
A través do referencial blog de Marcos Valcárcel, As uvas na solaina, chego a un artigo de Afonso Vázquez Monxardín no que aconsella "falar con propiedade" e non chamar "xenocidio" ao masacre do pobo palestino.
Vázquez Monxardín lembra literalmente a definición de xenocidio como a "negación do dereito de existencia a grupos humanos enteiros" e di que "non ten nada que ver coa guerra", que é onde sitúa o que está a acontecer en Palestina, con especial crueldade e miseria estes días, mais desde hai xa décadas.
Calibro, pondero, respiro fondo e afirmo que é un "xenocidio" o que está a acontecer en Palestina, partindo da mesmiña definición de Raphael Lemkin e partillando a mesma descrición, "xenocidio", utilizada por exemplo polo historiador israelí e xudeu Ilan Pappé.
A realidade está aí, dolorosa. En moi poucos días, as cifras oficiais falan de 1.033 palestinos asasinados -un terzo dos cales, 322, eran menores-, máis de 3.000 feridos e da destrución das escasas infraestruturas desa franxa convertida no maior gueto da historia. A inmensa maioría das vítimas son civís, por máis que as axencias de comunicación queiran definir como militares a funcionarios e policías, ao contrario do estabelecido polos Convenios de Xenebra.
Non, por favor. Que ninguén nos diga que non é para tanto. Que ninguén nos diga que ollemos para outro lado. Estase a cometer un xenocidio e non podemos ficar en silencio nin de brazos cruzados.
O vindeiro domingo, ás 12, desde a Alameda de Santiago, acudamos á manifestación nacional en apoio a Palestina.
Todos os días, apoiemos o boicote a Israel e exixamos accións gobernamentais para deter o masacre e a ocupación.
[A imaxe pertence a unha campaña de Jewish Voice for Peace, con datos sobre a Franxa anteriores á máis recente agresión militar israelí.]