Mostrando postagens com marcador sociolingüística. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador sociolingüística. Mostrar todas as postagens

17 de mar. de 2022

Os pesimistas tamén se enganan


Os pesimistas tamén se enganan

Cando nos detemos a pensar sobre o pasado, o presente e o futuro do galego, hai dúas preguntas fundamentais que temos que nos facer en voz alta. A primeira, por que o idioma nado para ser o natural da Galiza -de aí o seu nome: galego- non deu consolidado até o momento o seu espazo social. A segunda, por que unha fala reprimida fisicamente por séculos nas escolas (ao menos de 1543 a 1980, como documentamos no Libro negro da lingua galega), afastada dos templos (nunha exclusión que non padeceron catalán nin vasco) e desprovista de todo auxilio institucional durante medio milenio conseguiu sobrevivir e mesmo aspira a deixar atrás todos os confinamentos.

Houbo varias bocas agoireiras que, xeración tras xeración, pregoaron o inminente fin do noso idioma e lle cantaron os responsos: "está llamado a desaparecer" (1877), "el  dialecto ha desaparecido" (1888), "que huye, que se esconde, que se fusiona, se bastardea, se muere" (1888), "un paso más y la lengua gallega desaparece" (1906), e tantas outras profecías anunciadas por persoas que xa van alá, en canto a lingua continúa acesa nas bocas e nos corazóns. Do mesmo xeito que naqueles filmes de serie B en que se dá por morta e sepultada unha persoa e surte unha man vitoriosa de entre a terra remexida, así a proscrita "lingua B" dá a sorpresa e rexorde cando pouca xente a agardaba. Tanxugueirízase.

Esta constatación, que é tamén un voto esperanzado nun destino por labrar, non cae na negación dunha realidade de “emerxencia lingüística”, como ben sinalou nestas páxinas Marcos Maceira. Ninguén pode desmentir a crúa hemorraxia de falantes que nos lembra o inquérito de Sondaxe, nin que no ano 2022 perduran vetos impropios destes tempos. A situación máis grave dáse no ensino, cun decreto de “plurilingüismo” cuxos efectos lesivos saltan á vista en todos os estudos que se publican. O que en 2009 era advertencia, hoxe é confirmación.

A evolución do galego non ten nada de especial dun punto de vista sociolingüístico: pode florecer ou recuar segundo foren as políticas das administracións. Nin máis nin menos. Do mesmo xeito que outros idiomas que estiveron en risco e se recuperaron, o da Galiza pode deixar atrás a precariedade se se tomaren as medidas. Nin o Goberno galego nin a inmensa maioría dos concellos van hoxe nesa dirección. Oxalá muden o rumbo e que non venzan os dos responsos.

(Publicado no xornal La Voz de Galicia no pasado sábado, 12 de marzo de 2022).

20 de ago. de 2015

O galego é a 7ª lingua inicial de Cataluña


Póñome a ler o relatorio anual da Plataforma per la Llengua sobre a situación do catalán. Na epígrafe vinte e dúas encóntrome co dato de que o idioma de Galiza continúa nun posto destacado entre as linguas iniciais de varios miles de veciños e veciñas do Principat, froito da emigración de hai décadas, mais tamén da emigración máis recente. Procuro pola rede e vexo algunha informacións máis sobre eses datos do inquérito de usos lingüísticos realizado en 2013. Hai que lembrar que nese 10% hai case 300 idiomas, polo que a emigración galega continúa a ter un peso cualitativo e cuantitativo importante neste país.

O estudo que me achega máis luz sobre esta situación somerxida é este, realizado por Sabela Labraña, que até hai unhas semanas foi profesora na Universitat de Barcelona e que conta entre esas 33.200. (Trinta e tres mil duascentas persoas! Hai máis falantes iniciais de galego en Cataluña ca habitantes teñen concellos como Ribeira, Lalín, Monforte...!)

Na miña última visita á capital catalá vin que na paisaxe urbana continúa a haber moitísimos bares ou restaurantes co nome en galego -o meu preferido foi Cañota-, algúns cun topónimo galego castelanizado e, nun único caso, vin tamén un catalanizado. Porén, boa parte deses estabelecementos xa só teñen de Galiza o nome, pois están rexentados por emigrantes procedentes de Asia.

Non coñezo ningún estudo sobre esas denominacións galegas de empresas en Barcelona e/ou Cataluña. Se alguén souber da súa existencia, por favor que o socialice comigo, pois gustaría moito de o ler.