26 de ago de 1978

Sobre o Carlos Callón

(Ribeira, 1978). Escritor, profesor e activista.

Profesor de galego e portugués en secundaria e pesquisador sobre sociolingüística e literatura, materias sobre as cales é un prolífico conferencista. É membro do grupo de pesquisa ILLA, da Universidade da Coruña.

Entre os varios libros que publicou salientan os títulos Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (2011, premio Redelibros ), Amigos e sodomitas (2011, premio Vicente Risco e premio Fervenzas Literarias), Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez (2012) e Atravesar o fantasma (2014).

É presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística (a maior asociación cultural de Galiza), entidade que dirixiu entre 2002 e 2014. Tamén foi concelleiro na oposición na súa vila natal e presidente durante dous anos do Comité de Estado da Axencia Europea das Linguas Minorizadas.

Para unha información un pouco máis ampla podes clicar aquí.

Libros publicados

Atravesar o fantasma
ISBN: 978-84-9914-760-4
Xerais, 2014.
Cunha forma setenaria, este poemario debrúzase sobre os dous temas centrais na vida de calquera ser humano: o eros e o tánatos, dos cales queremos falar mais sobre os cales só podemos balbucir.

Finalista do premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro de Poesía de 2014. Finalista do premio Fervenzas Literarias á Mellor Portada de 2014.
Finalista do premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores ao Mellor Libro de Poesía de 2014.



 Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez
ISBN: 978-84-9914-447-4
Xerais, 2012 (4ª ed., 2013)
De xeito desenfadado e mediante anécdotas, neste libro práctico ofrécense consellos para darmos o paso para usar o galego ou para mellorarmos a nosa calidade lingüística. Componse de catro partes: "Falar en galego é doado... se sabes como", "Como se 'inventa' o galego", "Viva o galego cerrado!", "Indo á fonte limpa. As escollas normativas" e "Non mates o rato (que non ten culpa)".

Finalista do premio Fervenzas Literarias de Ensaio 2012. Finalista do premio Ánxel Casal ao Libro de Non Ficción 2012. Finalista do premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega de Ensaio 2012.
 


Como defenderes os teus dereitos lingüísticos
ISBN: 978-84-9914-287-6
Xerais, 2011

Manual práctico con consellos para vivir en galego. Presenta propostas realizábeis no día a día e información clara sobre os dereitos lingüísticos que nos asisten. Protagonicemos a revitalización do noso idioma!

Premio Redelibros á mellor obra de non ficción en galego de 2011. Finalista do premio Fervenzas Literarias 2011. Finalista do premio Ánxel Casal 2011 ao Libro de Non Ficción. Finalista do premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2011.


Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media
ISBN: 978-84-7824-614-4
Sotelo Blanco, 2011
Este ensaio explica cando e como se configurou a homofobia. Para iso, fanse accesíbeis numerosos textos medievais, sobre todo galegos, que deparan algunhas sorpresas.

Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2011. Premio Fervenzas Literarias ao mellor ensaio en galego de 2011. Primeiro finalista do premio Redelibros 2011 na categoría de non ficción. Finalista do premio Ánxel Casal 2011 ao Libro de Non Ficción.


En castellano no hay problema
ISBN: 978-84-9914-140-4
Xerais, 2010
Compilación de textos sobre a situación do galego, de setembro de 1997 a xaneiro de 2010. A análise con máis vagar prodúcese da política lingüística do bipartito (2005-09) e do comezo do goberno de Alberto Núñez Feijóo (2009-10). En Galiza non hai problema para vivir en castelán. E en galego?







Unha historia que nos pertence. A obra poética en galego de Lorenzo Varela
ISBN: 978-84-9640-346-8
A Nosa Terra
, 2005

Estudo sociolóxico da produción poética deste escritor exilado. Varela recupera o galego nun momento de desercións e acóllese ao programa literario de Luís Seoane, reliteraturizando a historia desde as marxes sociais e nacionais.








Podedes compralos por exemplo nas librarías da rede de Abertos ao Galego.

A ver que digo!

O meu nome completo é Carlos Manuel Callón Torres. Nacín o 26 de agosto de 1978 ás 3 da mañá, cando se celebraban as festas na miña parroquia, Castiñeiras, pertencente ao concello de Ribeira.


Currículo académico

Son profesor de Lingua e Literatura Galega e de Portugués en secundaria, nestes momentos no CPI Afonso VII de Caldas de Reis.

Licencieim
e en filoloxías Galega, Portuguesa e Románica na Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde realicei o Diploma de Estudos Avanzados en Teoría da Literatura e Literatura Comparada (máis ou menos equivalente aos actuais mestrados). Tamén finalicei un posgrao na Universidade de Vigo de Dirección e Xestión de Organizacións Non Lucrativas e un posgrao en Psicopatoloxía Clínica na Universitat de Barcelona; tamén realicei estudos de Psicoloxía na Universitat Oberta de Catalunya. Nestes momentos estou a preparar o doutoramento na Universidade da Coruña, onde pertenzo ao Grupo de Investigación ILLA.

Fun membro do Consello de Redacción de Longalingua. Publicación galega de lingua e sociedade. Así mesmo, colaborei nos primeiros pasos da Biblioteca Virtual Galega.

Dei ao prelo os ensaios Unha historia que nos pertence: A obra poética en galego de Lorenzo Varela (2005), En castellano no hay problema (2010), Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media (2011, coa que gañei o XVI premio Vicente Risco de Ciencias Sociais e o premio Fervenzas Literarias de ensaio, e foi primeira finalista no premio Redelibros á mellor obra de non ficción en galego de 2011, así como finalista do premio Ánxel Casal), Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (2011; premio Redelibros á mellor obra non literaria en galego dese ano e finalista dos premios Ánxel Casal, Fervenzas Literarias e da Asociación de Escritores en Lingua Galega) e Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez (2012; finalista dos premios Fervenzas Literarias, Ánxel Casal e Asociación de Escritores en Lingua Galega de 2012).

Tamén publiquei en lugares diversos pequenos textos de investigación sobre Rosalía de Castro, Fermín Bouza Brey, Eduardo Blanco Amor, Manuel Curros Enríquez, Xesús Pisón, António Botto, Antón Fortes Torres, Valentín Paz-Andrade, Xosé María Álvarez Blázquez, Xosé Chao Rego, a poesía galega medieval e diversos aspectos sociolingüísticos.

Fixen quilómetros abondo para ministrar conferencias sobre a literatura galega ou sobre sociolingüística en institutos, universidades, asociacións culturais, sindicatos, etc.

Creación literaria


Ademais doutros pequenos galardóns, como o Premio de Poesía do Burgo das Nacións (2000) ou do certame xuvenil de creación literaria do Concello de Ribeira (1995 e 1996), gañei o primeiro premio internacional de teatro breve Lauro Olmo (1996), o segundo do certame de relatos Repsol (1996), o segundo de poesía do Francisco Fernández del Riego (1997) e o premio de poesía do Concello de Ames (2012). 

Entre os 17 e os 23 anos participei en diversos recitais e publiquei contados poemas en revistas. Tras unha etapa de silencio público no xénero (sen me decidir ou sen ter tempo para ultimar algúns proxectos de libros que non saíron do meu computador), en 2014 publiquei Atravesar o fantasma (Xerais; finalista dos premios Fervenzas Literarias e Ánxel Casal ao mellor libro de poesía de 2014).

Activismo lingüístico

Afilieime con entusiasmo á Mesa pola Normalización Lingüística aos 16 anos. Nesa organización, que é a maior agrupación cultural de Galiza, fun responsábel das zonas da Barbanza e de Muros-Noia; un dos promotores da creación da sección xuvenil (Mocidade pola Normalización Lingüística), da cal fun o primeiro coordinador nacional; encargueime da xestión de campañas nos máis diferentes ámbitos, etc.

Fun tamén membro da dirección nacional desa asociación no período 1995-1999 e, ademais, exercín tamén a responsabilidade da presidencia da Mesa entre 2002 e 2014. Desde abril deste ano, os socios e socias recoñéronme en Asemblea Nacional coa Presidencia de Honra.

Presidín tamén a Fundación Via Galego desde a súa constitución en 2006 e, así mesmo, de 2008 a 2010 presidín o Comité de Estado da Axencia Europea das Linguas Minorizadas. Desde 2009 son tamén un dos portavoces nacionais da plataforma unitaria Queremos Galego. Fun podendo con todo iso porque se tratou e trata de proxectos colectivos.  En calquera caso, a miña implicación é forte porque entendo a causa do idioma como central no traballo por un mundo máis xusto e libre.

Actividade institucional

Supoño que non é errado incluír nesta epígrafe que me elixiron o delegado europeo para redixir as conclusións da Comisión de Cultura do Festival Internacional da Xuventude e os Estudantes que se desenvolveu na Habana en 1997. O que digo a seguir non é nada “institucional”, mais, como está vencellado, quero sinalar que a participación nese evento foi moi importante na miña vida.

Fun concelleiro nacionalista na miña vila natal entre xaneiro de 2001 e xuño de 2002, disque o máis novo elixido democraticamente en Ribeira até ese momento. Así mesmo, entre os anos 1997 e 2002 fun membro por designación parlamentar do Consello Asesor de RTVE en Galiza e, en funcións, do Consello Asesor da RTVG.

Aliás, participei na redacción do Plan xeral de normalización da lingua galega, promovido polo Goberno galego e aprobado por unanimidade do Parlamento en setembro de 2004.

Colaboracións xornalísticas

Para alén de publicar artigos con certa regularidade en varios periódicos galegos, mantiven seccións fixas sobre lingua na Radio Pobra e en Radio Obradoiro. Tamén colaborei con críticas de libros ou escénicas para A Nosa Terra e Tempos Novos.


Desde novembro de 2008 até xuño de 2011 publiquei todas as segundas feiras unha páxina completa de opinión no desaparecido diario Galicia Hoxe, so o nome “Por navegar ao desvío”.

No ano 2012 o Concello de Carballo outorgoume o seu premio de artigos xornalísticos.
[Actualizado o 30 de decembro de 2014]