26 de jul. de 2012

Reparade en cada matiz: "Unha doutora do SERGAS exixiu a familiares dun moribundo que non falasen en galego na súa propia casa"

Desculpade o longo título desta entrada, mais penso que é conveniente, moi conveniente, reparar en cada unha das partes da cabeceira deste comunicado que enviamos hoxe desde A Mesa pola Normalización Lingüística.

Primeiro: é unha doutora a que exixe que non se dirixan a ela en galego. Non é a primeira vez que unha noticia coma esta sae nos medios de comunicación. Unha pediatra do Hospital Modelo da Coruña tamén daba a orde de que lle falasen só en castelán, e trasladaba o seu mandato fóbico tanto aos pequenos pacientes como aos seus familiares ou acompañantes. O centro sanitario non só non o negou, senón que o xustificou publicamente a través dun comunicado (!). Por se alguén o dubida ou esqueceu, iso foi en pleno século XXI, hai cinco anos. Que atención médica pode prestar quen se nega a escoitar a palabra dos pacientes?

Segundo: neste caso trátase dunha doutora do SERGAS, non da facultativa dunha clínica privada. É traballadora da Administración autonómica galega a que insta a que non lle falen en galego. Que teñen para dicir sobre isto o tan galeguista presidente da Xunta, as e os gobernantes da Consellaría de Sanidade, o ornamental secretario xeral de Política Lingüística? E as institucións culturais galegas (Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega) sairán do seu letargo perante casos coma este? Varremos debaixo da alfombra e facemos como se non pasase?


Terceiro: tal e como relata un dos familiares, a doutora realizou tal orde de maos modos, exixindo, con frases como “No te tengo por qué entender y me tienes que hablar en castellano”. A traballadora pública autonómica non só pronunciou a indecente orde de que non se dirixisen a ela en galego, senón que, ademais, frivolamente, no leito de morte dunha persoa, opta por se enfadar ao ver que non encontra unha resposta submisa.

Cuarto: a orde de non usar o galego deulla a familiares dun moribundo, con toda a vulnerabilidade e dor que significa tal abuso de poder nese contexto.

Quinto: a exixencia de que non usasen o galego realizouna na casa do moribundo e deses seus familiares. Non é falar o idioma que queiramos no noso propio fogar o mínimo que podemos exixir da tan cacarexada "liberdade lingüística"? Ollo, tamén, se lerdes o comunicado e a carta de queixa dun dos familiares; reparade en que a doutora mesmo instou a que expulsasen da zona ao neto do moribundo porque este quixo continuar a falar en galego (!).

En fin, desde aquí enviamos toda a solidariedade cara ás persoas afectadas, o noso total rexeitamento de situacións tan intolerábeis coma esta e a nosa reivindicación dunha pesquisa a fondo por parte da Xunta, que conleve as necesarias medidas de carácter disciplinario para que tales discriminacións non se produzan de novo.

3 comentários:

  1. Na nota da Mesa xa aparece o nome. Que cousas pasan neste país!

    ResponderExcluir
  2. Nunha época en que todo está xa na Internet (incluídas as esmorgas en bólas do príncipe Harry) non comprendo como aínda non están os vídeos deste tipo de escenas. Non sería difícil conseguilos. Abonda con presentarse como paciente cunha cámara oculta.

    ResponderExcluir