

In totos dies et noctes, in omne tempus vel tempora

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe, no cal tento esconxurar o esquecemento:

Pedro e Muño: 950 anos
In totos dies et noctes, in omne tempus vel tempora


O día 16 de abril do ano 1061 produciuse na parroquia de Santa María de Ordes, en Rairiz de Veiga, un acto de unión oficial entre dous homes: Pedro Díaz e Muño Vandilaz. Esta semana, pois, faranse os 950 anos da institucionalización deste emparellamento homosexual, realizado por motivos de afecto entre estes dous individuos, que se comprometen a viviren xuntos e a se coidaren.

Nas últimas semanas, houbo varios medios de comunicación que se fixeron eco desta efeméride, a partir do recoñecemento co premio Vicente Risco ao meu libro Amigos e sodomitas: A configuración da homosexualidade na Idade Media, que publicará axiña a editora Sotelo Blanco. Porén, non fun eu quen descubriu o relevo deste documento.

Primeiro, a comezos do século XX, Eduardo Hinojosa incluíuno entre os exemplos de “germanitas”, protocolos de fraternidade artificial rexistradas nos reinos de Galiza, Portugal e León. Xa nas últimas décadas dese século, o historiador John Boswell reproduciuno na súa obra As vodas da semellanza: As unións homosexuais na Europa premoderna. Quen consultar estes dous traballos, verá que neles hai, porén, un erro de datación, xa que o sitúan no ano 1031, debido a un erro de lectura que corrixiu José Miguel Andrade Cernadas na súa edición do Tombo de Celanova.

O que nunca pasou

A pesar do rigor do traballo de Boswell, como constata Sharon Marcus, “as súas afirmacións non tiveron impacto nas pesquisas posteriores sobre o matrimonio moderno”. Teriamos que matizar que si o tiveron no emerxente campo académico do estudos glbt (gais, lésbicos, bisexuais e transexuais), onde os seus ensaios están valorados entre os de maior incidencia.

A desconsideración do seu traballo noutros espazos académicos máis centrais non se debe á falta de probas que achegou o que foi profesor de historia medieval na Universidade de Yale, senón ás suspicacias, sobre todo extraacadémicas, para admitir unha relectura do pasado que conleva modificacións substanciais nos prexuízos do presente.

Boswell, con certeza, trae á luz casos concretos de solemnización das relacións de pares masculinos na Europa premoderna, como o de Pedro e Muño, que obrigan a redefinir algúns parámetros sobre a historia da sexualidade. Hai que indicar que non se sabe de emparellamentos análogos entre dúas mulleres, carentes, dedibo ao patriarcado, de todo recoñecemento público. A única aparición en dereito de parellas de mulleres foi para condenalas.

Que a acollida académica xeral ao traballo de Boswell fose, como pouco, morna, debe contextualizarse na polémica existente nas últimas décadas sobre o recoñecemento ou non dos plenos dereitos ás cidadás e aos cidadáns homosexuais ou bisexuais. Téñase presente que, aínda hoxe, en pleno século XXI, cando se produce o debate sobre a existencia (ou, no caso do Estado español, do mantemento) do matrimonio entre mulleres ou entre homes, as posturas contrarias basean o seu argumentario na inexistencia dunha tradición previa e, sobre todo, en que o matrimonio heterosexual é “a institución máis fundamental da civilización”, por citarmos unha esclarecedora definición de George W. Bush. No fondo, aí pervive a noción medieval do pecado público, a da ofensa persoal contra un precepto (neste caso, relixioso convertido en marca civilizacional) que terá repercusións de destrución colectivas (a da civilización occidental).

Só pondo de parte estes prexuízos anti homosexuais e as falsificacións que o tempo solidificou poderemos decatarnos do inmenso valor histórico, cultural e antropolóxico do escrito entre Pedro Díaz e Muño Vandilaz que conservamos no Tombo de Celanova.

Recital contra a amnesia

Para que este aniversario non desapareza da memoria, esta cuarta feira (mércores), 13 de abril, ás 19 h, na cafetaría Airas Nunes de Santiago de Compostela (rúa do Vilar, 17), desenvolverase un recital poético, organizado pola Agrupación Cultural O Galo (pertencente a Galiza Cultura), coa colaboración do Colectivo Gai de Compostela e BOGA, a agrupación de mulleres lésbicas e bisexuais de Galiza.

No acto participarán catorce voces de diferentes xeracións: Alicia Fernández, Andrea Nunes Brións, Antía Otero, Antón Fortes, Asunción Arias, Carlos Lixó, Fran Cortegoso, Gonzalo Hermo, Gonzalo Vázquez, Lois Diéguez, Luís González Tosar, María Rosendo, Marica Campo, Rosa Enríquez e quen isto escribe. O lema da convocatoria é unha expresión latina que se encontra no documento de unión entre Pedro e Muño: “in totos dies et noctes, in omne tempus vel tempora”; isto é: “en todos os días e todas as noites, para sempre”.

Con fe e sinceridade

Finalizo o artigo ofrecendo unha tradución do documento, onde se manifestan os coidados mutuos, a convivencia e os dereitos de herdanza no caso de que un faleza. A respecto do termo “amizade”, debe terse presente que non é un concepto que teña en absoluto o mesmo sentido que a día de hoxe. Abonda con lembrarmos os nosos cancioneiros medievais para nos decatarmos, mais tamén podemos reparar en como a amizade e o amor se entrecruzan en moitas alturas da historia e en moitas linguas e culturas. Pénsese por exemplo nas dificultades de tradución do Banquete de Platón, onde se usan ambos os termos de forma indistinta: “o amor de Aristoxitón e a amizade de Harmodio”, “mediante a amizade do seu amante”, “un individuo desta clase se fai amante dos mozos e amigo do seu amante”, etc.

Velaquí o texto da unión:

Pedro Díaz e Muño Vandilaz pactamos entre nós e para coñecemento dos demais, por escrito legal asinado o 16 de abril de 1061, no relativo á casa e á igrexa de Santa María de Ordes, que posuímos os dous e na cal somos iguais en labor, en acoller visitas, en coidala, decorala e gobernala, así como plantar, edificar e traballar na horta. Somos iguais tamén no coidado de nos vestirmos, de nos alimentarmos e de bebermos. E que un non dea nada a ninguén, nin foráneos nin hóspedes, sen o consentimento do outro, por honra da nosa amizade e da súa. E dividiremos por partes iguais o traballo da casa e encomendaremos por igual e sosteremos os nosos traballadores por igual e con dignidade. E seremos un para os demais bos amigos con fe e sinceridade, tendo por igual os mesmos amigos e inimigos todos os días e todas as noites, para sempre. E que habitemos dita casa en igualdade. E non permitamos que un mande sobre o outro naquela casa da vila de Santa María, nin que teñamos maos agoiros con ningún dono ou dona, nin que teñamos a ningún home vivo en menos estima pola súa causa durante a nosa vida. E que non teñamos ningún preito polas estremas da casa, e se mentísemos algún aos outros, e por mor da mentira mandásemos maos agoiros aos outros e rachásemos o acordado, quen tales cousas fixese pague 100 soldos e teña a súa verdade. E se Pedro morrer antes que Muño, deixará a Muño a propiedade e os documentos. E se Muño morrer antes que Pedro, deixaralle a casa e os escritos.

10 de abr. de 2011

De Cedeira a Ordes



Un día antes do recital en Santiago, presentarase en Ordes o libro En castellano no hay problema, que segue con esta particular xira por toda Galiza. Será, pois, o día 12 de abril, ás 20.30 h no Museo do Traxe "Juanjo Liñares" (Campo da Feira, s/n). Acompañarame Gonzalo Castro.

Xa que falo do libro, deixo aquí dúas fotografías do acto de presentación en Cedeira, que subiu ao facebook o incansábel Fernando Iglesias. A próxima vez dígolle a toda a xente que se poña diante! (Grazas, compas!)

9 de abr. de 2011

Recital este día 13

Tomade nota:

Esta cuarta feira (mércores) día 13, ás 19 h, na cafetaría Airas Nunes, desenvolverase un interesantísimo recital poético, organizado pola A. C. O Galo (pertencente a Galiza Cultura), coa colaboración de BOGA e o CGC.

O motivo deste acto será que non pase desapercibido o aniversario do matrimonio homosexual máis antigo que se documenta en Galiza, entre Pedro Díaz e Muño Vandilaz. A súa unión foi en abril do século XI, porén prometían compartir o fogar e coidarse o un ao outro "in totos dies et noctes, in omne tempus vel tempora".

Participarán no acto do día 13:

Alicia Fernández

Andrea Nunes Brións

Antía Otero

Antón Fortes

Asunción Arias

Carlos Lixó

Fran Cortegoso

Gonzalo Hermo

Lois Diéguez

Luís González Tosar

María Rosendo

Marica Campo

Rosa Enríquez

Eu tamén lerei algúns versos.

Vémonos alí!

Abrindo portas á lingua

Esta é unha das fotografías que difundiu onte Europa Press da miña entrevista coa presidenta do Parlamento galego. Foi o primeiro encontro que tiven coa persoa que ocupa o cargo nesta lexislatura e debo sinalar que foi do máis cordial, a pesar das discrepancias de visión en aspectos centrais sobre o que significa termos un idioma propio e a vulneración de dereitos lingüísticos que se dan en Galiza.

A fotografía pode servir como metáfora tamén dunha porta que onte abriu a presidenta do Parlamento ao noso idioma na telefonía móbil. Pilar Rojo comprometeuse a que a próxima concesionaria de telefonía móbil do Parlamento terá que garantir a atención en galego. A licitación será antes de que finalice o actual período de sesións, polo que nun prazo máximo de dous meses poderemos verificalo.

Ademais de que simbolicamente sexa importante, esta condición axudará a concretar na práctica a aplicación da lei 1/10, que nos debería garantir os nosos dereitos lingüísticos na atención telefónica. Porén, a cantas de vós non vos responderon de má maneira por falardes galego, a cantos de vós non vos cortaron as chamadas, como se fose un problema técnico, polo feito de falardes na vosa lingua? Temos que conseguir fecharlle as portas á discriminación e abrirllas aos nosos plenos dereitos como cidadás e como cidadáns.