12 de jan de 2012

Valentín Paz-Andrade defendía as políticas contra o galego de Núñez Feijóo?

Ando estes días, entre outras moitísimas cousas, a ultimar un estudo sobre a obra literaria de Valentín Paz-Andrade. Cando me debruzara hai anos en profundidade sobre Lorenzo Varela (do que saíra o libro Unha historia que nos pertence) o seu nome aparecera en moitas ocasións.

Tanto daquela como nos últimos meses non é pouco o que lin sobre este autor. Nada que me fixera pensar que Paz-Andrade puidese ser un valedor de calquera acción política contra o galego, senón todo o contrario. El acredita firmemente en que Galiza ten potenciais sen desenvolver en diferentes ámbitos e, na súa cosmovisión, o galego(-portugués) é un dos factores para lograr a prosperidade (tamén económica) para o país.

Mais velaquí que o espazo web que se pode considerar "oficial" sobre Valentín Paz-Andrade, onde o logotipo máis grande que figura é o da Xunta de Galiza (non sei canta responsabilidade ten en todo isto, nin directa nin indirecta), destaca á esquerda, en toda a navegación polas súas diferentes páxinas, o seguinte texto do homenaxeado:

Habería que preguntarse que se quere dicir salientando estas liñas, como se o bilingüismo de que aí se falaba, en 1968 (co galego totalmente ilegalizado, prohibido en calquera esfera!), fose o mesmo que no ano 2011 (onde o "bilingüismo" é xustamente unha arma para argumentar o seu retroceso e desamparo). É tamén o mesmo a noción de plurilingüismo de 1968 que o "decreto do plurilingüismo" da Xunta?! Por que a escolla e magnificación destas palabras?

Chama tamén a atención que o artigo de que se saca non o intitulase Valentín Paz-Andrade como O porvir da lingua galega (ese é o título xeral do libro, de varios autores, en que se insire), senón "A evolución trans-continental da lingua galaico-portuguesa". Por que o título que lle puxo o propio Paz Andrade non serve? É casual que non se indique?

Reparemos, ademais, en que a idea forza que nesas páxinas se defende (igual que en moitos outros seus escritos) non é que o suposto bilingüismo sexa xenial, senón que o galego pertence a un sistema lingüístico máis amplo e que debe aproveitar tal oportunidade que se abre para o presente e futuro de Galiza se cre no seu idioma, o restaura para as diferentes funcións e mesmo lle dá uso internacional.

Parece que se practica agora con Paz-Andrade o mesmo exercicio que mesmo se chegou a usar con Castelao. Como nalgún texto o nado en Rianxo falou de "bilingüismo" para defender o galego nun momento en que este estaba perseguido e non era nin oficial... resulta que Castelao se converteu nun adaíl do "bilingüismo harmónico" de Fraga!

É vergoñosa tanta terxiversación, tanta manipulación. Non o consintamos.

3 comentários:

  1. A min non só me parece vergoñento o que están a facer, porque facendo esas terxiversacións están a chamarnos "parvos" a unha gran maioría de galegos e senón o denunciamos e calamos, ao mellor é que até teñen razón.
    Cando Paz Andrade falaba de bilingüismo a min pegábanme na escola por falar galego.

    ResponderExcluir
  2. É outra manipulación máis totalmente interesada para levaren a auga ao seu muíño.

    Poderíamos salientar outros fragmentos que resultarían incómodos na consellería:

    http://agal-gz.org/faq/lib/exe/fetch.php?media=agalia:n65-66_testemunhos_de_reintegracionismo_nos_anos_60-70.pdf

    ResponderExcluir
  3. Que mellor xeito de dicilo? "Cando Paz Andrade falaba de bilingüismo a min pegábanme na escola por falar galego."

    Lamentabelmente, nestes momentos a manipulación continúa.

    ResponderExcluir